Castelo de San Xurxo no Pindo / foto Noel Feans Wikimedia CCBy

San Xurxo, o castelo do olimpo celta que defendía a fin da terra

Fronte a fronte do cabo Fisterra, ó pé do fin do mundo, e sobre as antas do macizo granítico que se ergue a máis de 600 metros sobre o mar, houbo dende a noite do medievo unha das máis impresionantes fortalezas de Galicia. Dise que foi inexpugnable, que ó longo da súa historia nunca caeu en batalla, e que so o paso dos séculos e o abandono a puideron facelo desaparecer. Mais o castelo de San Xurxo, e os seus restos que aínda a día de hoxe poden verse no Pindo, foi unha fortificación imprescindible na historia de Galicia, tanto para a defensa da costa máis occidental de Galicia, como polas importantes disputas e sublevacións que enfrontaron a nobreza, ó clero e as xentes deste derradeiro recuncho da Europa máis occidental.

Defensa de Normandos e Viquingos

Pois sobre as ruínas dunha fortaleza aínda anterior, no século X o bispo Sisnando II, ergueu, ou máis ben refundou, o castelo se San Xurxo. O nome provén do santo guerreiro Sanctii Georgii que, segundo a Historia Compostelana, erguería neste lugar unha primeira fortaleza no profundo da Alta Idade Media galega. O que pretendía Sisnando, bispo de Iria Flavia, era protexer, coma no caso das Torres do Oeste, as costas de Galicia dos continuos ataques que a nosa costa sufría por parte de Normandos ou Viquingos, ou piratas Bereberes.

Así, erguido sobre escarpados penedos, nun punto estratexicamente visible do monte, no lugar do Pedrullo e a máis de 300 metros sobre o mar, o castelo de San Xurxo pensárase como unha rexa construción defensiva intimidante. Era así un dos máis antigos, por tanto, de Galicia, e probablemente o máis antigo conservado en pedra. Segundo o que se conserva, sería un amplo castelo,  con varias torres vixía, unha torre da homenaxe e muros de ata 2,5 metros de ancho. Mais era o propio Pindo o que lle daba o conxunto o seu case imposible acceso, un conxunto que se fundía coa formación xeolóxica natural e especialmente intimidante para todo aquel que navegara ó pé da costa da fin da terra.

Mapa de 1812 no que xa aparece unha comarca baixo o nome de “Partido del Pindo”

E é que o Pindo, como é ben sabido, é un dos máis impresionantes montes da costa galega, un afloramento granítica como poucos. Composto dunha sucesión de impresionantes penedos de granito visto, érguense coma unha inmortal familia de xigantes escultóricos que miran ó mar. É por iso que dende antigo ó monte é inspirador de misterios, lendas e de deidades, achándose entre as súas pedras restos de diferentes culturas, dende petroglifos ata ermidas que tiñan por vocación unha máis que pretendida función cristianizadora.

Do monte Pindo o Padre Sarmiento falara da semellanza semántica co Pindo grego, Otero Pedrayo o denominara “grande testa xupiteriana”, e segundo o arqueólogo Xosé Barreiro neste lugar se atoparía unha das tres aras conmemorativas da vitoria romana das guerras cántabras. Tamén se fala doutros dous castelos sobre o monte, o de Canedo e o de Penafiel. E neste lugar se constata que a tradición popular o asociou historicamente a multitude de tradicións pagás e precristiás. As súas pedras foron asociadas a ritos de fecundidade e a tradicións milagreiras, falábase de herbas medicinais, augas benditas, e tradicións druídicas. É por isto que popularmente se lle coñece co sobrenome do olimpo dos deuses celtas.

A azoute de Xelmírez

Mais trala fundación por San Xurxo, e máis trala reedificación de Sisnando, na Baixa Idade Media, e co final progresivo das incursións polo mar, o castelo pasou a ser protagonista das loitas de poder entre a nobreza e o clero galego. Pois o castelo de San Xurxo custodiaba tamén un dos lugares de defensa privilexiados dos pasos dende a costa cara Santiago de Compostela. O máis cobizado centro de poder relixioso do occidente peninsular da época era o centro da gran partida de poder da Galicia baixomedieval. San Xurxo, como castelo roqueiro e magnífica fortificación, era sen dúbida unha das principais prazas fortes que dominaba o seu acceso dende o mar.

