fbpx
Petróglifo de Balindo. Detalle / A Rula

Gran achado en Ames: trece novos petróglifos

Tempo de lectura: 9 min.

Artigo realizado polo Colectivo A Rula

 Achegamos, a continuación, unha primeira aproximación a un total de 13 novas estacións de gravuras rupestres localizadas neste último ano no concello de Ames, e queremos iniciar este breve relatorio agradecendo ós nosos informantes ás súas achegas e xenerosidade:

Pilar de Aldea nova  a información relativa ós achados de Monte Grande e a Cruz do Monte da Costa, ó compañeiro Moncho Pereira pola información sobre os petróglifos de Agrón, ó concelleiro David Santomil e ós técnicos municipais de Ames para o petróglifo de Balindo, e a Luis do Río Pena, a través de APATRIGAL, para o de Agro da Chán.

Tamén queremos agradecer a súa amabilidade  e facilidades ó profesor Federico Silva Cobas propietario do terreo onde se sitúa o petróglifo do Rego das Pías.

Petróglifo do Agro da Chán. Panel 2. Vista parcial.

A distribución por parroquias dos petróglifos localizados é a seguinte:

4 localizados na parroquia de Ortoño: Os petróglifos do PortoAgro da ChánMonte Grande e a Cruz do Monte da Costa, nas proximidades de Aldea Nova.

2 situados na parroquia de Piñeiro: O petróglifo de Balindo e o petróglifo da Casa do Pereiro en Fernande.

1 na parroquia de Covas: O petróglifo de Capeáns.

4 na  parroquia de Agrón: Os petróglifos do Rego das Pías 1, 2, 3 e 4.

1 na parroquia de Biduido:  O petróglifo de Ventín ou “do Colexio”.

1 na parroquia de Bugallido: O petróglifo da Fonte das Buceleiras.

Case a totalidade dos motivos representados nestas estacións son coviñas, conformando en ocasións agrupacións de grandes dimensións con un bo número de motivos,  como é o caso das de Balindo, Capeáns ou Agro da Chán.

Petróglifo de Balindo, detalle.

As estacións rupestres compostas únicamente por coviñas non adoitan ser as máis “populares” entre aqueles que investigan a arte rupestre prehistórica galega e en poucas ocasións teñen sido obxecto de estudos monográficos.

As obras de síntese da arte rupestre galega adoitan referirse a elas destacando a imposibilidade de determinar unha cronoloxía probable, plausible para elas senón aparecen acompañadas por outros deseños tales como combinacións de círculos concéntricos, zoomorfos,… aducindo que debido á súa simplicidade teñen sido gravadas en diversos períodos da prehistoria e da historia, sen, na maioría das ocasións, afondar moito máis na súa análise.

Mais consideramos que non poden seguir sendo esquecidas nin postergada a súa investigación por máis tempo, toda vez que entendemos necesario avanzar no seu estudo para podermos acadar, a longo prazo, unha aceptable visión de conxunto desta tipoloxía de estacións rupestres.[1]. 

Seguindo iste convencemento é que presentamos estas laxes.

PARROQUIA DE ORTOÑO

Petróglifo do Porto ou da Pena Marela.[2]

Localízase no lugar do Porto (coordenadas UTM 29 T 529857 4746084, a unha altitude de 108 msnm.), no extremo suroeste do Monte de Vilastrexe, podendo accederse a ela doadamente si collemos un desvío que atopamos á dereita xusto antes de chegar, desde Santiago, á rotonda de acceso a Bertamiráns na estrada AC-543. Deixamos o vehículo na pista asfaltada e seguindo o camiño de terra, a uns 200 metros, atoparemos a laxe á súa marxe dereita.

Os motivos conservados son un total de 5 coviñas distribuidas sobre a superficie conformando un polígono irregular. O seu estado de conservación é malo.Os gravados sitúanse nunha laxe granítica de gran medio e pequenas dimensións (4,60 m por 3,20 metros) situada a rás de chan. Localízase no bordo do camiño de terra que conflúe no lugar con unha liña eléctrica de alta tensión.


