fbpx

Joseph Sellier… cando chegou o primeiro operador cinematográfico a Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Nos últimos tempos estamos a observar como o audiovisual galego faise un oco entre as grandes producións estatais e internacionais. Gran parte deste éxito podémolo agradecer a un fotógrafo francés que residiu na Coruña entre finais do século XIX e comezos do XX. O seu nome, Joseph Sellier, o primeiro operador cinematográfico de Galicia. 

Natural da localidade francesa de Givors, trasladouse coa súa muller, Marie Farge Michelet, e o seu fillo á Coruña. No ártabro xa levaba residindo e traballando o seu irmán Louis Sellier, que tamén era fotógrafo. Debido ao desexo de Louis de volver a Francia, traspasoulle ao seu irmán o seu negocio fotográfico.

Joseph acadaría mellor prestixio que o seu irmán e trasladería o seu establecemento do número 37 da rúa Real ao número 9 da rúa de Santo André. O nome do local, “Fotografías de París” deixaba claras as influencias do artista que viaxaba regularmente a Lión para visitar a súa terra natal e enterarse das últimas innovacións no terreo da fotografía. 

O PRIMEIRO CINEMATÓGRAFO DE GALICIA

Como recolle o Circo de Artesáns nesta publicación de Facebook, nun deses desprazamentos comprou aos irmáns Lumière un cinematógrafo, dous anos despois de ser presentado polo seus inventores. Na Coruña rodou imaxes da cidade e o 23 de maio de 1897 organizou a primeira proxección pública no seu establecemento. 

Sellier adoitaba a proxectar filmes da colección Lumière e algúns de colleita propia feito coas imaxes que recollía da cidade da Coruña. Dunha das obras do francés, “Entierro del General Sánchez Bregua” é coñecida a súa data, o 20 de xuño de 1897, polo que é considerado un dos filmes máis antigos de Galicia e España. Por desgraza, ningún destes produtos audiovisuais consérvanse na actualidade.

A partir de 1898 trasladaríase a diferentes cidades do territorio galego (Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela) para facer diversas exhibicións do seu cinematógrafo. Despois, acabaría canso deste instrumento e volvería ás súas raíces, á fotografía. En 1901, fixo a fotografía das primeira parella de mulleres casadas pola Igrexa. Falecería en 1922.

Pode que che interese...