fbpx
3. Ara Gael. 1922. A Nosa Terra, 25 de Xullo de 1922. Legado de Isaac Díaz Pardo

O Ara Gael de Camilo Díaz Baliño… Cando o mundo celta se fixo arte

Tempo de lectura: 8 min.

Unha bela estrela destaca fronte a unha masa de lóstregos: tódolos raios esténdense pola cúpula dos ceos. E neste entorno a estrela sinala un corpo sen vida, disposto sobre unha anta como ara. A sangue deslízase pola anta, verténdose cara a Terra e recolléndose no Grial. Un halo ilumina a copa, disposta nun campo de toxos. E arredor dela voan catro pombas brancas. Os seus sacros raios da sangue son o seu trono.

A obra Ara Gael ven das mans de Camilo Díaz Baliño Trátase dunha ilustración enlazada co Celtismo, un dos temas mais amados e admirados da súa carreira artística. A súa dedicación e traballo da como froito unha serie de pezas que, pola complexidade das súas iconografías, a súa calidade plástica e o elevado número de obras, distíngueo como o pai da Celticidade artística galega. Moitos artistas galegos proxectaron o seu fondo senso de ser dando a luz obras icónicas: Castelao coas ilustracións para o libro de A noite estrelecida (1926) de Ramón Cabanillas, Uxío Souto na súa escultura A Druidesa (1926), Narciso Pérez co Guerreiro Celta (1928) e Francisco Asorey no deseño e execución do Monumento a Curros Enríquez (1928-1935).

Igualmente son de relevancia as pinturas de Urbano Lugrís coma Noite ritual e Cadro surrealista, o traballo artístico de Carmen Gómez Pérez-Neu con obras como O sacrificio ou A ofrenda nos anos 40, 50 e 60, os elementos ornamentais na Cerámica de Sargadelos dende 1955 e as obras de Laxeiro Terra (1930-1940), Druída (1940-1950) ou Deusa (1969). Tamén é preciso citar o Monumento levado a cabo por Isaac Díaz Pardo no Campo da Rata no 2000, os menhires e antas presentes no film De Profundis (2007) de Miguel Anxo Prado e as pinturas de Javier Mareas coma Breogán (2014) e Brigantes (2016-2017). De igual forma deben de terse en conta todas as ilustracións que moitos artistas galegos sumaron a prensa, ao deseño de cartafois e as artes decorativas, e dos que aínda que infelizmente non quedou rexistro do seu nome, a súas achegas forman parte desta longo e rico tema artístico.  

2. O derradeiro sono do rei Arturo en Avalon. 1881-1898. Edward Burne-Jones. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 277, 5 x 635 cm. Museo de Arte de Ponce, Puerto Rico

Nesta gran constelación de creadores, Díaz Baliño dende 1919 resplandece pola súa composición de figuras, historias, símbolos e cores representativas da Celticidade galega. O seu legado é visible no encabezamento de Galicia Artística en “El ideal gallego” (datada por Camilo en 1919 e publicada en 1921), Celta (1919), El canto del druída (1919), as dúas versións dos trípticos E tras de xurdia loita os homes de Brigantia conqueriron o Santo Grial ceibe e grorioso (1919/1920-1922), a versión do tríptico dos Homes de Brigantia para a capa de Almas mortas (1922) de Antón Villar-Ponte, Ara Gael (1922, primeira versión), a capa para a editorial Lar (1924-1926), Ara Gael (1924, segunda versión), a ilustración de O himno galego/Ara Gael (El Pueblo Gallego, 25 de Xullo de 1924, terceira versión), a capa para A Nosa Terra (1 de Xuño de 1925, a cal prohibiuse a súa publicación pola censura gobernativa), o Cartafol para o I Congreso Teosófico Galego (1926), Anta (1929), as escenografías para os actos finais do Coral de Ruada (1929), O Bardoprofeta (Diario de Galicia, 25 de Xullo de 1930) O Medulio (o primeiro cadro que compón o políptico Via Crucis Gallaecie (1930), Céltiga (1930, inspirado na Casta Diva da ópera Norma (1831) de Giovanni Bellini), Druídicas (1930) e Ara Gael (1930, cuarta versión), así coma as súas representacións dende 1930 da Torre de Breogán e as esceas das invasións romanas, como o esbozo para tapiz de 1933.  

