fbpx
Exposición de vehículos marca Kia na praza do Obradoiro

Merece a pena converter a praza do Obradoiro nun concesionario?

Tempo de lectura: 2 min.

O novo modelo de Smart, un BMW i3, un i8, ambos eléctricos, un Kia Óptima, un Kia Soul e un Kia Seed. Estes son os modelos de automóbiles de diversas gamas que se poden ver estes días diante do Hostal dos Reis Católicos da praza do Obradoiro de Santiago de Compostela. E non se trata de ningún acto cultural, nin de vehículos retro, senón da presentación de novos modelos nun escenario excepcional, un espazo creado a finais do século XV, nunha praza que comezou a ter forma no século XIII. Un lugar único para resaltar as formas destes modelos pero, o espazo máis adecuado para introducir unha exposición de varios concesionarios? Se cadra non.

E é que, segundo figuraba na publicidade os concesionarios Louzao, de Mercedes-Smart e o Compostela Concesionario, de Kia, expuxeron estes días os seus modelos na histórica xurisdición real da praza. Un espazo que antecede o Hostal dos Reis Católicos e que durante a Idade Moderna formaba parte dunha xurisdición propia, separado do resto da praza con monumentais pináculos barrocos. Hoxe é un espazo xestionado pola empresa Paradores, e forma parte de dous Bens de Interese Cultural, o Hospital Real e o Casco Histórico de Santiago de Compostela, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A exposición de automóbiles coincidiu porén co V Congreso Internacional de Medio Ambiente & Salud en la Era del Desarrollo Sostenible «Nuevos Retos de Futuro para Galicia y el planeta» que se celebrou no antigo Hospital Real. Foi nos días 14 e 16 de maio, e aparentemente os concesionarios presentaron na praza unicamente vehículos eléctricos ou híbridos, e, segundo algunhas fontes, serían patrocinadoras do congreso. Mais segundo o artigo 53.2 sección a/ da lei 5/2016 de 4 de maio de Patrimonio Cultural de Galicia, “queda prohibida a instalación de publicidade comercial e do que impida ou deturpe a apreciación do ben dentro de seu entorno”, o que podería estar vulnerando a exhibición.

 

 

 

Pode que che interese...