Pindo, lugar do Pedrullo onde estaba o castelo de San Xurxo / foto Wikimedia CC0PD

Así foi escenario privilexiado das loitas entre os poderosos Traba co arcebispo Xelmírez, nos últimos tempos dunha das liñaxes máis importantes de Galicia e nun dos momentos de maior poder da mitra compostelá. Tamén, e por este motivo, foi peza chave nas loitas polo reino de Galicia, entre os nobres do noroeste peninsular, nun tempo no que o arcebispo era de feito quen ostentaba o verdadeiro poder. Foi o escenario da chamada Revolta de Carnota, recollida pola Historia Compostelana, que acabará cun dos episodios máis curiosos da historia de Galicia.

Do castelo, e previsiblemente incitado polo Conde de Traba, Rodrígo Pérez, saíu un exército popular sublevado que se enfrontou ó arcediago da mitra compostelá, Arias Muñíz. Probablemente nas proximidades do Pindo, e tal e como conta a crónica, no ano de 1130, o pobo emboscou a Muñíz despoxándoo de monturas roupas e pertenzas facéndoo preso nos calabozos do castelo. Este feito, tal e como narraremos noutro artigo, provocou a excomunión do propio monte por parte do Arcebispo, evitando así o enfrontamento directo co nobre e acusando os moradores das terras ó pé do Xallas de feros, idiotas e indisciplinados, así como adoradores de cultos pagáns, deixando constancia nunha inscrición que aínda se conserva no monte.

Os últimos días de San Xurxo

A pesares do cedo deste momento a Revolta de Carnota foi o comezo do seu final, xa que dende esta o castelo foi perdendo importancia fronte a outras fortalezas que representaban mellor a loita de intereses da nobreza galega baixomedieval. Así, para moitos, foi coas revoltas Irmandiñas de mediados do século XV cando se destrúe o castelo. Mais segundo outras fontes, sería no século XIV cando se marcou o seu final, cando o seu señor Lope Sánchez de Ulloa, pide permiso á mitra compostelá para derrubalo.

O Guerreiro do Monte Pindo / wikipedia

Un dos guerreiros do Monte Pindo / José Antonio Gil García, wikimedia CCBy

Porén a súa desaparición final, unha vez máis, ten máis que ver cos mitos e as lendas que coa propia vontade popular. Pois co paso dos séculos as ruínas do castelo foron converténdose en depositarias de supersticións e de lendas. A máis popular entre elas foi a presencia da tumba da Raíña Lupa, un dos personaxes principais do mito xacobeo. Segundo esta, a raíña que gobernara o occidente galego e recibira ós discípulos do Apóstolo, estaría inhumada xunto cos seus tesouros no castelo. Así durante os séculos XIX e XX non serían poucos os cazatesouros que removeron ata a última pedra dos restos do castelo para achar o da mítica raíña.

Así, se ben a mediados do século XX aínda se vían ben algúns muros de varios metros de altura. Hoxe, dos restos do histórico castelo tan so se conservan inmensa moreiras de pedras e algúns alicerces illados. Mais non son poucos os testemuños no propio lugar do Pedrullo, aínda que as pedras do castelo se confunden cos propios penedos do monte, as liñas derrubadas de pedras e a chaira na abrupto afloramento, dá conta do que debeu de ser unha das fortalezas máis impresionantes da nosa costa, unha fortaleza que a pesares de estar hoxe case esquecida debeu xogar un papel moi destacado na historia medieval de Galicia.

Monte Pindo con Fisterra ó fondo / foto Cheligrafía CC0

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica e creador de entornos virtuais. Investigador independente, especialista en arquitectura e territorio. Colaborador habitual de Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: