Monte Pindo logo do incendio de 2013 / Asociación Monte Pindo

Como especies únicas como o carballo anano do Monte Pindo sobreviviron ao pavoroso incendio de 2013

Esta semana fixéronse cinco anos dun dos máis devastadores lumes que afectou a unha das paraxes naturais máis fermosas de Galicia, o Monte Pindo. Neste hábitat privilexiado, nun macizo granítico de 350 millóns de anos de antigüidade e de escaso substrato vexetal, existe unha biodiversidade única. A Asociación Monte Pindo ten catalogadas xa preto de 800 especies, das que 150 contan con algún nivel de protección ou interese pola súa singularidade.

Entre elas, caben destacar as máis famosas, o Quercus lusitanica ou carballo anano, que atopa aqui o seu único fogar galego, ou o Iris (Xiphion) boisseri ou lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial. Pero tamén de animais como a salamántiga galega Chioglossa lusitanica, ou a lagarda da serra Iberolacerta monticola, especies ameazadas cuxas poboacións do Olimpo Celta mereceron estudos propios.

Lirio do monte e carballo anano, especies únicas que viven no Monte Pindo / Axena

Toda esta gran riqueza animal e vexetal estivo a piques de desaparecer. Pero foi a actividade voluntaria de veciños e entidades como a Asociación Monte Pindo a que conseguiu paliar as consecuencias do lume. Antes de que a Xunta ameazara con sancións por actuar sen o seu consentimento conseguiron sementar 2500 castiñeiros, 1050 carballos, e protexer 5,73 hectáreas de solo con gramíneas.

Unha actuación que esta asociación contratasta co feito pola Xunta, cuxas labores de rexeneración do chan só abrangueron o 0,16% do arrasado. Por iso, e a pesar da actuación de veciños e entidades, o espazo do Monte Pindo viuse afectado polo eucalipto e outras especies invasoras, ameazando ao mesmísimo hábitat do carballo anano.

O carballo anano

O carballo anano sobreviviu grazas a procedementos ‘in vitro’ / CSIC

O ‘Quercus lusitanica‘ é unha especie de carballo anano que medra ata os seiscentos metros de altitude, en solos pobres e en climas suaves. É unha especie moi rara en europa e na península só ten catro localizacións descritas; puntos concretos de Portugal, Extremadura, Andalucía e o no monte Pindo en Carnota.

Dende 2011 está incluída no catálogo de especies ameazadas, e en 2013, logo do lume, estivo a piques de desaparecer. Foi grazas a un proxecto de colaboración entre a Asociación Monte Pindo, un investigador da Universidade de Santiago e o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC que se conseguiu reintroducir a especie no se hábita natural.

En 2015 recolleron material vexetal das árbores que sobreviviran ao incendio, e con esas gallas comezaron as probas de reprodución ‘in vitro’, que conseguiro reintroducir con éxito. Son copias exactas da planta nai, clons que poden conservarse e multiplicarse indefinidamente. Pero grazas a este proxecto, o 70% delas sobrevivíu ao transplantala á terra e hoxe o Monte Pindo volve ter unha das súas especies máis características.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: