fbpx
Interior da mina de ouro atopada den Vilamartín / José Fernández

O que oculta a mina de ouro romana que sacou á luz un tractor en Vilamartín

Tempo de lectura: 3 min.

Un veciño de Portela (Vilamartín) aínda ten o susto no corpo. Manuel Vázquez Delgado traballaba co seu tractor facendo sucos na terra para plantar millo, cando a roda do vehículo afundiu. Menos mal que foi só unha roda. Cando conseguiu retirar o tractor e limpou a zona, atopou que había un enorme buraco de cinco metros de profundidade. Acababa de atopar unha mina de ouro romana.

“Teño un tractor grande, que pesa, e nunca pasou nada. Nunca, mentras o traballei eu. Non o esperaba”, asegurou ao tempo que recoñece que coñece outros restos de minaría romana na zona, como o pedregal de Portela, que segundo explicou ten máis dun quilómetro de lonxitude.

Eduardo Montañés baixa á mina de ouro romana atopada en Vilamartín / José Fernández

O achado confirmouno o directivo do Instituto de Estudos Valdeorreses, José Fernández Pérez. Este experto en arqueoloxía explicou a La Región que o interior do pozo aínda está a unha profundidade maior, pois os materiais que durante séculos foron caendo desde a bóveda da mina deron forma a un pequeno montículo. Segundo os cálculos de José Fernández, o pozo ten unha fondura de aproximadamente 11 metros e mide uns 6 metros de ancho. “Son terreos terciarios, como os das Medulas”, comentou.

Estes días un grupo de investigadores xa estivo revisando o interior da mina e confirmaron xa a súa importancia.

Minaría de hai 20 séculos

A galería foi construída seguindo unha liña este-oeste, pero non ten saída, posiblemente por mor de derrubamentos que rexistrou. A súa antigüidade é duns 2.000 anos, pois Roma permaneceu nestes montes durante uns 170 anos, a partir do 10 antes de Cristo.

Analizada a horta, atopou restos de minaría romana: desde a fronte de mina ata o lavadoiro dos minerais ou as canles abertas para levar a auga que empregan para derrubar outeiros enteiros. Os mineiros usaron o método denominado Ruina Montium, que tamén utilizaron nas Medulas bercianas.

As pegadas mineiras en Vilamartín son abondosas. Foron moitas as galerías abertas hai 2.000 anos neste subsolo e o arqueólogo vilamartinés sitúa nelas a orixe das tradicionais covas. Algunhas serían posteriormente recicladas polos veciños para almacenar o viño, segundo esta teoría.

Restos dunha mina romana de ouro en Vilamartín / arqueomining.blogspot.com.es/

Minas do Córgomo

Precisamente, hai unhas semanas, o blog arqueomining, sobre minaría antiga, destacaba a importancia da mina de ouro de Córgomo, que cupa ao redor de 25 hectáreas de gravas, areas, limos e margas de idade xeolóxica miocena. Esta formación xeolóxica caracterízase pola súa cor laranxa, e é a mesma que se explota nas medulas de Carucedo, de Montefurado de Caldesiños.

No río Farelos desembocaban todas as estruturas escavadas para a explotación da mina. Neste río é no que presumiblemente se lavaría e seleccionaría o material extraído da mina en estruturas hoxe en día imposibles de identificar debido ao paso do tempo e á abundante maleza existente na zona. Algunhas zonas da mina convertéronse en vertedoiros recentes, o que dificulta a súa observación.

Fonte:La Región arqueominingn

Pode que che interese...