fbpx
Asentamentos humanos no conxunto do Estado en 1950 / USC

Así foi a evolución dos asemantemos humanos en España entre 1900 e 2020

Tempo de lectura: 2 min.

Un equipo integrado por investigadores da USC, da Fundación para a Investigación do Clima, así como das universidades de Colorado Boulder e de Southern California, acaban de procesar as pegadas de doce millóns de construcións para describir a evolución dos asentamentos humanos en España entre os anos 1900 e 2020. Así, entre as conclusións que achega o artigo ‘HISDAC-ES: historical settlement data compilation for Spain (1900–2020)’, publicado na revista Earth System Science Data, evidénciase que a cota de superficie construída en Madrid evolucionou do 1,6% en 1900 ao 6,5 en 2020, mentres que no caso de Castela e León a porcentaxe diminuíu, pasando do 21% ao 11%. O resultados obtidos poderían servir para modelar a influencia do crecemento urbano no clima.

No noroeste e a área cantábrica (Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, norte de Navarra e parte de Cataluña) produciuse unha tradicional dispersión da poboación rural en casas illadas e/ou pequenos asentamentos asociados a un clima atlántico, con agricultura e gandaría intensiva favorecida pola presenza de abundante auga. En cambio, o resto do territorio, de clima mediterráneo, experimentou asentamentos concentrados asociados a cultivos de cereais, viña e oliveira, así como a unha gandaría extensiva.

Sistemas de poboamento “diferente”

“Os resultados mostraron claramente dous sistemas de poboamento distintos en España, cada vez máis diluídos, asociados á súa evolución histórica e climática”, apunta o investigador da USC José Antonio Aldrey, autor do estudo xunto co tamén investigador Manuel Borobio Sanchiz. “Para cuantificar e comprender mellor os devanditos procesos, requírense fontes histórico-xeoespaciais como é o caso dos datos catastrais con datos relativos á propiedade, uso do edificio e ano de construción”, explican.

Tomando esa información como punto de partida, o equipo desenvolveu unha técnica innovadora que permitiu crear as primeiras superficies cuadriculadas de desenvolvemento de asentamentos históricos de España de 100 por 100 metros que amosan a densidade de edificación, a intensidade edificada e o uso do solo edificado. Ademais dos investigadores Aldrey e Borobio, integran o equipo investigador Dominic Royé, Johannes Uhl, Stefan Leyk e Keith Burghardt.

Metodoloxía

En concreto, xerouse un conxunto de superficies cuadriculadas de gran fino que describen as dimensións físicas, funcionais e temporais da contorna construída en España. Estas superficies abarcan, por exemplo, a área de construción, o número de unidades de vivenda, o tipo de uso de chan predominante e as estatísticas de antigüidade da construción cunha resolución espacial fina de 100 m × 100 m. Ademais, utilizaron a información sobre a idade dos edificios dispoñible nestas bases de datos de edificios para estimar e mapear as densidades históricas das construcións e o terreo edificado dende 1900 ata 2020. Os resultados avaliáronse con respecto a unha variedade de fontes de datos, incluídos datos de asentamentos humanos e datos de cobertura do chan obtidos mediante sensores remotos, representacións históricas do uso da terra baseadas en modelos e mapas históricos, así como imaxes aéreas históricas. Entre todas elas atoparon altos niveis de acordo.

Incertezas

Con todo, persisten algunhas incertezas: por exemplo, non se teñen en conta os edificios que existiron no pasado e foron demolidos e/ou reconstruídos. “Existen numerosas e prometedoras aplicacións desta investigación. Un exemplo do uso que se lle pode dar a estas superficies cuadriculadas é o feito de modelar a influencia do crecemento urbano no clima”, explican. Outras aplicacións do novo conxunto de datos son os estudos de exposición da contorna construída a perigos naturais, as interaccións entre os espazos construídos e o medio ambiente, así como a vulnerabilidade da infraestrutura construída.

Pode que che interese...