fbpx
Castro de Rueta, en Cervo / CSIC

Atopan un sistema defensivo “impoñente” no Castro de Rueta

Tempo de lectura: 2 min.

Un equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) inicia un estudo preliminar do castro de Rueta, en Cervo, que busca, cunha metodoloxía pioneira en Galicia, avaliar o seu estado de conservación e considerar a súa idoneidade para o desenvolvemento de actuacións máis ambiciosas nun futuro próximo.

“As actuacións previstas agora contemplan aplicar métodos de traballo non invasivos para espremer as informacións dispoñibles sobre a biografía deste xacemento sen mover nin un gran de terra. E é que os métodos de prospección xeofísica, o estudo do poboado fortificado con diferentes sensores transportados por drons, así como o estudo de imaxes aéreas e satelitales, serven para evitar afeccións sobre o xacemento antes de considerar a súa idoneidade para poñer en marcha un programa de actuacións con métodos máis habituais en arqueoloxía, como a escavación”, explica o equipo do CSIC.

Estas actuacións tomaron forma grazas á iniciativa da Asociación Mariña Patrimonio, desde onde se solicitou o apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a través dunha subvención para desenvolver investigacións arqueolóxicas. Tamén o Concello de Cervo achegou persoal e medios propios para efectuar unha roza extensa do castro e a súa contorna e facilitar así as actividades arqueolóxicas. Fondos propios do CSIC completan o orzamento dispoñible.

“A limpeza da densa vexetación que cubría o castro permite xa obter unha imaxe inédita del: destaca un sistema defensivo impoñente, con varias liñas de murallas e fosos que mostran un bo estado de preservación”, sinalan desde o CSIC. As actuacións estarán abertas á cidadanía, con varias actividades divulgativas durante a próxima semana. Entre elas destaca unha visita guiada ao castro o mércores, 2 de novembro, de alumnado de centros educativos de Cervo e unha xornada de portas abertas para o público xeral.

O equipo do CSIC, coordinado por David González Álvarez (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e por Jesús García Sánchez (Instituto de Arqueoloxía de Mérida), confía en desvelar aspectos como a densidade de construcións antigas observables, a entidade das súas murallas, ou a existencia de restos arqueolóxicos en zonas da contorna do castro onde non foran observadas trazas da súa antiga ocupación.

Pode que che interese...