fbpx
Castro de Santa María de Cervantes / Xunta

O Castro de Santa María de Cervantes, o gran poboado mineiro de Galicia cunha igrexa medieval chantada na croa

Tempo de lectura: 2 min.

O Castro de Santa María de Cervantes volve amosar o seu potencial. Na última campaña o equipo de especialistas localizou a existencia de varios elementos murarios superpostos sobre un gran afloramento rochoso. Segundo os primeiros resultados, estes muros forman parte dunha enorme estrutura de delimitación do recinto polo lado sur. “Estes novos achados reflicten a gran envergadura da obra de contención que se fixo durante a construción do castro de Santa María de Cervantes, o que permite aumentar o noso coñecemento sobre este conxunto e mellorar a súa conservación e posta en valor”, subliñou.

Ademais desta escavación, os traballos realizados durante esta última campaña, que contaron cun orzamento de 17.800 euros, tamén incluíron a limpeza manual e a consolidación puntual dos restos arqueolóxicos escavados nos anos 90 nunha superficie aproximada de 700 metros cadrados entre os que se atopan muros, pavimentos e outras estruturas. Ademais, realizáronse traballos de roza na contorna do xacemento.

Potencia mineira

O xacemento do Castro de Santa María de Cervantes é un dos conxuntos máis importantes para a investigación do fenómeno castrexo en Galicia. Corresponde a un poboado mineiro datado nos séculos I-II da nosa era e está integrado, ademais, polos restos de explotacións mineiras na súa contorna inmediata e por unha igrexa e unha necrópole na súa croa que se remonta cando menos ao século XIV.

Os estudos realizados revelaron numerosos datos sobre o período de transición das culturas prerromanas ao mundo romano, que explotaba os xacementos auríferos do río Navia e os seus afluentes. As minas son mostra dunha interesante corta de explotación a ceo aberto de considerables dimensións, para aproveitar o mineral aurífero primario, asociado a mineralizacións de ferro.

O conxunto foi declarado Ben de Interese Cultural en novembro do ano 2019 e, desde entón, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades leva investidos preto de 34.000 euros na súa investigación e mantemento.

Pode que che interese...