Na última visita que realizamos á laxe, a finais de setembro, atopamos que a súa superficie fora danada probablemente pola maquinaria pesada que levou a cabo os labores de roza da liña de alta tensión nos últimos meses do pasado verán.

É obriga das administración competentes garantir a súa conservación coordinando e informando debidamente ás empresas que explotan as liñas, ás brigadas rurais de limpeza e, tomando todas aquelas medidas correctoras que permitan garantilo (desvío de trazados, balizamentos, etc.).Únese esta estación á listaxe de xacementos rupestres da nosa comarca en permanente perigo por situárense en camiños ou en terreos afectados polo trazado de liñas eléctricas, debido ó paso de venículos de motor e ós traballos de mantemento de rozas periódicas realizados sen a información e  coidados necesarios poñendo en risco a súa conservación. Conforman esta relación os petróglifos de Correxíns, Revolta da Palla, O Pinal I, Agro do Campo I  e os tamén aquí presentados petróglifo de Ventín e petróglifo de Capeáns.

Petróglifo de Agro da Chán ou de Monte Grande.[3]

Localízase no lugar dos Batáns e Pontiach (coordenadas UTM 29 T 530569 4746856, a unha altitude de 166 msnm.), accedéndose a ela a través dun camiño de terra que parte desde o nordeste de Aldea Nova cara a Portela de Villestro. Un pequeno sendeiro, que parte a nosa esquerda, comunica esta pista co afloramento onde se conservan as gravuras.

Trátase dun afloramento de grandes dimensións e superficies moi irregulares de granito de gran fino. Os gravados distribúense en catro paneis pertencentes ó mesmo afloramento pero ben delimitados polas formas naturais da pedra. O panel 1 é o máis destacado en altura, ten forma de crista alongada e nel se conservan o maior número de motivos. Nun dos extremos destaca a presenza dunha pía de orixe natural rodeada de multitude de coviñas.

O seu estado de conservación é regular.Os paneis 2,  3 e 4 son laxes planas situadas a rentes do chan. A case totalidade dos motivos representados en todas elas son coviñas de distintas formas e profundidades. Ademais, no panel 3 apréciase un suco trazado no medio dun conxunto de coviñas.

Pode que o máis salientable desta estación sexan as formas das dúas prominencias máis destacadas en altura do afloramento granítico, e que nos fan preguntarnos si puideron ter sido escollidas porque as súas formas naturais aseméllanse a dúas figuras humanas xacentes?

Petróglifo de Monte Grande.

Localízase nun afloramento granítico, de grandes dimensións e superficie moi irregular, ó pé dun camiño de terra.  Consérvanse 3 coviñas profundas  en tres petóns destacados da peneda e que conforman unha aliñación en dirección Este/Oeste.

Petróglifo de Monte Grande.

A cruz do Monte da Costa.

Nunha laxe de pequenas dimensións a rentes do chan, que forma parte dun gran afloramento granítico moi alterado por actividades extractoras de cantaría, consérvase unha cruz con triplo brazo e pedestal, elaborada cun útil metálico atendendo ó  perfil en V do seu suco. (coordenadas UTM 29 T 530430 4747357 e unha altitude de 226 msnm.). O seu estado de conservación é bo.

PARROQUIA DE PIÑEIRO

O petróglifo de Balindo

Esta estación foi localizada pola Brigada Aprol Rural do Concello de Ames. Os gravados rupestres localízanse no cumio dun batolito granítico de grandes dimensións situado ó pé dunha pista de terra, a poucos metros das casas da aldea de Balindo e da estrada AC-453 que comunica Roxos con Portomouro (coordenadas UTM 29 T 528779 4756077 e unha altitude de 242 msnm.).

O penedo granítico, de gran medio – groso, sobresae aproximadamente dous metros sobre o terreo circundante, unha pequena fraga de frondosas. Consérvanse cando menos 30 coviñas, distribuidas principalmente pola superficie máis lisa e uniforme do cumio. Nesta superficie chaman a atención as longas cristas lineais de seixo que cruzan boa parte da superficie.