1. Druídas ofrecendo sacrificios humanos. Ilustración na páxina 113. Capitulo VI. “O establecemento do Cristiandade na Galia”. Volume I. “Unha popular Historia de Francia, dende os primeiros tempos. En catro volumes”. 1870. François Pierre Guillaume Guizot. Ilustracións de A. De Neuville

A primeira versión de Ara Gael

A primeira versión de Ara Gael preséntase en A Nosa Terra o 25 de Xullo de 1922. Trátase dunha imaxe que reinterpreta a idea do sacrificio humano, citado en referencia a civilización celta nas antigas fontes gregas e latinas. Os escritos relacionados con este feito aparecen durante o período das conquistas militares da República de Roma e posteriormente no Imperio, en concreto na Biblioteca histórica (rematada ben no 60 a.C ou no 45 a.C) de Diodoro de Sicilia, no Comentarios á guerra das Galias (50-40 a.C) de Xulio César e en Xeografía (IV) (20 d.C) de Estrabón. Trátase de fontes nas que é posible estudar ata certo punto figuras preeminentes, usos e organización da sociedade celta.

As observacións dadas por estas tres figuras teñen un carácter ambivalente; por veces preséntanse feitos como os sacrificios humanos vinculados as cerimonias relixiosas, o cal é mostrado aos lectores como un dos signos de barbarie que caracteriza a esta civilización e por outro lado, móstrase nela unha organización social perfectamente estruturada, lóxica e de prestixiosas figuras como os druidai, os o´vateis, os bardous e os equites. O enfoque de moitas das descricións negativas dadas é preciso telo en consideración, particularmente debido a que a miúdo engádense notas e interpretacións non sempre imparciais ou dun coñecemento indirecto sobre as terras e culturas explicadas. Isto adquire maior coidado debido a que foron escritas baixo unha óptica que, como no caso de César, argumentara e sustentara a súa invasión e anexión ao Imperio Romano.

O interese na civilización celta como unha das matrices prestixiosas dos pobos nas súas orixes brota a raíz do século XV, sendo particularmente circunscrito aos estudos dos anticuarios i eruditos. O enfoque dos sabios centrábase na investigación de textos antigos e a contraposición aos estereotipos negativos que aparecen nos autores clásicos, ocupándose daquelas calidades que alimentaran a exaltación dos respectivos reinos. Esta perspectiva está presente nas publicacións do Sacro Imperio Romano Xermánico, o Reino de Francia, o Reino de Galiza e o Reino de Inglaterra. Os estudos galegos emerxen no século XVI con obras como Crónica General de España (1ª edición en 1543) de Florián d´Ocampo, a Coronica Grande del Reyno de Galicia (1600-1605) de Atanasio Lobera, a Verdadera descripción del Reino de Galicia (1603-1604) de Hernando de Oxea, en El cisne occidental (1678) de Felipe de la Gándara de Ulloa, a Primera parte del Arbol Chronologico de la Santa Provincia de Santiago (1722) de frei Jacobo de Castro, a Historia General del Reyno de Galicia de Álvarez Soutelo, Obra de 660 Pliegos (1762-1766) de frai Martín Sarmiento, o Catálogo de Palabras Gallegas (datado a finais do século XVIII) de Joseph Cornide, o Cynesios, Cynetas y Celtas e a Disertación Céltica de frei Pablo Rodríguez (alude a ela na súa correspondencia con Cornide en 1788, sen chegar a ser publicada).       

É o amencer da revolución cultural do Romanticismo a finais dos século XVIII o que da lugar ao renacemento da civilización celta. I é no século XIX, o século da Historia, a idade na que as connotacións asociadas a civilización celta dende a Antigüidade irradian unha nova luz, adquirindo unha importancia e extensión pública. A divulgación sobre a identificación cos devanceiros, alentado polas institucións oficiais, é paralelo aos temas que florecen na Arte, contando cun alto grao de difusión mediante reproducións, publicacións, exposicións e postas en escena. Imaxes como a do sacrificio humano aparecen cultivadas na representación dos celtas. Pero, como sucede na Norma de Bellini, o que obsérvase nestas obras non son as condicións primitivas, atrasadas e incivís de pobos simples e arrogantes que aparecen nos textos grecolatinos, senón o retrato expresivo, libre e sublime de tódolos matices da natureza humana. Nas figuras representadas, ou nas circunstancias que rodean a esas figuras, vense actitudes e carácteres capaces -dende a maior escuridade do espírito-, de desafiar e xurar a Vitoria sobre a destrución que avístase no Destino.    

