fbpx
Nenos cun colar de zonchos (castañas cocidas) visitando un cemiterio no Día de Todos os Santos / Apatrigal

Costumes do día dos Vivos e do día dos Mortos… o país onde a morte non é un tabú

Tempo de lectura: 6 min.

Para calquera sociedade tradicional, e a galega inda o é neste intre, a morte non foi percibida como unha desaparición ou perda da existencia senón coma a acción e efecto do cambio de estado da identidade verdadeira de cadanseu ser vivinte.

Vivos e mortos comparten pois o mundo, o universo diríamos nos, malia que polo cotiá en planos diferentes. Coma calquera deidade, heroe ou heroína, teñen un período especial para eles. Un día cuxa existencia permita pautar o tempo ou definir un ritmo concreto e predicible que permita á toda a comunidade estar “en fase”, vivir en sintonía co xiro da existencia nos seus múltiples planos.

Esta é unha idea moi antiga e que pertence pro indiviso a comunidades e sociedades por toda a ecúmene.

Ademais e dentro da complexa concepción do Mundo das sociedades tradicionais, pioneiras no manexo da idea de espazo/tempo e en boa medida alleas ó concepto moderno do tempo como sucesión de compartimentos sucesivos, certos espazos e lugares están impregnados por certas cualidades ou presentan propiedades que permiten a permeabilidade entre eses planos.

A relación sagrada cos devanceiros é algo universal nas sociedades tradicionais e esta ben mediada por unha conexión difusa ó longo do ano e cos espazos cotiás que precipita de xeito recorrente e faise mais intensa respecto de determinados intres e lugares considerados sacros debido a esa característica.

O triunfo ideolóxico e político do cristianismo fixo que moitos de tales espazos e tempos fosen reformulados e consagrados de novo ás entidades e identidades da nova relixión. O papa Bonifacio IV cara o 607 consagra á Virxe, na súa faceta de protectora de todos os mártires, o antigo Panteón de Marco Agripa, dedicado a todos os deuses e consagrado ó avatar vingador de Xúpiter.

O carro dos ósos dos mortos

Bonifacio fixo transportar 28 carros de ósos de mortos, mártires dos pagáns e procedentes dos cemiterios e catacumbas de Roma, para seren depositados neste gran edificio. Cada 13 de maio sería o día de tódolos santos na Nosa señora da Redonda ou A Rotonda como foi coñecida popularmente.

Está clara a intención por parte da xerarquía eclesiástica e dende os primeiros tempos, de camiñar sobre o lombo dos pagáns. Intelixentemente, sempre tiveron clara que a estratexia axeitada para impor a súa nova orde mundial, había de ser a flexibilidade calculada. É dicir, o mimetismo cos cultos verdadeiramente asumidos pola xente maila suplantación dos ritos e contidos dos mesmos.

Pode que por iso mesmo no 731 Gregorio III consagrase unha capela da catedral de san Pedro á todos os santos e desprazase o día de celebración cara o 1 de novembro.

No 837 gregorio IV fixa no calendario litúrxico a data do primeiro de novembro como Día de Todos os Santos. Isto quere dicir que dende ese intre xa pasaría a ser memoria da igrexa algo que até o daquela soamente era memoria libre desta.

Segundo unha lenda, un peregrino que voltaba de Xerusalén, naufraga preto dunha illa. Aló vivía un ermitán que lle informa de que nesa illa están presas dos demos as ánimas dos mortos sufrindo nas lapas e tormentos mais atroces. De cando en vez poden escoitárense os lamentos duns e berros doutros, mais tamén de cando en vez, os lamentos e xuramentos dos mesmos demos cando algunha da almas é liberada das penas debido ó efecto das oración do famoso abade de Cluni, San Odilo, martelo de demos.

Cando o peregrino volta a Francia rapidamente leva a mensaxe ós monxes: compre redobrar os esforzos nas oracións polas ánimas xa que o seu efecto é moi importante na salvación dos cristiáns.

Por iso no 1031 foi instaurada no convento de Cluni a festa dos mortos, a cal foi oficializada pola xerarquía eclesiástica, adoptada e instituída oficialmente no 1048.

Un cemiterio en Defuntos / foto jhraskonCC0

A Galicia dos defuntos

No que toca a Galicia foi co reinado de Afonso VI cando a influencia cluniacense acadou mais importancia. Este rei foino tamén de Galicia dende 1072 e trala conquista de Toledo no 1085 coloca a un cluniacense como arcebispo da cidade. É significativo que a autoridade de Afonso estaba baseada formalmente na exhibición dos títulos de victoriosissimo rege in Toleto, et in Hispania et Gallecia (Sic.) distinguindo a forte personalidade e prestixio de Galicia como fonte de lexitimidade.

É moi probable que fose durante este período cando comezase o declive das vellas celebracións galegas do culto ós defuntos, moi probablemente semellantes ás do contexto cultural tamén común e compartido en grande medida no caso da sociedade tradicional de tódolos países atlánticos europeos.