Petróglifo de Balindo. Detalle.

As dimensións e as formas das coviñas son variables. Pódense apreciar cando menos 3 aliñacións, dúas de 6 e unha de 4 coviñas. Algunhas das coviñas únense entre sí por medio de pequenos sucos rectos. Dúas das coviñas de maiores dimensións semellan conservar parte dun círculo simple extremadamente erosionado apenas perceptible.

O seu estado de conservación é bo.

O petróglifo da Casa do Pereiro. 

Cando visitabamos Balindo, advertidos polo concelleiro David Santomil da localización do petróglifo, chamounos a atención a última casa da veciña aldea de Fernande, unha casa levantada con boa pedra situada ó inicio do camiño que leva ó penedo insculturado.

A casa foi edificada sobre un enorme afloramento granítico e boa parte do penedo segue a ser parcialmente visible na finca anexa. Os propietarios amablemente permitíronnos  acceder á leira e e facer unha comprobación visual rápida na que localizamos 4 coviñas máis unha coviña no interior dun círculo moi erosionado apenas perceptible. (coordenadas UTM 29 T 528780 4755938, e unha altitude de 236 msnm.).

O seu estado de conservación é malo.

PARROQUIA DE COVAS

Petróglifo de Capeáns

Localízase nunha peneda de grandes dimensións de granito de gran groso, destacada no terreo e situada ó pé dunha liña eléctrica de alta tensión (coordenadas UTM 29 T 529675 4747659 e unha altitude de 92 mnsm).

Petróglifo de Capeáns.

Os gravados distribúense na cima do afloramento, ó redor dunha gran pía de orixe natural con forma de améndoa. As insculturas conservadas son coviñas de distintas formas e dimensións, algunhas con forma de bacilos e outras unidas entre si por sucos rectos. Tres das coviñas unidas por sucos conforman un vistoso triángulo.

No lateral do penedo, na superficie máis vertical e regular, consérvase unha cruz con forma de bésta, elaborada con instrumentos metálicos atendendo ó perfil en V do seu estreito suco.

O seu estado de conservación é regular.

Noutra laxe do concello de Ames, a Laxe da Estivada de Abaixo podemos contemplar, como ocorre nesta estación, a distribución das coviñas ó redor de pías naturais. Outros exemplos nos que podemos observar esta distribución son a estación do Pinal 3(parcialmente conservado) no veciño concello de Santiago e o tamén aquí presentado petróglifo do Agro da Chán.

PARROQUIA DE AGRÓN

Petróglifo do Rego das Pías 1

Localízase a media ladeira dunha suave lomba nas inmediacións da necrópole megalítica de Rañalonga (coordenadas UTM 29 T 523952 4747382 e unha altitude de 272 msnm.). Tratáse dun afloramento granítico case completamente cuberto polo terreo circundante. Nas poucas superficies visibles consérvanse gran cantidade de coviñas de diversas formas e dimensións.

As coviñas localízanse en dous conxuntos, un na superficie de maiores dimensións conformado por oito coviñas, dúas delas máis profundas e unidas entre sí, e o outro nunha segunda superficie de menores dimensións onde boa parte das coviñas (22) se intercomunican a través de tres sucos que parten do extremo superior dereito. A superficie de esta última está gravada case na súa totalidade.

Neste sector apréciase que a rocha foi partida con posterioridade a ter sido gravada xa que unha das coviñas está incompleta.

O seu estado de conservación é regular.

Petróglifo do Rego das Pías 1. Pormenor.

Petróglifo do Rego das Pías 2.

Localízase moi próxima a anterior estación, no cumio da suave lomba que cae cara o Rego das Pías. Consérvanse 2 aliñacións de 2 e 3 coviñas e unha coviña exenta, sobre 3 petóns diferentes próximos entre sí. Os petóns apenas destacan uns centímetros sobre o terreo (coordenadas UTM 29 T 523959 4747426, e unha altitude de 276 msnm.).

