fbpx
Petróglifos de tipo castrexo redescubertos na Igrexa Santiago da Veiga, en Sarria /Patrimonio dos Ancares

Redescubren dous petróglifos con motivos castrexos case únicos en Lugo

Tempo de lectura: 3 min.

O día 18 de abril de 2023, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegámonos ata a parroquia de Santiago da Veiga, en Sarria. Grazas á información facilitada por Antela López Dominguez, unha amante do patrimonio de Fonteabuín, puidemos ver dúas interesantísimas pezas que descoñeciamos, e que saibamos non aparecen catalogadas por Patrimonio da Xunta de Galicia. Só atopamos dúas pequenas referencias: unha de Fábregas Valcarce e Rodríguez Rellán en A Arte Rupestre no Norte do Barbanza, 2012; e a outra nun artigo de El Progreso no ano 2014 (“Reconstruidos en 3D un castro de Samos y un petroglifo de Sarria“).

Petroglifo formado por unha combinación de catro círculos concéntricos cunha coviña no centro redescuberto na Igrexa de Santiago da Veiga, en Sarria / Patrominio dos Ancares

En efecto, na parede oeste da igrexa foi reutilizada unha pedra granítica que conserva un petroglifo formado por unha combinación de catro círculos concéntricos cunha coviña no centro. O diámetro máximo é de 25 centímetros. Pola súa tipoloxía hai que encadralo dentro dos gravados rupestres da Idade do Bronce, hai uns 4.000 anos. Canto á función, crese que poderían ter un significado simbólico-relixioso de difícil interpretación, asociado a lugares onde se practicaría algún tipo de ritual. Na provincia de Lugo son moi escasas as gravuras deste período reaproveitadas noutras construcións, nós só coñecemos dúas situadas en Froxán e Proendos, no concello de Sober.

Dos máis de trinta grupos con petroglifos existentes no concello de Sarria, só coñecemos tres que presentan combinacións formadas por máis de dous círculos concéntricos (o último descuberto por nós no ano 2020 na Serra do Páramo, non moi lonxe da capela do San Marco). A maioría están compostos por coviñas, cruciformes, liñas e quizais algún podomorfo.

Pedra cun motivo decorativo formado por un complexo entrelazado en altorrelevo, cun círculo na parte superior e dous círculos máis na inferior, atopado na Igrexa de Santiago da Veiga, en Sarria / Patrimonio dos Ancares

Outra intesante peza

Pero se o petroglifo reutilizado da Idade do Bronce nos chamou a atención, non o foi menos outra peza situada na parte máis baixa da parede, e non só polo feito de que fora reaproveitada, senón polos motivos que presenta que non só son relativamente escasos na provincia de Lugo, senón en Galicia. Trátase dun interesantísimo motivo decorativo formado por un complexo entrelazado en altorrelevo, cun círculo na parte superior e dous círculos máis na inferior, cunhas características que podemos identificar coa plástica da cultura castrexa. A parte dereita está delimitada por unha figura en sogueado.

A pedra, rectangular, ten unhas medidas de 52 por 32 centímetros. Pode que formara parte dunha composición máis grande. Os motivos teñen unha certa semellanza cos atopados no castro de Rubiás, no concello ourensán de Bande, tipoloxía que tamén se documenta en Fontefría (Amoeiro), Medeiros (Monterrei), Santa Trega (A Guarda) ou o recentemente documentado polo Colectivo A Rula en San Vicente de Fervenzas, no concello coruñés de Aranga. Descoñecemos cal sería a función desta peza, pero seguramente formaría parte dunha construción de relevancia. Como conxectura, o altorrelevo quizais proveña dalgún dos tres castros situados non moi lonxe da igrexa.

Os achados xa foron comunicados ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia para que procedan á súa inclusión no catálogo de bens culturais.

Pode que che interese...