As celebracións galaicas vixentes até o daquela deberon ir sendo substituídas por unha celebración dos mortos coa que estaba emparentada e que viña de ser oficializada política e ideoloxicamente pouco tempo antes. Porén, en orixe non puideron incluír as cabazas ou calacús até despois da expansión europea en América xa que é unha das hortalizas orixinarias de aló. En Europa e para este tipo de celebracións como a do Kalan Gwav ( primeiro día da invernía) no 31 de outubro e festa de San Arlan en Cornualla ou a Nos Galan Gaeaf do País de Gales ou as tradicións irlandesas, gastábanse sobre todo nabos. Foi a finais do XIX cando o Halloween esténdese primeiro polo territorio dos USA para retornar transformado a Europa como produto comercial a finais do XX.

O do truco ou trato aparece tamén aló cara os anos trinta do XX e no 1992 a multinacional dos disfraces CESAR, desembarca en Europa co seu negocio a conta dos mortos. Atrás dela iran outras firmas do consumo a grande escala ben coñecidas.

Mais unha cuestión moi importante ó redor de todo isto é a da conexión entre os cemiterios, tal e como os coñecemos hoxe na nosa tradición, maila veneración dos defuntos.

Certamente, os camposantos actuais mailo rito funerario en xeral recibiu un grande impacto de resultas da actividade normativa e académica de finais do século XVIII cando Carlos III e o pensamento ilustrado modifican oficialmente a anterior relación entre vivos e defuntos mediante o Reglamento del Cementerio del Real Sitio de San Ildefonso, do 9 de febrero de 1785 o “Informe dado al Consejo por la Real Academia de la Historia sobre la disciplina eclesiástica relativa al lugar de las sepulturas” de 1786 e a cédula do ano seguinte pola que a inveterada igualdade perante a morte quebra formalmente e privilexia a determinado estamento co permiso para enterrarse nas igrexas.

Os camposantos

Mais antes disto, compre preguntarse pola orixe da consideración como elemento urbano do camposanto.

A tradición galega ten resposta de seu e unha das súas formulacións mais relevantes é a da tradición conservada na parroquia de San Cibrao, Oimbra, Ourense.

Recollido e monumentalizado pola veciñanza mesma, o relato “Isto acabouse” reflicte e da testemuña vivinte de como unha comunidade local galega garda, a título de tesouro da Tradición humana, o intre mesmo no que as inda mais antigas comunidades de raíz mesolítica asinaron un compromiso coas paisaxes constituíndo asi territorios. Uns territorios que precipitaron a partires da reformulación simbólica dos camposantos.

Resulta moi interesante ver como esta tradición da parroquia galega de San Cibrao está tamén na tradición xaponesa do Oiasute, abandono do pai e Abasute abandono da vella así como noutras europeas.

En síntese, estes relatos tratan de como un fillo vese na tesitura de levar ó monte, para abandonalo e que morra aló, ó vello ou vella da familia. A manta e o carro son os elementos materiais que presiden o discurso. O arrepentimento e a xeración dun novo modelo social o seu panorama de fondo.

Así pois, trátase un relato universal que achega unha imaxe da vida pre-neolítica inserto tamén na tradición galega.

Isto acabouse. Lenda de san cibrao

Asociación Cultural Santa Cruz. Cartel 5. Isto acababouse.

A tradición dos máis vellos que ían morrer a unha fraga asociada ao Día de Todos os Santos e Día de Defuntos

Soubemos por unha velliña da aldea, que xa contaba a súa bisavoa, unha costume que ia pasando de pais a fillos segida por tódalas familias do lugar, contóunolo deste xeito:

-Un dos vellos da aldea, vendo que xa lle chejaba a hora, díxolle cara o fillo:

Rapaz, vai porparando a manta que estou vendo que me tes que levar.

¿Onde o teño que levar pai?

Onde vai ser , onde eu xa levei ó teu avó, á Fraja!

Á Fraja? Eló atopuse mal, que lle pasou?

Non me pasou mais co que a todos nos ha de pasar…

Veña culle a manta e xungue os bois que marchamos

-O fillo colleu da cómeda a manta que estaba jardada moi ben dobradiña, e despois de xunguir os bois, marchou co pai polo monte arriba, pasaron o Souto ia Soutilla, e naquelo díxolle o pai:

¡Para o carro!

¿Eló?

Eiquí foi onde eu deixei ó meu pai, iaquí é onde me tes que deixar tamén a min.

O rapaz alí deixou ó pai ca manta. Sen mirar cara atrás e cos ollos enxougados, veuse cara á casa.

Cando chegou, topou ó seu meniño enredando, io rapaz cando viu ó pai díxolle:

¡Papá, xa pode estar contento!

¿Por qué, fillo?

Por que tamén eu xa lle busquei a manta para cando osté sea velliño, como o abuelo

O home quedou pensativo naquela, e dando un puñetazo na mesa, dixo: ¡Esto acabouse! Teño que buscar un sitio onde despois de morto enterre ó pai, e onde me enterren a min e ós meus.

Deu volta cos bois ó sitio onde deixara ó pai. Alí estaba, deitadiño no chau e envolto na manta. Montouno no carro e trouxoo para a casa.

Foi así como co tempo se foi facendo o camposanto, non no alto da soutilla, senón ó pé, alí no lugar da sancha.”

Isto foi o que a nos nos contaron.

Pode que che interese...