Era a fonte máis antiga da aldea unha sauna castrexa?
“Segundo a tradición oral é a mais antiga do pobo”. Trátase dunha fonte situada, no lugar, precisamente, da Fonte en San Facundo, Cea, da que unha das integrantes do grupo Arqueoloxía de Galicia e colaboradora do noso xornal, Lidia Mariño, reparaba nun curioso parecido. “É posible que esteamos ante parte dunha sauna galaica reaproveitada nunha fonte?”
E é que o frontal da fonte aseméllase moito, ben a unha pedra formosa, ben á porta de acceso, do tradicional modelo de sauna galaica atopada en varios dos nosos castros. De feito Mariño, que chamou á atención tamén de Historia de Galicia, empregou para ilustrar a súa teoría a pedra formosa do castro de Briteiros, no norte de Portugal, coa que a semellanza é máis que razoable.
Tamén varios expertos no mundo galaico, pronunciáronse sobre o tema na publicación. Para o investigador e divulagador Paco Boludoda a semellanza coa de Briteiros II é máis que razoable. Tamén outras saunas dos nosos castros como o de como poderían ser a do Santuario de Galaicos en Bacelos e a de Augas Santas en Allariz. Outro caso semellante podería ser a fonte de Punxeiros en Ames.
Ademais apúntase tamén á posible decoración prerromana da pedra. Se ben a simple vista vese nitidamente unha cruz, o que podería denotar unha cristianización do elemento, para algúns expertos á vista das fotos poderíase rastrexar outras gravaduras decorativas, como liñas circulares simétricas. Tamén se apunta á posible rotura dun oculiño superior, o que faría encaixar aínda máis a teoría.