Cova de Eirós / covadeirosdocumental.wordpress.com

A Cova de Eirós, o santuario da Prehistoria de Galicia

Os resultados das investigacións que se están a realizar nestes últimos anos na Cova de Eirós (Triacastela) están a revelar a importancia deste xacemento para o estudo da Prehistoria de Galicia. Os estratos escavados conteñen vestixios que comezan coas últimas comunidades de neandertais e seguen cos grupos cazadores do Paleolítico superior, os primeiros agricultores do Neolítico e chegan ata as comunidades campesiñas de época Altomedieval.

As novas datacións absolutas confirman o grupo de neandertais ocupante de Cova Eirós coma un dos últimos que habitaron no norte peninsular, xusto antes da chegada do Homo sapiens a este territorio. Este feito permite que os investigadores vaian delimitando cada vez mellor as causas da súa desaparición e valorar se foi froito dos cambios climáticos ou da nova competencia producida pola arribada da nova especie á rexión.

Restos atopados na Cova Eirós / USC

Por outra banda, o estudo das manifestacións rupestres e a arte moble de Cova Eirós permite achegarse á esfera simbólica e ritual das culturas dos cazadores do Paleolítico superior. Os últimos traballos levaron á descuberta de novos motivos e afondar no estudo das súas características técnicas e estilísticas mediante a aplicación de novas técnicas, como pode ser a Fotogrametría. Ao mesmo tempo, a análise e datación por Carbono 14 permite atribuír a unha boa parte destas manifestacións unha antigüidade de máis de 10.000 anos, xa cando habitaban as últimas sociedades de cazadores colleiteiros.

Campañas arqueolóxicas

As últimas campañas arqueolóxicas nesta cova foron dirixidas desde o Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN-ATT) da USC, en colaboración cun importante equipo de investigación do Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES), da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona.

Actualmente, a escavación do nivel 3, datado no Paleolítico medio, e a recuperación de máis de dez mil rexistros e pezas na cavidade confirman a Cova Eirós como un dos xacementos de referencia para o estudo da evolución dos modos de vida, da tecnoloxía, da fauna e das condicións paleoclimáticas das comunidades prehistóricas de cazadores colleiteiros que viviron en Galicia hai 40.000 anos.

BIC 

Detalle dun dos motivos pintados coa localización da mostra datada (recadro verde). Á dereita, calco da pintura datada (en negro) e a figura zoomorfa esquemática infraxacente (vermello) | GEPN-AAT – IPHES

Precisamente, estos achados, así como a presión social, fixeron posible que, tras cinco anos de reclamacións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria decidise protexer este ben. Precisamente, este martes aparece no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural coa categoría de monumento a Cova de Eirós. O anuncio pode consultarse no enlace.

Cultura lembra que as campañas arqueolóxicas realizadas co apoio da Xunta nesta cavidade cárstica durante os anos 1993 e no período 2008-2016 descubriron restos de osos das cavernas e ocupacións paleolíticas que abranguían desde o Paleolítico medio (ca. 41.000 BP) ata os momentos finais do Paleolítico superior (ca. 12.000 BP) e indicios de presenza dunha serie de motivos e gravados nas paredes da Gran Sala e nunha das galerías do interior da cavidade.

Aínda que se producen achados arqueolóxicos e paleontolóxicos ao longo de toda a cova, a principal concentración dos primeiros dáse na súa boca, onde se constatan ocupacións do paleolítico medio e superior, prehistoria recente e medieval. A principal concentración de osos das cavernas prodúcese ao fondo da galería leste, no lugar onde se formou o lago artificial. En canto á arte rupestre que se documenta na cova, ata o de agora están identificados un total de 13 paneis con 93 motivos que se concentran na gran sala e mais na galería leste.

“Tendo en conta estes antecedentes, a Consellería propón a súa declaración singular como ben de interese cultural coa categoría de monumento, por estimala a figura máis acaída para o seu réxime de protección, de acordo coa Lei 5/2016 do Patrimonio cultural de Galicia”, indica nun comunicado. Hai uns días era Adega a que daba conta desta nova subliñando que foi, grazas á presión social, que se acadou este recoñecemento.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: