Tramo da muralla medieval atopado na rúa Arzobispo Malvar de Pontevedra / Pontevedraviva.com

Novas murallas medievais en Pontevedra

Tempo de lectura: 1 min.

Pontevedra non para de dar sorpresas. As escavacións que se están facendo para construír un tanatorio na antiga parcela do Teucro, en Arcebispo Malvar, permitiron o achado dun tramo da muralla medieval da cidade, unhas estruturas vinculadas a esta muralla e tamén un espigón portuario que podería datar do século XIX.

Segundo o informe do arqueólogo municipal, na parte central da parcela, discorrendo de leste a oeste, quedou á vista un peirao do século XIX, con boa factura e estado de conservación xeral. Da muralla atopouse un longo tramo, de case 35 metros, que tamén se conserva en bo estado.

Na súa opinión, entende que o seu interese e valor histórico debe considerarse desde unha perspectiva local. Desde este punto de vista “o peirao si é significativo na historia da cidade, unha cidade que naceu precisamente grazas á súa estratéxica localización xeográfica, nun cruzamento de vías de comunicación marítimas e terrestres”.

Lembra o arqueólogo que o peirao forma parte dun conxunto de estruturas de gran interese histórico, “que non só deben ser conservadas senón tamén deberían ser aproveitadas desde o punto de vista socio-cultural e tamén turístico”.

Esta consideración increméntase notablemente, apunta no seu informe, se se ten en conta a localización do conxunto arqueolóxico da Ponte do Burgo, na praza de Valentín García Escudeiro, a menos de 50 metros.

Aínda que recoñece que os achados localizados están fóra do ámbito do Peprica, si están ao seu lado, “por tanto parece razoable evocar o espírito desta norma” que no seu artigo 10 promove a conservación in situ dos restos de obra civil de carácter histórico e compatible coas edificacións proxectadas.

Este informe foi remitido a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, última responsable na decisión a tomar ao respecto dos achados da citada parcela. Fonte: Pontevedraviva.com

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: