fbpx
Interior do Museo Marco de Vigo / Bluscus.es

Estamos os galegos preparados para ter un museo de arte contemporánea?

Tempo de lectura: 2 min.

Non é unha pregunta baladí e que non se tome a mal esa licencia no titular. En Galicia hai tres museos de arte contemporánea pero, a pesar das súas exposicións e de ser referentes, non acaban de arrincar como centros museísticos. E non será polo empeño que poñen artistas e amantes da arte do país. Un caso paradigmático é o do Museo MARCO de Vigo.

O seu director, Iñaki Martínez Antelo, dimitía o ano pasado e, desde entón, este gran museo de Vigo navega cara á incerteza… ou cara o esquecemento. Pouco despois tamén dimitía o responsable de exposicións, Agar Ledo, e tamén o facía Daniela Serraíno, a presidenta da Agrupación Amigos do MARCO… E o 50% dos socios.

Hai unha deriva e indefinición do modelo da institución e unha ausencia de vías de diálogo coa alcaldía”, apuntan en declaracións ao xornal Galicia Confidencial. Desde entón unha Comisión Xestora dirixe a agrupación. Reúnense todos os martes na sede que teñen no Museo para tentar manter viva unha luz que se apaga.

Sinalan que a cultura non esperta paixóns que mobilicen. Pero que, en calquera caso, “houbo unha recollida de firmas a pé de museo cun resultado importante de participación; ata 7.000 firmas nas que non só está representado o corpo artístico local, galego e español, senón que mereceu xestos de solidaridade de asociacións de veciños, xentes da sanidade, da ensinaza e das fábricas”.

7.000 sinaturas que, se se compara coa poboación de Vigo, non son tampouco gran cousa. Calquera evento deportivo da cidade suma máis apoio. Por iso, o alcalde tamén mira para outro sitio mentres esmorece un museo que, a pesar de ser un dos grandes referentes de Vigo, non é querido por moitos vigueses. Quizais porque a cultura importa menos que o deporte, porque non segue sen haber educación artística neste país ou, sinxelamente, porque a arte non dá votos. Podes ler unha ampla reportaxe aquí.

Pode que che interese...