Descubre como era unha sauna galaica en 3D
Un dos elementos máis singulares da nosa cultura castrexa, tamén dos que máis sorprenden ós expertos, son as saunas dos nosos castros. Localizadas nas aforas do poboado, preto de regatos e con en lugares de certa pendente, as saunas eran presumiblemente espazos rituais para a purificación e limpeza do corpo e máis da tamén alma.
A elas se accedía por unha pequena abertura circular, en ocasións non máis grande do o imprescindible para a entrada dun corpo, a unha sala pechada, case subterránea. Esta entrada facíase a través dunha gran pedra furada, polo xeral excepcionalmente decorada, que coñecemos como pedra formosa, e que era un dos elementos escultóricos máis ricos do castro. Todos estes aspectos fannos pensar nunha función de aseo, máis tamén presumiblemente ritual e social da sociedade galaica.
- Esquema dunha sauna castrexa / terrantiquae.com
- Sauna do castro de Borneiro, Cabana de Bergantiños / foto HdG
- Imaxe do forno da sauna castrexa do Castañoso, na Fonsagrada / Mariña Patrimonio
Mais, a partir de agora imaxinar como sería unha sauna castrexa vai ser moito máis doado para todos nós. Pois a dende o proxecto Lanóbrigan, baixo a dirección e execución de Paco Boluda e de Carlos Paz, está a traballar nunha proposta en 3D dunha “Sauna-Santuario”. Trataríase dun edificio da Alta Idade de Ferro, no século II-I A.C, pertencente á tipoloxía construtiva exclusiva dos castros do noroeste peninsular.
A empresa, que xa deseñou outos grandes elementos da nosa cultura en 3D, como a catedral de Santiago, está a desenvolver neste proxecto unha singular proposta, chea de cor e que trata de aproximarse, como ata o de agora nunca se fixera, á imaxe que podería ter esta importante tipoloxía. Trátase dunha recreación excepcional, pois para o gran público non é doado facerse unha idea da singularidade e riqueza deste tipo de construción recuperada dende a arqueoloxía.
- Sauna castrexa en 3D visión preliminar / foto Lanóbrigan
- Sauna castrexa xa en 3D visión preliminar / foto Lanóbrigan
- Sauna castrexa xa en 3D visión preliminar / / foto Lanóbrigan