fbpx
Reconstrucción de como podía ser Os Moutillós no século IX / http://blog.aterrageo.com

Estiveron os viquingos asentados en Galicia?

Tempo de lectura: 3 min.

Esta semana desatouse unha viva polémica nas redes sociais a conta dunha información publicada por El Progreso xa hai máis de cinco anos na que se apuntaba que O Vicedo é o único lugar de España con restos dun asentamento viquingo.

O lugar en concreto sería o dos Moutillós, situado na praia de San Román, no que se pode apreciar unha estrutura natural impresionante, cunha zona alta e unha pequena praia que puido servir de porto, perfecta para o asentamento normando. De feito, este lugar, xunto coa basílica de San Martiño, foron visitadas polo arqueólogo Neil Price na procura das pegadas dos saqueos viquingos a Galicia.

Unhas pegadas que xa quedaron rexistradas nun documental que se emite en paralelo cos novos capítulos da exitosa serie Vikings sobre a vida e viaxes dos escandinavos e as racias por toda Europa de Ragnar Lothbrok e os seus descendentes. Un equipo de rodaxe estivo en Galicia en decembro de 2015 para tomar imaxes de San Martiño e de Os Moutillós, ademais de Catoira, Camelle ou Carnota asesorados polo profesor da USC Manuel Gago e a investigadora da Universidade de Aberdeen, Irene García, que rastrexou os asentamentos normandos en Galicia.

Situación de Os Moutillós, en O Vicedo / http://blog.aterrageo.com/

Entón contaron tamén coa axuda de Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio. Precisamente este colectivo é un dos grandes divulgadores deste xacemento que apunta á similitude deste lugar coa estrutura dun ‘motte & bailey‘ que define aos asentamentos normandos. Estes están formados por un gran promontorio de terra que está acompañada dunha parte máis baixa e extensa que posúe unha muralla e un foxo. Ademais, no caso de Os Moutillós existe un pequeno esteiro coñecido como O Porto, que está custodiado por dous grandes conxuntos de rocas denominados Os Castelos. Mariña Patrimonio cre que a formación é perfecta para establecer un porto natural onde atracaban os barcos.

A finais de 2015 un equipo de arqueólogos dirixido por Iñaki Sagredo atopou tellas, ósos, muros, cerámica e unha moeda semellante a un óbolo de Afonso X, O Sabio (S.XIII).  Tamén se atoparon cerámicas, unha delas, cunha cruz das chamadas potenzadas, polo remate que ten. Os restos atopados proceden de varias épocas, desde a Idade do Ferro e época romana, ata a Idade Media.

Con todo, os arqueólogos que alí traballaron subliñan que se fan necesarias máis catas na zona e tamén estudar os restos do mosteiro da Illa Coelleira. Un dos obxectivos da campaña é achar máis materiais que poidan estar relacionados con posibles invasións viquingas.

Críticas

Non obstante, hai quen critica esta teoría e asegura que non hai ningunha evidencia arqueolóxica que sustente a presenza de viquingos en Galicia. De feito, lembran as pequenas intervencións en Os Moutillóns non revelaron que sexa un asentamento dos saqueadores nórdicos.

Con todo, están perfectamente documentados moitos ataques de viquingos e normandos a territorio galego, desde Foz, onde teñen moi viva na memoria o milagre de San Gonzalo e o afundimento de toda unha frota nórdica, ata Tui, varias veces saqueada polos viquingos, entre as que destaca o ataque Olaf de 1014 que deixou a cidade sen sede episcopal durante case 70 anos. De feito, nas crónicas aparecen catro grandes xefes viquingos que atacaron o país; Gunderedo, Olaf, Ulf –a quen chamaban o galego e do que xa se falou no Historia de Galicia— e Bjorn Costelas de Ferro.

Pode que che interese...