4. Tríptico “E tras de xurdia loita os homes de Brigantia reconqueriron o Santo Grial ceibe e grorioso”. 1919/1920-1922. Camilo Díaz Baliño. Técnica: Óleo sobre lenzo. Medidas: 147 x 50,5 cm. Legado de Isaac Díaz Pardo

Identidades nacionais

Nas obras de Díaz Baliño existe un eco do pensamento e historiais visuais dos cadros de Historia, e as identidades nacionais, dos séculos XVIII e XIX en Europa: historias do país, a presencia de paisaxes cunha determinada Natureza, os monumentos históricos, signos tradicionais, a fraternidade entre países, a mitoloxía e determinadas escenas inspiradas na Literatura ou na Estética. Estas cuestións están presentes nos seus lenzos e ilustracións. Resulta particularmente reveladora unha carta escrita por Vicente Risco a Díaz Baliño datada o 22 de Agosto de 1922. Risco, coma esteta e motor intelectual, non so impulsa publicamente senón que estimula persoalmente a que artistas como Camilo crean Arte, un Arte que poña de manifesto o que somos, facendo visible a intelixencia, a verdade e a sensibilidade vidas a través do Tempo. Vale a pena reproducir a totalidade da carta, marcada co cuño da Irmandade Nacionalista Galega:   

Vicente Risco. Conselleiro Supremo da I.N.G.

Camilo: na tua arte tél-a leenda e mas a estoria de Galiza trascendentalizadas en símbolos para as proieutares lumiosamente no futuro noso, do que has ser un dos criadores, coa tua arte, co teu pensamento aceso e mais co lume apaixoado da tua y-alma galega. Eu leo co curazón nos teus simbolos, xeito que tes de faguer eterna a leenda e mais a estoria, xa que nas pedras santas da vella Compostela, soupeches leer e deprendela lición da eternidade. Eu tamén veño eiquí zugar eternidade pras miñas arelas de reintegración de Galiza na sua plena soberanía de futura testa d´Europa. Son teu irmán

Vicente Risco

5. Cartafol do I Congreso Teosófico Galego. 1926. Camilo Díaz Baliño. Legado de Isaac Díaz Pardo

Esta ilustración é, en efecto, unha obra que plasma unha visión do pasado. Pero o seu concepto coma imaxe non radica na nostalxia e en arcaísmos, senón en alcanzar un espello no que recoñecernos, no que tomar conciencia para vivir e no que liberar forzas para ser ferreiros dunha obra futura que contribúa ao avance da Humanidade. A ilustración de Camilo inverte tódalas calidades negativas para converter a danosa imaxe do sacrificio humano nunha inspiradora visión celta de grandeza e dignidade, unha declaración de que unha vida adicada non é unha vida en van, nin a dor dun transcurso nin a morte son o final dunha existencia e da liberdade de ser. Unha imaxe que, igualmente, evoca as ensinanzas filosóficas celtas sobre a existencia e vez alude a morte de Cristo. Trátase dunha perspectiva reforzada pola mensaxe que o artista engade ao pe desta primeira imaxe publicada en ANT:

Para ti, irmán galego,

Para ti, que loitas e loitarás, pol-a libertade da Matria,

Pide a Deus como eu pido, que o sangue reverta no Sant-Graal, e entón…apréstate a loita.

Temos de ver nosas bandeiras brancas, roxas, como o sangue.

O éxito desta peza levouna a ocupar a capa de La Voz del Campo o 19 de Agosto de 1923. E no seu deseño orixinal sucede unha metamorfose. É diferente en canto a mensaxe disposta ao pé e a cor escollida para imprimirse. A mensaxe é unha versión da empregada en ANT: “¡Irmán galego! Que a derradeira pinga de sangue, derramada polo lobos da terra, colme o Sant-Graal e entón…entón apréstate a loita. Temos de ver nosas brancas bandeiras, roxas como o sangue”. Unha mensaxe mais enérxica polo cromatismo empregado para imprimir a capa: un seco vermello escuro. Un poderoso, vibrante e carismático vermello estendido por tódala páxina. 

A Ara Gael é unha das obras clásicas de Camilo Díaz Baliño e da Celticidade na arte galega. Tal é o seu impacto que coa celebración da entrada de Díaz Baliño no Seminario de Estudos Galegos en 1924, o propio artista entrega a obra orixinal ao Seminario. Esta peza conta cunha singular diferenza respecto a tódalas outras versións: Díaz Baliño engade o título Ara Gael na parte inferior a esquerda do debuxo, escrito en grafía rúnica. (Logo Uxío Souto, veciño e boa amizade de Camilo en Santiago, empregaría o mesmo estilo gráfico para as verbas ciceladas na base de A Druidesa). Pero a súa complexidade iconográfica alcanzaría o seu cénit a partir de 1924 coas dúas seguintes versións: a Ilustración do Himno Galego para El Pueblo Gallego en 1924 e a Ara Gael  de 1930.

Escrito por

Historiadora da Arte.

Pode que che interese...