fbpx
Situación no Castro de Eirexe, en Castroverde, tras as obras do concello / Adega

Denuncian que obras do concello danaron un castro en Castroverde

Tempo de lectura: 2 min.

As asociacións ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia) e Mariña Patrimonio presentaron unha denuncia formal perante a Consellería de Cultura pola intervención nunha parcela integrante dun ben patrimonial catalogado, sen contar posiblemente coa preceptiva autorización previa de Patrimonio. Esta intervención foi levada a cabo polo Concello de Castroverde que realizou labores de recheo, posiblemente de forma ilegal, na parcela 27011A15800411 do Castro da Eirexe.

O Castro da Eirexe GA27011073 (San Miguel do Páramo, Castroverde, Lugo) é un ben patrimonial de gran relevancia que está incluído no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. A delimitación deste xacemento, xunto coa súa contorna de protección e mais os niveis de protección, están recollidos no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde.

Sobre este castro atópanse a igrexa parroquial de San Miguel do Páramo maila casa reitoral, que foi obxecto dunha polémica por unha “desafortunada consolidación”, segundo Adega e Mariña Patrimonio, realizada por un obradoiro de emprego. No transcurso dos traballos de consolidación, descubriuse unha importante necrópole medieval con máis de vinte tumbas altomedievais.

A parcela con referencia catastral 27011A15800411 está situada dentro da delimitación que o PXOM de Castroverde establece como zona de protección integral de Grao II para este xacemento arqueolóxico. Esta parcela, que antigamente foi a horta do cura, dividíase en dúas partes, unha para hortalizas na parte alta e outra para patacas na parte baixa. Entre ambas partes existía un claro desnivel co terreo irregular e en pendente.

Plano do PXOM de Castroverde co castro protexido

Recheos

Dende o mes de maio de 2023, membros de ADEGA e Mariña Patrimonio documentaron numerosos amoreamentos de entullos e refugallos na parcela 27011A15800411, procedentes da demolición parcial da casa rectoral. A finais de agosto e comezos de setembro de 2023, estes materiais, xunto cunha importante cantidade de zahorras, foron utilizados para realizar o recheo da parcela co obxectivo de nivelar e unificar as dúas partes da horta do cura.

“É importante sinalar que o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde clasifica estas áreas como Solo Rústico de Protección de Patrimonio con protección integral de Grao II, nas que prohibe expresamente os recheos e movementos de terras. Polo que o Concello de Castroverde estaría incumprindo as súas propias ordenanzas municipais”, indican as entidades nun comunicado.

Por outra banda, a Lei do patrimonio cultural de Galicia establece que a realización de calquera intervención nun ben patrimonial catalogado, como é o caso desta parcela, ten que ter autorización previa da Consellería de Cultura. Por iso din que, no suposto de que a Consellería de Cultura non teña autorizado estas obras de recheo, achaiado e transformación da morfoloxía do Castro da Eirexe, o Concello de Castroverde estaría incurrindo nunha infracción grave, segundo recolle a Lei do patrimonio cultural de Galicia.

Pode que che interese...