Presentación do banco audiovisual de recordos Memoria Dixital Lugo / Deputación de Lugo

Un proxecto impulsa o coñecemento da memoria a través das TIC

A Fundación TIC da Deputación de Lugo impulsará o banco audiovisual de recordos Memoria Dixital Lugo nunha nova etapa que presentou este venres na Pontenova o Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos.

Memoria Dixital Lugo inclúe vídeos, audios, fotografías antigas e diversos documentos “que nos axudarán a coñecer mellor a nosa historia recente, especialmente a da primeira metade do século XX. Será un legado para as vindeiras xeracións, tanto para os lucenses como para os investigadores e os amantes da historia en xeral”.

O máximo responsable provincial dixo que “abrimos a toda a sociedade lucense este arquivo, pioneiro na nosa provincia, que tivo como xerme un programa destinado exclusivamente aos maiores de 55 anos”. Campos anunciou que “esta nova andaina arranca con novos contidos, unha páxina web (www.memoriadixitallugo.es) máis áxil e doada de empregar polos usuarios e unha maior presenza na provincia. Con esta iniciativa poñemos as novas tecnoloxías ao servizo de todos os lucenses e reforzamos os seu labor social”.

Os lucenses, os protagonistas

Na presentación proxectáronse varios exemplos dos recordos que xa forman parte deste arquivo audiovisual. Ademais, o Presidente provincial compartiu cos veciños que asistiron ao acto os manexo de ordenadores táctiles cos que comprobaron o sinxelo que é navegar por esta páxina.

“A nosa intención é ampliar este banco no que, a través de testemuños individuais, poderemos conservar para as vindeiras xeracións o mellor tesouro dun pobo: a súa memoria colectiva”, apuntou Campos.

Como participar

O Presidente da TIC animou “a todos os lucenses, e tamén aos Concellos, asociacións e centros de maiores a que contribúan a crear este banco de recordos”. Para formar parte deste arquivo todos os interesados poderán achegarse á sede da Fundación TIC, na rúa Frei Plácido Rei Lemos, ou chamar ao teléfono 982 284 6 67. Tamén poderán enviar a súa propia gravación ou fotos e documentos escaneados ao correo [email protected]

Ponte online interxeracional

A TIC tamén se desprazará por toda a provincia para atender as solicitudes dos Concellos e asociacións. Para isto contará cun equipo de titulados da Escola de Imaxe e Son. “Os nosos exalumnos de produción e realización serán os encargados de organizar os encontros e gravar os testemuños. Pero o seu labor irá máis aló: tamén ensinarán aos participantes a gravarse a si mesmos co móbil e enviar o vídeo por correo electrónico ou a escanear unha foto. Queremos, deste xeito, tender unha ponte online entre distintas xeracións”.

Todo o material obtido publicarase na web www.memoriadixitallugo.es, unha páxina especialmente deseñada para esta nova etapa. Está dividida en: recordos, voces, imaxes e experiencias. Os testemuños distribúense en apartados relativos á nenez, mocidade, matrimonio, emigración, traballos e vida no rural, feiras e festas, Lugo máxico e outros recordos.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: