fbpx
O gaiteiro Carlos Nuñez / lanuevacronica.com

Que hai detrás da “marca celta” de Galicia?

Tempo de lectura: 2 min.

Existe realmente unha “marca celta” en Galicia?. E ten que ver esa marca cunha “identidade” celta ou máis ben cunha estratexia cultural, política ou mesmo empresarial?. Disto e doutros temas falou este martes Carlos Núñez, un dos gaiteiros galegos máis internacionais.

Nunha conferencia na Real Academia Galega, Núñez debullou esa “marca” e esa “identidade” celta de Galicia. Así, lembrou como o padre Sarmiento xa se refería á lingua celta, “na que cantaban os nosos devanceiros e que sigue viva na gaita”. “Mesmo a materia artúrica se pode considerar un precedente destas ondas de cantigas celtas que van e veñen dende hai séculos”, indicou o gaiteiro.

De feito, Núñez mesmo deu a coñecer detalles pouco coñecidos deste celtimos galaico. “Álvaro Cunqueiro organizou un festival celta en Vigo nos 60, mesmo anterior ao de Lorient, e para iso o escritor viaxou á Bretaña, o mesmo fixera Castelao nos anos 20. Desde alí, escribira aos seus compañeiros de Nós dicíndolles que as súas sensacións só se podían explicar en música, e Emilia Pardo Bazán no seu único texto en galego, dedicado á música, soñaba cun artista celta que a fixese espertar”, indicou.

O artista tamén profundou en distintos estudos que rastrexan as conexións musicais entre Galicia e outros territorios identificados baixo a etiqueta “celta” con raíces moitos séculos atrás. Así, suliñou que a primeira mención literal da chamada música celta atópase na Escocia ilustrada do século XVIII.

Cruz celta / usatoday

A “marca celta”, relegada

Con todo, para Carlos Núñez este rico herdo recibe pouca atención na península Ibérica: “España e Portugal, alén do flamenco e o fado, non souberon poñer en valor o seu patrimonio musical. Lévase anos dándolle as costas á inmensa variedade cultural que hai en España”, lamentou. E nese sentido suliñou que o que se comercializa co adxectivo “celta”, “é a forma máis exitosa de espertar músicas tradicionais europeas e de que evolucionaran durante séculos”.

“Os musicólogos atoparon no pop anglosaxón elementos que proveñen das arpas e das liras dos bardos celtas que tamén aparecen nas nosas cantigas medievais e seguen milagrosamente vivos por tradición oral, aquí e en Latinoamérica, ao contrario que en case toda Europa”, salientou. “Como dicía Dylan no discurso de recepción do Nobel, os artistas deberían coñecer e cantar a súa propia tradición e interiorizala antes de compoñer nos estilos de moda do momento”, engadiu.

A xuízo do gaiteiro, Galicia debería liderar esta perspectiva, “e non o está a facer”. “Festivais celtas como o de Lorient moven anualmente 750 000 persoas, moito máis que calquera dos festivais pop rock ou indie cos que nos bombardean os medios; e o Celtic Connections de Glasgow acolle baixo a marca celta todo tipo de xéneros, porque a música celta sempre abraza e por iso segue viva e evolucionando”.

Pode que che interese...