fbpx
Muller na historia / bstad CC0 / Día da muller
Muller na historia / bstad CC0 / Día da muller

15 mulleres que cambiaron a Historia de Galicia

Tempo de lectura: 9 min.
Mulleres retratadas por Ruth Matilda Anderson

Mulleres retratadas por Ruth Matilda Anderson

Aínda que os homes nos empeñáramos historicamente en apagar a súa voz, as mulleres de Galicia nunca ficaron caladas. A nosa historia está construída a través do esforzo de mulleres

que tiraron da nosa historia, da nosa arte e da nosa cultura, sen obter nin o recoñecemento nin a lembranza que con menor esforzo obtiveron os homes. Grandes heroínas da nosa literatura, das nosa arte, da nosa ciencia, enchen as páxinas da nosa historia, esquecidas, moitas veces, polos libros de texto. Do mesmo xeito que en silencio as nosas nais e aboas cargaron sobre as súas costas o peso dos traballos do fogar, da labranza ou da casa enteira cando os homes estaban na terra ou no mar, moitas mulleres do noso país cambiaron a historia a través dos libros, das armas ou das artes. Aquí recollemos a historia de quince de elas, mais son so unha pinga nun mar de traballo incansable de todas.

 

Exeria

 

Un fresco dunha escritora romana nunha parede de Pompeia

Un fresco dunha escritora romana nunha parede de Pompeia

Unha muller ansiosa de coñecemento, con espírito de viaxeiro, atrevida e ousada, mística e ascética, así foi a monxa Exeria. Era ela unha muller da Gallaecia que viviu no século IV e que escribiu un dos primeiros libros de viaxes coñecidos da historia, Itinerarium Egeriae, unha viaxe dende, probablemente, a Gallaecia ata Terra Santa. O libro recoñécese como un dos primeiros relatos sobre unha viaxe feito en primeira persoa, describindo o traxecto e os lugares que visita. Exeria nacería, segundo o texto, nas ribeiras máis afastadas do océano occidental, aínda que o perderse a primeira parte da obra non se pode asegurar por completo. Si se pode asegurar que foi unha muller valente, con ansias de superación, capaz de emprender unha viaxe longa e dura, nun tempo especialmente difícil, e deixarnos un legado literario dos máis importantes do Occidente.

A raíña Lupa

Lupa aparece no Códice Calixtino. Forma parte da lenda apostólica, en concreto do momento da traslatio, o episodio que narra como chegan os restos do apóstolo ó futuro lugar de Compostela. Lupa era a raíña das terras de Duio, o lugar que atoparon os discípulos de Santiago cando desembarcaron ós restos de Santiago o Maior nas terras do Ulla. Lupa mándaos ó monte Ilicino, ou o actual Pico Sacro para que collan dous bois que lles fagan o traballo de carga do corpo e do material para o sepulcro. Os discípulos atopan no lugar dous touros bravos que se fan mansos de xeito milagreiro. Lupa, maila ser unha personaxe mitolóxica, representa a potencialidade da muller no mundo altomedieval como gardiá de determinados espazos e como representación da terra, fronte o elemento masculino do tempo. O nome de Lupa probablemente estea emparentado coa versión femenina da divinidade Lug, do que tamén procedería ó nome de Lugo.

A Raíña Lupa moraba nas terras de Duio / xusenru CC0

A Raíña Lupa moraba nas terras de Duio / xusenru CC0

 

María Castaña

Guerreira / PrawnyCC0

Guerreira / PrawnyCC0

 

María Castaña ou María Castiñeira foi unha desas mulleres galegas que se atreveu a tomar as armas contra o poder establecido en busca de pan e de xustiza para o seu pobo. María Castaña, fidalga da Pobra de Brollón, e filla dos señores de Cereixa, foi quen de liderar unha revolta contra o poder eclesiástico do Lugo do século XIV. Esta foi en contra do bispo Pedro López de Aguiar, señor da cidade, quen obrigaba ós lucenses a pagar elevadas rendas, sumindo ó pobo na pobreza. Xunto ó seu marido Martín Cego e os irmáns deste, enfrontouse o bispo chegando a darlle morte ó seu mordomo. Mais a revolta foi apagada e a familia pagou a ultraxe.

 

Rosa de Corcoesto

Rosa ou o máis probable Carme da Ponte, tería sido, como outras tantas de Galicia, unha muller anónima de non ter sido laureada por un home. Aquel home era Eduardo Pondal e aquela Rosa de Corcoesto non é outra que a coñecida protagonista do poema de Queixumes dos Pinos. Mais a vida anónima de Rosa foi moito máis que un par de liñas dun poema, Rosa, como moitas outras mulleres do XIX, foi unha muller forte e loitadora que viviu conforme a uns valores a difícil vida do seu tempo.

