Ilustrando “Na Noite estrelecida” de Cabanillas.
Dende a capa ata a derradeira páxina os ollos que percorren Na noite estrelecida atravesan pasaxes onde reinan solemnes camiños. Estrelas, amenceres e constelacións resplandecen contra unha escuridade que escraviza na ausencia e no baleiro. Poden contemplarse estes astros da Natureza dispostos como augurios: as novas raiolas do nacente sol como un halo das montañas, as estrelas fulgurantes que cobren de luz os bosques como un manto, as protectoras constelacións bordando os ceos. Luces que elevan e distinguen a realidade na que se vive. E nas cales as persoas xa nos albores da Historia viraron a sua vista na procura de referencia, orientación e anuncio. Con elas non existe a mente escravizada polas cadeas do temor e si un espirito e unha mente que se inspira, crea, estuda, conforma, traballa, se relaciona, fala, pensa, é libre.
Con elas se suceden feitos extraordinarios que veñen a acompañar ese espírito. Así aparecen nos relatos sabios dragóns, brancos cisnes coroados e cidades inmortais que prenden a vontade de vivir. E este lume, sexa na alma de estadista ou mariñeiro, editor ou artista, pode chegar a mudar o curso dos feitos. Así foi concibida Na noite estrelecida en 1926. Da man de Ramón Cabanillas e do ollo de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Un libro impreso en Mondariz Balneario e que como obra era froito da atmosfera do Seminario de Estudos Galegos. Como publicación supón a vez un proxecto literario, artístico e intelectual feito coa perspectiva dunha obra de arte total de inicio a fin. Dende as letras da portada ata o Grial da contraportada, este libro constitúe unha obra cénit polo carácter cohesivo da sua estética simbólica.
Este libro de poesía tivo a sua semente varios anos atrás. É preciso retrotraerse a 1919. Vicente Risco estaba a escribir a Doutrina da moi nobre orde galega do sancto graal, a cal foi logo entregada en forma de copia e nunca publicada como libro. Con todo non pode subestimarse a sua relevancia, porque constitúe un relato simbólico no cal se cruzan distintas referencias artísticas, literarias e musicais que tiveron unha fonda influencia na arte galega contemporánea. Esta obra chegou a Cabanillas polo mesmo Risco, quen escribiu a Losada Diéguez o seguinte en Xaneiro de 1922:
Eu fixen o seguinte: comprometín o Cabanillas para que me fixera un poema sobre cada unha destas 4 cousas: O corno de Breogan, A estrela do Apóstolo, A espada del Rey Artur e a Copa do San Graal, sobre as lendas que eu fixen e que él adornará o seu xeito. Logo eu escribirei unhos comentarios longos con obxeto de adoptarmos estas leendas e faguer coelas definitivamente o noso ciclo épico relixioso.
Cabanillas, en efecto, comezara a traballar sobre o relato de Risco. A publicación da sua poesía estendeuse de 1921 a 1923. Están recollidas O Cabaleiro do Sant Grial (saga) en A Nosa Terra o 1 de Agosto de 1921, en Alborada o 1 de Maio de 1922, en La Temporada en Mondariz sucesivamente o 15, 22 e 29 de Xulio de 1923 e en Terra o 25 de Xulio de 1923. A isto se lle une que Camilo Díaz Baliño integrou no Tríptico do Cabaleiro do Sant Graal (1922-1923) os versos que Cabanillas fora publicando de O Cabaleiro do Sant Grial. Neste ambiente o que rematou por levar a concreción de Na noite estrelecida foron dous feitos decisivos: o golpe de Estado de Miguel Primo de Rivera o 13 de Setembro de 1923 e a fundación do Seminario de Estudos Galegos o 12 de Outubro de 1923. O primeiro levou -polas circunstancias represivas da Ditadura- a un cultivo creativo e simbólico da cultura galega, dotada dunha significación proactiva. O segundo levou a unificación e a progresión dun traballo colectivo de distintas áreas en pro da sociedade galega e da sua representatividade no mundo.
