fbpx
Dolmen de Dombate / turismo.gal
Dolmen de Dombate / foto turismo.gal

O Dolmen de Dombate como exemplo de conservación do patrimonio en propiedades privadas

Tempo de lectura: 2 min.

Os propietarios e propietarias dos monumentos megalíticos do municipio de Vimianzo participaron esta fin de semana nunha interesante iniciativa municipal; coñecer un monumento megalítico por dentro. E o certo é que moitos deles son propietarios de parcelas nas que existen estes elementos patrimoniais que, en moitas ocasións, non saben moi ben o que conteñen ou como protexelos.

Nesta visita, e acompañados dun guía, puideron comprobar como é un dolmen de maneira integral, xa que en moitos casos os que se atopan nas súas propiedades están sen escavar, o que impide que teñan unha visión integral do que é un dolmen realmente.

Visita ao dolmen de Dombate de propietarios de parcelas nas que se atopan monumentos megalíticos para coñecer a súa importancia e como protexelos / QPC

Visita ao dolmen de Dombate de propietarios de parcelas nas que se atopan monumentos megalíticos para coñecer a súa importancia e como protexelos / QPC

Os donos e donas tamén puideron comprobar de primeira man a importancia da posta en valor do monumento megalítico para a comunidade e para o tecido socioeconómico da comarca. De feito, foron 30.000 as visitas que recibiu o ano pasado, o que fan que sexa un dos referentes turísticos de Galicia.

Asesoramento

Para o alcalde, Manuel Antelo, a recuperación e a posta en valor dos monumentos megalíticos de Vimianzo son un obxectivo de primeiro nivel. Como xa declarara en ocasións anteriores ofreceu a axuda do Concello de Vimianzo para asesorar as propietarias e propietarios en todo o referente aos aproveitamentos do solo, modificacións dos usos, reformas e melloras das edificacións afectadas polo ámbito de protección.

A información e o coñecemento das propietarias e propietarios acerca dos monumentos que se atopan nas súas propiedades é, para o alcalde, “unha ferramenta importantísima á hora da conservación e posta en valor destes”. “Unha vez que coñecen o que realmente hai, as obrigas e os deberes que teñen como propietarios e os usos permitidos das fincas e os que non o están, minimízanse as actuacións que, debido ao descoñecemento, poderían poñer en risco os xacementos”, indicou tal e como recolle a web Que Pasa na Costa.

Pode que che interese...