fbpx
Petróglifo cun Cervo atopado en Campo Lameiro / O Eido do Cervo

Atopan interesantes petróglifos inéditos en Campo Lameiro, a capital galega do arte rupestre

Tempo de lectura: 3 min.
Durante o deseño do circuíto da carreira de montaña Trail do Cervo,  membros da asociación ‘O Eido do Cervo’ atoparon casualmente en Campo Lameiro cinco novas estacións de arte rupestre que se van a notificar á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao concello.
“Estábamos a preparar o percorrido dunha proba de carreira de montaña e levamos unha sorpresa cando atopamos cinco petróglifos que non se coñecían”, explicaba Manuel Abalo Carballa, bombeiro forestal e apaixonado da arte rupestre galega. “Unha vez achadas estas laxes, puiden comprobar grazas ó Plan Básico da Xunta de Galicia e a amigos especialistas en arqueoloxía de Galicia que estes petróglifos non constan nos rexistros e que polo tanto son bens arqueolóxicos inéditos que deben de inventariarse para poder ser protexidos” admitía Manuel, cun sorriso na boca.
 As manifestacións de arte rupestre descubertas atópanse nos montes de tres aldeas do concello de Campo Lameiro, concretamente nas proximidades dos lugares de Alende, Lamosa e Painceiros. Precisamente nesta última aldea apareceron as dúas laxes máis interesantes, unha delas cun único cervo co pescozo completamente ergueito en actitude típica de brama, poida que un macho novo pola súa escasa cornamenta. A outra laxe de Painceiros consta dun conxunto de círculos concéntricos agrupados nunha laxe inclinada cara o sueste e ten un total de 4 circos, algúns de bo tamaño e certa complexidade.

Círculos concéntricos atopados en Campo Lameiro / O Eido do Cervo

Máis estacións
Xa na aldea da Lamosa apareceron dúas pedras máis con circos concéntricos, unha delas consta dun círculo de pequeno tamaño illado e a segunda ten dous circos concéntricos de maior tamaño e localízase nun pequeno outeiro no medio dunha fermosa carballeira. O último dos novos petróglifos descubertos en Campo Lameiro atopouse preto dun camiño polo que van a pasar os corredores do I Trail do Cervo.
 Grazas a estas descubertas casuais o catálogo de arte rupestre galego vai a seguir aumentando. “O caso de Campo Lameiro e concellos limítrofes é algo excepcional no mundo da arte rupestre, un valor que teríamos que protexer e coidar pois é unha manifestación cultural que chegou até nós dende a prehistoria. Un dos xeitos de coidar este patrimonio cultural é respectando os seus enclaves e a paisaxe na que se insiren, gravemente ameazados por varios proxectos de polígonos eólicos, como o Touriñán III-2 de Greenalia ou o P.E. Campo das Rosas de Naturgy”, din membros do Colectivo do Vento, unha asociación veciñal de Campo Lameiro que busca defender o territorio fronte ó desenvolvemento eólico irracional e descontrolado.

Petróglifo con círculo concéntrico / Eido do Cervo

Trail para poñer en valor a paisaxe e o patrimionio
“Estes enclaves serán percorridos en boa parte por varios tramos do I Trail do Cervo, que buscar poñer en valor unha paisaxe que en moi pouco tempo podería verse alterada negativamente, modificándose para sempre os recursos naturais e patrimoniais deste territorio con pistas, movementos de terra, liñas de alta tensión, etc.”, destacan desde este colectivo.
 “Non entendemos que pesen máis os intereses económicos de empresas enerxéticas antes que o valor histórico intrínseco desta contorna, nun concello considerado coma ‘Capital da Arte Rupestre Galega’. Galicia ten que protexer o seu patrimonio cultural e natural e permitir que as xeracións futuras sigan a ver estes montes como os viron os nosos devanceiros, os que hai milleiros de anos gravaron as pedras que hoxe admiramos con respecto”, conclúen nun comunicado.

Pode que che interese...