Neses tres anos seguintes -de 1923 a 1926- os versos que traballara Cabanillas non apareceron publicados. Mais ese foi un tempo no que os temas que tratara foron adquirindo mais e mais lecturas. E se existe un elemento fundamental é o da arela de liberdade, a redención. Lonxe de ser unha lectura interesada, a Lenda artúrica constituía en toda Europa un alicerce simbólico de ideais de xustiza, coñecemento, paz e liberdade. Non de estrañar, por tanto, que fora o tema escollido para embelecer os interiores da biblioteca de Oxford. A materia de Bretaña ou Lenda artúrica constitúe unha auténtica árbore xenealóxica na que distintos territorios europeos están entroncados entre si, tendo todos unha identificación propia. Con tal ánimo en mente foi cando se levou a cabo a organización da poesía de Cabanillas para ser publicada en forma de libro.
A historia que Cabanillas narra comeza na noite de Nadal na cidade de Caerleón. Durante as festas o pobo acude a catedral, pero a mesma saída é testemuño dun feito. Merlín fai acto de presenza, tendo ante si, aos seus pes, un metal sagrado. O seu paso diríxese entón a Illa de Sálvora, a cal tamén é repouso das sereas que nela se dedican a cantar. Alí Merlín deposita Excalibur, que como espada quedará gardada por unha aguia real na illa, so descuberta cando a brétema esvaecese. Moitos pasan pola illa tratando de sacar a espada da rocha, mais ningún pode conseguilo. A Sálvora chega finalmente o fillo da Raíña Igraine e o Rei Uther Pendragón, Arturo, quen finalmente consegue sacar Excalibur. O pobo é quen recoñece nel, polo seu carácter excepcional, quen pode traer unha nova era e así o festexan tal como fixeran anos antes en Nadal. É así como Arturo comeza o seu goberno, instalando como símbolo a Táboa Redonda como mostra de principios. Os seus cabaleiros -o heroico Parsifal, o sabio Gundermaz- teñen asento nela. So falta un sitio por ocupar.
É nestas estancias, onde esta mesa, na que Arturo lles comunica a todos que é o momento de atopar o Grial. Cando todos eles se prestan a tal, aparece alí Galahad. El era quen faltaba na mesa e así o entende Arturo. Él é quen lle encomenda, mais que a ninguén, que leve consigo Excalibur na procura do Grial. El non sei ve á altura de tan honra, mais Arturo insiste ata que finalmente Galahad acepta ir sen mais honores que as palabras de Arturo. É así como este rapaz comeza a pescuda do vaso sacro. Atravesa o mar, guiándose polas estrelas que lle van indicando o camiño. Unha vez que tomou terra, unha espada descendeu do ceo cravando nunha rocha. Nese intre a terra abriuse ante Galahad para mostrar un camiño, que ao atravesalo chegaba a Galicia. Galahad proseguiu este camiño, se ben a saída ante el atopou a Besta. Coa intercesión dun Escudo consegue vencela. E así prosegue o seu camiño ata finalmente achar o Grial no Cebreiro, o cal so era posible sendo Galahad un verdadeiro cabaleiro.
Arturo veu cumprido en Galahad a procura do Grial. Ao levarllo iniciouse un tempo de calma, paz, prosperidade e coñecemento. Mais coa derradeira guerra Arturo, xa ferido mortalmente, da as derradeiras instrucións. El mais Galahad marchan a Illa de Sálvora, onde alí volve a introducirse a espada en terra. As estrelas dan anuncio do final de Arturo, pois todas elas caen do ceo para sumerxirse no mar. É entón cando Arturo, tras augurar o porvir que virá, ve chegar unha barca levada por cisnes negros. É dirixida por unha Doncela acompañada grinaldas de rosas. Ao chegar a terra onde está Arturo, a Doncela coloca un paso para que poida vir a barca. Tras subir a mesma Arturo comeza o seu sono mentras a Doncela pon rumbo a un novo destino. A Doncela navega durante tres días ata finalmente chegar a unha praia tranquila. Alí se acercan nove fillas de reis, que levan a Arturo durmido a unha furna. Unha vez todas dentro dispóñense a gardar o sono de Arturo, depositando nas suas mans Excalibur. So espertaría novamente no momento axeitado para traer un novo tempo. Así a furna péchase, e a Saudade cos seus dedos deixa escrito na rocha a seguinte palabra: ¡Esperade!
