fbpx
Miliario romano do "Museo de los Caminos", procedente de Galicia, nunha foto de 1920 / Xabier Moure

Así se cambiou a procedencia dun impoñente miliario galego que acabou nun museo en Astorga

Tempo de lectura: 2 min.

No Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de xaneiro-febreiro de 1912, aparece un artigo titulado Nuevo miliario romano, escrito polo sacerdote e historiador Marcelo Macías (1843-1941). Escribe que apareceu cerca de Rábade, nunha finca de Victoriano Sánchez Latas (no 1925 foi presidente da Deputación Provincial de Lugo), quen logo llo regalou a Julián de Diego y Alcolea (1859-1927), daquelas bispo de Astorga (anos despois foi arcebispo de Santiago).

O miliario foi levado (como outras pezas procedentes de Galicia) para o coñecido como “Museo epigráfico y lapidario” (hoxe “Museo de los Caminos”), inaugurado no 1913, situado nun edificio do Bispado de Astorga, exposto, tal como se ve nunha foto do ano 1920, máis ou menos no lugar que ocupa na actualidade.

Quen visite o “Museo de los Caminos” de Astorga, axiña se decata de que o impoñente miliario, de máis de 2,5 metros de alto, semella presidir a exposición. Ao seu pé hai unha cartela onde se transcribe o texto epigráfico do século I d.C. dedicado ao emperador Calígula: “C. CAESAR DIVI / AVG. PRONEPOS / AVGVSTVS PONT. / MAX. TRIB. POT. III / COS. III P. P.”, traducido: (“Caio César Augusto, bizneto do divino Augusto. Pontífice Máximo, investido tres veces da potestade tribunicia. Cónsul por terceira vez. Pai da Patria”). Na cartela tamén se indica a procedencia: “Rábade. Lugo”.

É precisamente na procedencia do miliario onde está o erro, aclarado polo propio Marcelo Macías no Boletín da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense de maio-xuño de 1912, onde recolle que Sánchez Latas lle comunica que non apareceu en Rábade, senón en San Romao da Retorta, no concello de Guntín de Pallares. No artigo O Camiño Primitivo de Santiago: Ruta astur-galaica do interior, publicado en Lucensia (1993) polo historiador Ricardo G. Polín e o sacerdote e lingüísta Nicando Ares Vázquez, achégase que nos anos oitenta do século XIX o miliario foi trasladado de sitio polo propietario do terreo, reutilizándoo como columna dun pendello no curral da Casa de Perucho. Alí viuno José Trucharte, coengo da Catedral de Lugo entre 1880 e 1886, que foi o que deu aviso ao avogado Victoriano Sánchez Latas, futuro presidente da Deputación.

Polo tanto, a cartela que figura no “Museo de los Caminos de Astorga” non é correcta, ben porque non teñen constancia da corrección realizada no 1912 por Marcelo Macías, ou porque a errada procedencia tamén figuraba nalgún traballo publicado posteriormente como, por exemplo, no famoso Vías romanas de Galicia (1960), de Estefanía Álvarez.

Miliario romano na actualidade, no Museo de los Caminos de Astorga / Xabier Moure

Polo tanto, é necesario que a cartela que figura ao pé do miliario debe ser correcta xa que polo “Museo de los Caminos de Astorga” pasan miles de persoas ao ano que lle fan fotos ás pezas e logo divulgan unha información que non é real. Dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares xa lle enviarmos ao museo un correo, coa documentación que o acredita, para que o corrixan.

En San Román da Retorta hai unha reprodución.

Escrito por

Divulgador e investigador do patrimonio. Impulsor do colectivo Patrimonio dos Ancares

Pode que che interese...