fbpx
Meteorito que caeu en Galicia o pasado 17 de maio de 2016

Investigadores galegos buscarán o meteorito que caeu en Galicia o 17 de maio

Tempo de lectura: < 1 min.

O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC acaba de confirmar que o suceso do pasado 17 de maio no que se puido observar unha potente luz no ceo acompañado de detonacións “tratouse efectivamente dun bólido diúrno”. Descarta, así, a re-entrada na atmosfera dun foguete ou chatarra espacial.

“Tanto a baixa altura na que se deixou de ver a luz como o ruído producido no final do percorrido” son definitorios da caída de meteoritos á terra, explican os investigadores da USC, José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz. Agora, o segundo obxectivo da investigación iniciada polo Observatorio Astronómico universitario será a determinación da zona onde estas pedras cósmicas puideron ter caído. Como sinala o profesor Docobo, tamén se tratará de precisar a natureza do corpo orixinal e a zona do Sistema Solar de onde podería proceder.

Estes investigadores suliñan que o meteorito “comezou a observarse sobre o norte de Portugal e de contado pasou a sobrevoar Galicia descendendo ata unha altura próxima aos 30 quilómetros na que o corpo se desfixo producindo fortes estoupidos”.

Nesta primeira fase da investigación, os investigadores do Observatorio Astronómico da USC puideron reconstruír a traxectoria do bólido a partir dos datos achegados por testemuñas que contactaron co Observatorio dende distintos puntos da xeografía galega como o sur de Vigo, Baixo Miño, sur de Ourense e mesmo das proximidades de Vilagarcía, Santiago de Compostela e Lugo. Os acontecementos producíronse o pasado 17 de maio cando arredor das 16.00 horas se puido observar o rápido desprazamento dunha potente luz no ceo despezado describindo un arco máis ben curto. O suceso veu acompañado de varias detonacións que, dependendo dos lugares de observación, tardaron distintos intervalos de tempo en escoitarse.

Pode que che interese...