fbpx
Retrato supostamente de Pedro Madruga, caracterizado coma un navegante e que algúns relacionan con Cristobal Colón

Un novo libro sitúa a orixe de Colón no Val do Dubra

Tempo de lectura: 3 min.

Á espera dos resultados finais das probas de ADN que dirixe o doutor José Antonio Lorente e o historiador Marcial Castro da Universidade de Granada, tal e como xa apuntou HdG, un novo estudo profunda, de maneira definitiva e concluínte, na orixe galega de Cristovo Colón.

Aínda que a orixe de Cristovo Colón non é a cuestión máis importante no chamado enigma colombino, segundo o arquitecto Marcos Castro Vilas, autor do libro ‘Cristóbal Colón y el periplo de Hannón’ (Edicións Ir Indo), Cristovo Colón sería de orixe galega, concretamente do concello de Dubra, pertencente á comarca de Santiago de Compostela. Sería a Terra Rubra, escrita de maneira corrupta, que nomea Hernando Colón na biografía que redactou sobre o seu pai. Fundamenta esta hipótese a partir do uso de palabras endémicas de Dubra nos escritos de Colón.

Segundo Marcos Castro Vilas, Colón descifrou o periplo de Xanón, o primeiro relato que recolle o descubrimento das costas americanas. Detrás da suposta orixe xanovesa defendida polo propio Colón escóndese toda unha simboloxía oculta e esotérica de carácter masónico que ten a súa orixe no periplo de Xanón a América, continuaría no deus romano Xano, e remataría na figura cristiá e simbólica de Xoán o Bautista, de aí o nome “artístico” de Cristovo Colombus.

Marcos Castro co seu libro no que di que Colón era do Dubra

“O apelido Colón é inventado”

“No personaxe de Cristovo Colón, coma bo galego, todo ten unha dobre intencionalidade ou vai con segundas, dende o nome artístico elexido ad hoc ata a súa suposta orixe xanovesa”, apunta Marcos Castro. “Todo o mundo sabe que o nome de Cristovo Colón é inventado, é un nome ex novo, polo que facelo descendente dos Colombo xenoveses, dos Colom catalanes ou dos Colón galegos é un erro moi grave”, engade.

Así, destaca que na Historia do Almirante, redactada polo seu fillo Hernando, explícase claramente que o apelido Colombo é adoptado por Colón en lembraza da pasaxe cristiá na que Xoan o Bautista invoca ao Espíritu Santo en presenza dunha pomba ou columba, apocopado despois en Colón.

“É un libro que fai fincapé, fundamentalmente, nas fontes que xeraron o proxecto colombino como primeira estratexia para resolver o chamado enigma colombino”, puntualiza. Para escribir este libro, Castro di que “non houbo que recorrer a ningún traballo exhaustivo de investigación en bibliotecas ou arquivos segredos, simplemente houbo que saber ler entre liñas” a biografía de Cristovo Colón narrada polo seu propio fillo Hernando. Tamén son fundamentais os escritos do xenial cronista das Indias Gonzalo Fernández de Oviedo, e por último ter uns coñecementos básicos de masonería, propios dos meus intereses coma arquitecto.

Mestura de historias

“Cada un dos capítulos do libro nace coa vocación de sorprender ó lector e revirar completamente o relato historiográfico oficial, pero se tivera que elexir algo do libro destacaría as reconstrucións feitas por min da viaxe de Ulises, do periplo de Xanón, da viaxe de San Brandán ou da viaxe de Mandeville”, di sobre a súa nova obra.

Recreación da chegada de Colón á Española

O seu autor insiste en que o libro pretende ser definitivo sobre o enigma colombino, “un libro de carácter subversivo e revolucionario”, que aspira a reescribir a historiografía oficial. “A razón principal pola que escribín este libro é por se a alguén lle entra a tentación de intentar ocultar a Histora ou terxiversar a Historia”, engade.

Non é a primeira vez que se insiste na orixe galega de Colón, tal e como xa ten recollido HdG, con todo é a primeira vez que se di que provén do Val do Dubra, xa que, ata o momento, todas as teorías máis solventes apuntan a Pontevedra e Poio como orixe do apelido Colón.

Pode que che interese...