fbpx
Itinerario para chegar a Cova da Pendente, no Monte PIndo / Modesto- QCC

Como chegar á Cova da Pendente no Monte Pindo, refuxio de guerrilleiros na Guerra Civil

Tempo de lectura: 2 min.

A Cova da Pendente do Monte Pindo é unha cova situada na ladeira leste deste monte, moi próxima a un regato coñecido como “Sancheferro”, na paraxe “Monte de Zacarías”. Está na metade dunha plataforma rochosa con moita pendente formada por varias diaclasas, destacando un estreito desfiladeiro en dirección este-oeste. Ten un pequeno furado na parte alta e foi o refuxio dalgúns escapados da Guerra Civil, como conta QPC.

Localízase nas coordenadas UTM (29ED50): X = 491390; Y = 4749898, cunha altitude sobre o nivel do mar duns 365 metros. Para chegar a este punto pártese do lugar de O Fieiro, en Carnota, pola estrada de Sta. Uxía. Tómase o segundo desvío á esquerda por un camiño da concentración parcelaria. Despois de recorrer uns 500 m. tómase o desvío da esquerda en dirección sur ata o final. Crúzase o regato por uns pasais coñecidos como “Pousos de Zacarías” e síguese uns 200 m. polo borde esquerdo do río. Aquí, tórcese á dereita subindo monte a través ata o pé das rochas ata encontrar un desfiladeiro cuberto de “xestas” en dirección este-oeste.

Situación da Cova da Pendente, no Monte PIndo / Modesto- QPC

Aquí comeza a dificultade. Trepando polas rochas, subindo polas xesteiras nun treito duns 60 metros pola estreita trincheira, chégase ó último escalón dunha altura duns 2 metros. Subindo este escalón encóntrase o furado de entrada. Unha vez dentro hai unha plataforma descendente para seguir por outra ascendente nun traxecto duns 7 metros de longo por uns 6 metros de ancho, con formas irregulares podendo, en parte, desplazarse de pé.

Subir a esta cova é moi dificultoso e perigoso se as rochas están molladas. É recomendable ir acompañado levando algo que auxilie a subida como unha corda ou unha pequena escaleira lixeira.

Nestes casos, o guía ideal polos seus coñecementos é Pepe do Fieiro e Modesto García Quintáns. Foron eles os que contou ao xornal Que Pasa na Costa que cando eran pequenos podíase subir sen dificultade pola fenda cuberta de herba e xestas. Este dato pódese comprobar no mapa do voo aéreo dos americanos da década de 1950. Os últimos incendios queimaron o manto vexetal e as correntías da choiva arrastraron a terra, descubrindo as rochas a modo de escalóns.

Pode que che interese...