fbpx
Réplica dun dos galeóns da Armada Invencible que Felipe II enviou contra Inglaterra

Que teñen en común as bancarrotas do 2008 coas de 1595 en Francia e a de 1610 en España?

Tempo de lectura: 2 min.

A historia económica é cíclica. Ao longo da historia téñense producido numerosas bancarrotas que reproducen esquemas comúns. E, para entendelos, é preciso analizar a historia deses procesos económicos.

Conferencia do profesor Juan Eloy Gelabert sobre as bancarrotas de España e Francia entre finais do XVI e comezos do XVII / Duvi

Precisamente, a Facultade de Historia do campus de Ourense acolleu este xoves o seminario Historias de bancarrotas: Francia e España entre 1595 e 1610, impartido por Juan Eloy Gelabert, catedrático da Universidade de Cantabria. A súa exposición permitiu afondar nas similitudes que conectan as crises financeiras do pasado e do presente.

Durante a súa intervención, Juan Eloy Gelabert debullou para os asistentes as similitudes entre as crises financeiras da actualidade e as do pasado, concretamente as de Francia e España entre 1595 e 1610. “Aínda que hai diferenzas, hai sobre todo moitos elementos comúns, de modo que coñecer o pasado axúdanos a entender o presente”, advertiu durante a súa intervención. O home, salientou con ironía o docente, “é o único animal que tropeza 40 veces na mesma pedra”. O catedrático de Historia Moderna da Universidade de Cantabria empregou na súa exposición o modelo financeiro español e francés de tránsito entre os séculos XVI e XVII porque, afirmou, foi “un momento no cal os dous países se meteron nun período de guerras continuas e iso provocou un esforzo que tivo repercusións en moitos ámbitos, entre eles o económico”.

Entre as similitudes que unen pasado e presente, o historiador subliñou, segundo recolle do Duvi, “o feito de que as autoridades, os Estados, sempre se meten en tarefas que exceden as súas posibilidades, polo que se ven obrigados a recorrer a créditos. Logo non teñen como pagalos, endebédanse e rematan en bancarrota”. Das leccións que se toman da historia e do seu carácter recorrente, o catedrático de Historia Moderna, retomando unha frase de carácter histórico, afirmou que “ou o Estado acaba coa débeda ou a débeda acaba co Estado”.

Pode que che interese...