fbpx
Integrantes da coluna de Sanfins

Os mineiros de San Fins, a toma da Coruña e a valerosa loita do Batallón Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

En xullo de 1936, un numeroso grupo de traballadores das minas de San Fins, en Lousame, foron protagonistas da resistencia ao golpe militar fascista na provincia da Coruña. Desde as minas de Vilacoba transladáronse a Noia, despois a Compostela, mais tarde a Ordes e finalmente á Coruña, tentando facer fronte aos militares que se ergueran contra a II República.

En combate con tropas regulares con armamento e preparación militar, os sindicalistas da CNT de San Fins só contaban coa dinamita que usaban no seu traballo de mineiros e, malia todo, foron quen de manter a resistencia por varios días e recuperar parte da cidade da Coruña nos combates polas rúas.

A resultas do seu combate moitos deles foron asasinados, padeceron o cárcere, a represión e a persecución. Pero outros, unha vez derrotados, formaron parte das iniciativas de resistencia aos militares alzados, tanto nas tropas republicanas como máis tarde nas organizacións clandestinas e na guerrilla antifranquista. De feito, moitos deles formaron parte do Batallón Galicia, no que destacaron na súa loita contra os militares sublevados e outros continuaron a guerra contra o franquismo durante a ditadura na guerrilla.

A memoria da Coluna Sanfins é tamén a memoria das xentes de Lousame, Noia, Compostela, Ordes, Coruña e de toda a Galicia, que participaron na resistencia ao golpe militar: mineiros da Pontenova e Viveiro, carrilanos de Verín e A Gudiña, traballadores pesqueiros de todo o litoral, os obreiros organizados de Ferrol, Vigo, Lugo, Monforte, Vilagarcía ou Tui, e as labregas e labregos rebeldes de todo o país.

 

Lembrando a súa historias

Por iso, o Grupo de Memoria Histórica da CNT Galiza vén de publicar un libro que trata da mobilización obreira en defensa da liberdade tras o golpe fascista de 1936 iniciada polos mineiros de Lousame na chamada Coluna Sanfins.

Esta homenaxe a unha historia esquecida foi realizada coa colaboración da Sociedade Histórica e Cultural “Coluna Sanfins” e conta con 120 páxinas so licenza Creative Commons que narran a historia da Coluna Sanfins, as súas orixes, o contexto histórico e a importancia da minería, a represión e resistencia e os vestixios da memoria obreira.

Lorena Cuevas e Eliseo Fernández, autora e autor dos textos e membros do Grupo de Memoria Histórica da CNT, presentan este traballo, o primeiro dunha colección que pretende sacar do esquecemento moitas das historias de combate, morte e represión que aínda continúan silenciadas. A presentación terá lugar este mércores, no Ateneo Republicano de Ferrol, ás 19.30 horas.

Pode que che interese...