Pintura de muller que mira o mar

Pintura de muller que mira o mar

Era unha veciña de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, de procedencia moi humilde que traballara de criada na casa de Pondal. Tivo dúas fillas de solteira co home que ela quixo, sen casar, sendo naquel momento unha muller transgresora e loitadora. Foi famosa curandeira, coñecía as herbas e os seus poderes curativos, chegando a acadar bastante sona, ata o punto de rexentar diversos balnearios e unha pequena taberna. Nas augas sulfurosas da beira da súa casa tomaban baños persoas adiñeiradas coma o propio Pondal. Mais non era a muller dócil que se retrata no poema era unha transgresora, unha muller feminista e emprendedora.

 

Concepción Arenal

Concepción Arenal / Galicia Confidencial

María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte naceu nunha modesta casa de Ferrol Vello. Foi filla dun militar cántabro de ideoloxía liberal e dunha aristocrática galega. Durante a súa infancia o seu pai sufriu unha dura persecución e represión por causa da súa ideoloxía, acabando desterrados en Madrid. Alí estudou e tratou de matricularse na Facultade de Dereito da Universidade Central, onde so se lle permitiu asistir coma oínte e vestida como un home. Foi unha das primeiras mulleres en asistir á universidade en España. Foi diplomada en Dereito, xornalista, poeta, dramaturga, entre outras. Deixou unha ampla bibliografía e a súa obra tivo unha importante repercusión internacional.

 

Carolina Otero

La Bella Otero nun dos seus espectáculos

O 4 de novembro de 1868 nacía en Ponte de Valga, Pontevedra, Agustina Carolina Otero Iglesias. Carolina, que levaría os dous apelidos da súa nai, xa que o seu pai non a recoñecería, sería anos despois a muller máis famosa do mundo. Pasaríase a chamar artisticamente Carolina Otero pero os seus admiradores lle dirán “A Bella Otero”. Foi unha muller loitadora que se enfrontou ó seu destino conseguindo chegar a triunfar en todos os escenarios do París de 1900. Foi unha das artistas da Belle Epoque parisina e chegou a ter tal fortuna que foi da súa propiedade o colar da emperatriz de Austria e o de diamantes de María Antonieta. A súa riqueza naqueles anos estaba calculada en 16.000.000 de dólares.

 

Manuela Barreiro Pico

Placa en homenaxe a Manuela Barreiro Pico

Esta ribadense foi a primeira muller en acadar o título de Bacharelato no instituto de Lugo, en 1896; a primeira muller matriculada na Universidade de Santiago de Compostela, en 1896; e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia e sétima de España, no ano 1900. Para realizar os estudos universitarios tivo que solicitar numerosos permisos mentres que os homes o podían facer sen ningún tipo de problema. Abriu a súa farmacia en Ribadeo no ano 1901, co nome Farmacia Moderna, sendo noticia en numerosos diarios de prensa galegos. Morreu en Madrid o 29 de xaneiro de 1953 sendo unha pioneira na loita dos dereitos de todas as mulleres e en abrir camiño nos estudos universitarios.

 

Elisa e Jimena Fernández de la Vega

Elisa Fernández de la Vega Lombán e Jimena María Francisca Emilia Fernández de la Vega Lombán, irmás xemelgas e fillas do médico Wenceslao Fernández de la Vega, foron en 1913 dúas das primeiras mulleres en estudar na universidade galega. Ambas foron admitidas na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, sendo ademais Jimena, premiada coa Gran Cruz de Alfonso XII por méritos académicos. Rematarían os estudos en 1919 e na década de 1920 xa se doutoraban en Madrid, ampliando despois estudos en Alemaña, Suíza ou Austria. Un verdadeiro fito no seu tempo.

Elisa e Jimena foron dúas das mellores médicos do seu momento / establemanCC0

Elisa viviu en Sevilla e Zaragoza, como médico e como académica. Asinou centos de artigos científicos, escribiu un manual de enfermeiría, pronunciou conferencias e fundou hospitais para indixentes. Morreu en 1933 dunha neumonía. Jimena foi xenetista, unha das mellores do seu tempo, foi catedrática da Universidade Central de Madrid, e directora dos balnearios de Guitiriz e Lanjarón. Finou en Santiago de Compostela en 1984. Ambas foron sen dúbida dúas das mellores profesionais da medicina do seu tempo.

 

Consuelo Rodríguez López “Chelo”

Consuelo Rodríguez López, Chelo, tamén coñecida coma a Gerrilleira de Soulecín, foi unha guerrilleira antifranquista galega da comarca de Valdeorras. Unha muller chea de coraxe, compromiso e dignidade, é a última supervivente dunha familia moi duramente represaliada nos anos da postguerra. Nada no seo dunha familia acomodada grazas aos recursos que lograra o pai en Cuba, a súa vida mudou dende 1936 por causa da brutal represión franquista, co asasinato de seis dos membros da súa familia. Lonxe de asumir o seu papel de desafecta e de sufrir as aldraxes que por aquela lle correspondía, Chelo, con 17 anos uniuse os maquis dos montes de Valdeorras.

