Desenterrando a cidade romana perdida de Brandomil
Brandomil foi un asentamento romano de considerable importancia. Algúns identifícana coa urbe romana de Grandomiro. Pero, polo momento, non está claro o que se atopa baixo esta parroquia do concello de Zas. Houbo unhas escavacións no 2007 e 2008 realizadas por Juan Naveiro. Nas escavacións atopáronse moedas, cerámicas africanas de diferentes épocas, xoias, vidros, aras, placas, frontón de mausoleo, o que pode indicar a importancia desta cidade, onde se puideron establecer membros da Administración imperial.
Os primeiros cálculos estiman que aurbe romana podía abarcar ao redor de 25 hectáreas. Cruzada, de seguro, pola vía XX per loca maritima, que ía de Braga a Astorga pola parte costeira da Gallaecia e subía cara Brigantium. No lugar o camiño facía unha Y facendo dous ramais para as minas de Vilarcobo e Pozo Limideiro. Esas calzadas romanas, chamadas “Camiño Real” na Idade Media, foron soterradas baixo unhas estradas de asfalto durante a concentración parcelaria. A mansio Grandimiro ou Glandomiro foi localizada en Brandomil por varios historiadores como esa estación na vía XX.
Desde o 2008 non se volveu a investigar. Daquela, os achádegos demostraron que era máis importante incluso do que se pensaba, e de aí que a Fundación Brandomil, que leva anos tentando desenterrar a historia que oculta a actual vila, insista na investigación co obxectivo de coñecer que hai debaixo do novo Brandomil e desenterrar as vellas vías de comunicación.
Novas investigacións
Así, este pasado luns 9 deron comezo as intervencións arqueolóxicas nos terreos da Fundación Brandomil. Un equipo de 5 arqueólog@s e vari@s voluntari@s levan esta semana, e estarán ata a vindeira, facendo unhas catas para ver que se pode atopar. “Empezaron un pouco escépticos pero xa están descubrindo cousas moi interesantes para ir sacando á luz todo ese pasado histórico tan importante”, sinala a QPC José Pérez, membro da Fundación, que lembra a idea principal do proxecto: “O que se trata é de redescubrir o pasado para apuntalar o futuro”.
As obras están lideradas polo arqueólogo xalleiro Lino Gorgoso, de Adro. Xa localizaron unha vía empedrada cun pavimento tipo glarea así como abondosos derrubos de tegula romana e cerámica finais do século I ao II d.C. Os traballos están parcialmente financiados pola Deputación da Coruña e polo GDR. Vía QPC.