O seu estado de conservación é bo.

Petroglifo do Rego das Pías 3.

Sitúase a escasos metros ao norte da anterior. Localízase nunha pequena laxe situada a rentes do chan na que se conservan tres coviñas inscritas nun círculo irregular, e outras catro coviñas exentas de menores dimensións(coordenadas UTM 29 T 523895 4747456 e unha altitude de 278 msnm.).

O seu estado de conservación é regular.

Petróglifo do Rego das Pías 4.

Localízase a escasos metros das anteriores, nunha laxe de pequeñas dimensións situada a rentes do chan na que se conserva unha coviña.

PARROQUIA DE BIDUIDO.

Petróglifo de Ventín ou “do Colexio”.

Localízase no lugar de Ventín (coordenadas UTM 29 T 533515 4744628, e unha altitude de 214 msnm.), nas proximidades do Colexio de Primaria de Ventín (a menos de 50 metros ao noroeste do edificio), nunha lomba cun afloramento granítico moi alterado no seu cumio, xa que foi o lugar elexido para situar nel unha torreta da liña eléctrica que cruza o lugar. O afloramento tamén foi  parcialmente alterado polo peche do campo de fútbol inmediato ó norte.

Petróglifo de Ventín. Paneis 1 e 2.

O afloramento atópase case totalmente cuberto polo asfalto e a terra  sendo visibles poucas superficies pétreas na actualidade. Nelas podemos visualizar ata un total de 13 coviñas. en 4 paneis/superficies diferentes.

O seu estado de conservación é malo.

PARROQUIA DE BUGALLIDO

Fonte de Buceleiras

No lugar de Buceleiras, ó pé da estrada que leva a Guimaráns (coordenadas UTM 29 T 531115 4743724, e unha altitude de 126 msnm.), na fonte lavadoiro de Buceleiras compre prestar atención á pedra que preside o cano. Trátase dun monolito de forma irregular, aparentemente non traballado, que ten na súa cima 3 coviñas de considerable profundidade comunicadas entre sí por sucos igual de profundos.

O seu estado de conservación é bastante bo.

Petróglifo da Fonte de Buceleiras.

A modo de pequena conclusión.

Poucos datos podemos extraer desta análise inicial máis si podemos indicar varias características dalgunhas destas estacións nas que se diferencian de boa parte das laxes do Corpus de arte rupestre galaico, daqueles con combinacións circulares ou con motivos naturalistas.

É o caso da selección do soporte a gravar, escolléndose penedas moi destacadas e visibles na contorna inmediata, a diferenza da elección máis habitual de laxes apenas sobresaíntes no terreo. [4]

Tamén nestas o granito escollido difire do habitualmente preferido granito de gran fino, optándose nestas ocasións por granitos de grans grosos (nos lugares onde se sitúan escasea o granito de gran fino) que dificultan o poder gravar neles motivos máis elaborados. Exemplos  deste tipo de estacións entre os aquí presentados son os petróglifos de Capeáns e Balindo.

Notas:

[1] Esta tendencia ten sido parcialmente correxida  na actualidade gracias ó altruista  labor de catalogadores espallados por todo o territorio galego, como J.A. Gavilanes ou Bruno Rúa que teñen recollida e publicada na provincia de Ourense una inxente cantidade de información sobre este tipo de xacementos rupestres, ou o traballo de Jorge Fernández no concello da Estrada.

[2] Denominación recollida da ficha catastral da finca onde se atopa.

[3]Denominación recollida da ficha catastral da finca onde se atopa.

[4] Lóxicamente con isto non queremos afirmar que entre as máis de 3.000 estacións catalogadas na actualidade en Galicia non existan multitude de soportes destacados no terreo e de gran groso no que se gravaron arte rupestre xeométrica ou naturalista.

Máis en https://colectivoarula.wordpress.com

Pode que che interese...