Consuelo Rodríguez López, Chelo, na súa época de guerrilleira / youtube

Foi un dos guerrilleiros máis activos do noso país. Actuou de enlace das Guerrillas de León e Galicia, estivo varias veces na cadea, perdeu ó seu compañeiro Arcadio Ríos, e foi unha das caras da heroica resistencia activa dos primeiros anos da ditadura. Finalmente en 1949 conseguiu escapar a Francia. Chelo representa a todas as mulleres silenciadas que desenvolveron un papel activo na loita daquela sociedade, tomando un papel activo e belixerante dende a guerrilla armada. Tamén representa ás mulleres que non puideron facelo, e as atrocidades que sufriron a brutalidade fascista, “mulleres dobremente represaliadas, por ser desafectas do réxime ditatorial, e pola súa condición feminina”.

 

Maruxa e Coralia

Coralia e Maruxa, as Dúas Marías, nun dos seus habituais paseos por Santiago

Máis coñecidas coma As dúas Marías forman parte da lembranza máis vívida de Santiago de Compostela. Foron sen dúbida dúas superviventes da represión franquista posterior á Guerra Civil, que non so sobreviviron senón que tiveron a coraxe de ridiculizar a sociedade do seu momento a partir da súa propia suposta tolemia. Nun tempo no que todo era gris elas se atrevían a vestirse de cores, a saír á rúa pintadas, a deixarse ver, a mirar a un mundo lúgubre e escuro con ledicia de descaro. E non podía ser doutro xeito, trala sublevación militar sufriron unha represión feroz, violadas e tratadas de putas, de roxas e de desafectas. A fame e as penurias económicas foron dende aquela a constante das súas vidas. Mais, todos os días, ás dúas en punto da tarde, saían a pasear enchendo de cor a cidade.

 

Maruja Mallo

Foi artista e musa de artistas, librepensadora, ilustrada, filósofa e revolucionaria. Maruja Mallo fíxose camiño nun tempo no que o mundo era eminentemente masculino e no que ela brillou polos seus méritos propios. Nada en Viveiro en 1902, Maruja Mallo trasladouse a Madrid para estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando onde permaneceu ata 1926. Alí relacionouse con artistas, escritores e cineastas como Salvador Dalí, Federico García Lorca, Margarita Manso, Luis Buñuel, María Zambrano e Rafael Alberti. Durante a década dos anos vinte traballou para numerosas publicacións literarias como La Gaceta Literaria, El Almanaque Literario ou Revista de Occidente e realizou portadas de varios libros.

Maruja Mallo nun óleo de Araceli Rego

En 1932 foi estudar cunha bolsa a París e alí entrou en contacto co surrealismo, coñeceu a Max Ernst, René Magritte, Joan Miró, Giorgio de Chirico e participou en faladoiros de café con André Breton e Paul Éluard. Alí comezaría a súa grande etapa surrealista. De volta a Galicia a collería o comezo da Guerra. Tivo que agocharse en Vigo, na casa dun tío, oculta durante seis meses por medo a ser paseada. En xaneiro de 1937 conseguiu chegar a Tui e de alí a Lisboa, Arxentina e Nova York. En 1965 volvería a Madrid, cidade na que morreu en 1994. No ano 2017 dedicóuselle o Día da Artes Galegas. Foi unha das grandes artistas da nosa vangarda.

 

Angelita de Baño e Nuria das Cruces

Angelita de Baño, foi unha artista que cantou brindos -a improvisación cantada no Courel- desde os catorce anos, e que foi unha das maiores regueifeiras da montaña luguesa. Angelita foi, coma tantas, unha das mulleres que tomaron a iniciativa de manter vivas as nosas tradicións, os cantos da regueifa, a cultura oral do noso país. Unha de tantas. Josefa de Bastavales, Leonarda de Tallo, Marisol Manfurada, Sofía Tarela, Paola Beiro, Pepa Yáñez, ou a moi nova Nuria das Cruces, todas elas, dende diferentes xeracións, fixeron por manter viva a arte da regueifa -improvisación cantada en verso ou repente- e todas elas representan a vitalidade de todas as mulleres que en Galicia se esforzaron por manter a revitalizar as nosas tradicións orais e musicais, como Guadi Galego ou Mercedes Peón.

Alba María é unha cantora, compositora e regueifeira galega

Alba María é unha cantora, compositora e regueifeira galega

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...