Esta historia foi traducida en imaxes por Castelao. Xa se fixera cargo do deseño gráfico e as ilustracións da revista Nós. En 1926, ademais, mudara certos aspectos da capa introducindo unha anta ao amencer. Esta experiencia previa serviulle para esta nova (e complexa) publicación. Para Na noite estrelecida establecéronse diversas ilustracións, a contar entre elas motivos da Natureza (luas rodeadas de estrelas; as constelacións; camiños na noite; rosas e cunchas rodeadas de flores e froitos), celtas (antas baixo o ceo nocturno; a Estrela branca iluminando unha caetra e unha espada de antena; antas no curuto das montañas, iluminadas polo amencer), da realeza (a rosa Tudor (portada), da cultura épica medieval (Excalibur sendo sacada da rocha; unha barca que navega na noite, dirixida pola Doncela; a Besta atravesada por unha espada; cisnes de testas coroadas; dragóns; unha pomba ferida cunha frecha; altares) e o cristianismo (Cristo no Domingo de Ramos; Cristo crucificado tras ser ferido por Lonxino, sendo a sua sangue recollida no cáliz; o Grial; o Crucifixo; a pomba branca sobre o Grial).
O libro foi impreso en branco e negro, con cada unha das ilustracións colocada a modo de fondo das iniciais de cada texto. As imaxes representadas nelas, xa foran escenas ou obxectos, facían referencia ao tema que ía ser tratado en cada parágrafo. O uso reiterativo destas ilustracións ao longo dos poemas -divididos nos capítulos A espada Escalibor, O cabaleiro do Sant Grial e O sono do rei Artur– reforzan as distintas dimensións do carácter simbólico da obra. Castelao móvese entre as referencias a arqueoloxía -o que sucede coas caetras e as espadas de antena-, a paisaxe -os vieiros vistos a noite, os ceos nocturnos- e a artistas galegos -moitas das citas simbólicas proveñen de Camilo Díaz Baliño-. Pero tamén da heráldica dinástica -o que sucede co emblema das rosas Tudor- e a arte europea -como a ópera Lohengrin (1850) de Richard Wagner, concretamente a escena do traslado en barca de Lohengrin levado por cisnes-.
A outra grande referencia é a iconografía e tema céltico. Cabanillas incorporou nomes e aspectos estéticos que Pondal escribira en Queixumes dos Pinos (1886) e que Díaz Baliño plasmara en pinturas e ilustracións. É así como Na noite estrelecida, pola connotación e apelacións dos seus relatos, constituía unha forza dinámica para beneficio da sociedade civil. Nela a fantasía non se reduce a caer na irrealidade, nin o simbolismo servir de disfrace, sendo un medio polo que filtrar falsidades. O cultivo da cultura galega, a investigación, a publicación, a concreción de imaxes non eran bagatelas propias de persoeiros presos dun pasado, fora do presente e menos preocupados polo futuro. Espírito, a arte da comunicación, reflectir, son características esenciais para o crédito para todo un país. E mais nas circunstancias da Ditadura.
Na noite estrelecida, coas súas ilustracións e deseños, estaba pensada para ser lida e ser vista por e para un público. A sua estética, a construción dos seus versos, os temas tratados e a elegancia das imaxes ideadas verbalmente expresa a importancia das publicacións en que a sociedade tome consciencia de si mesma. A contemplación da propia imaxe elevada pola poesía e polo deseño gráfico, man a man, tiña unha implicación en canto ao fortalecemento, a melloría de actitudes e pensamentos, a lembranza de temas, exemplos e detalles empregados en conversacións. Na súa suma de Arte, Literatura, Historia, Mitoloxía…polo seu optimismo, a habilidade para proxectar, e a sua faceta de ledicia e deleite, contribuía a unha atmosfera de resiliencia e disfrute contaxioso, de perspectiva e de confianza. Na noite estrelecida retroalimentaba de ese xeito luminoso o mesmo espírito que o pobo no que florecera.