fbpx
Actuación dos Quinquilláns na festa Altamira Brilla / foto Deputación da Coruña

Así foi a festa que reviviu, por primeira vez, unha das batallas máis importantes da nosa historia

Tempo de lectura: 2 min.

Altamira Brilla, a primeira festa histórica das terras da Maía, conmemorou esta pasada fin de semana o 550 aniversario dunha das maiores batallas da Galicia medieval e recuperou a memoria dun dos maiores e máis importantes castelos de Galicia. A festa contou coa presentación do plan director das torres, un libro, un concerto, petiscos, música e a recreación por parte da compañía Os Quinquilláns da histórica batalla.

E é que, despois de que o pasado ano a pandemia obrigara a cancelar a convocatoria, as Torres de Altamira acolleron esta fin de semana a primeira edición dunha festa que promete ser un referente futuro para a comarca. A festa promovida pola Deputación da Coruña e os Concellos de Ames e Brión formou parte do importante plan que quere desenvolver este organismo para recuperar a memoria así como o marco físico das Torres de Altamira.

A histórica batalla que enfrontou ó arcebispo de Santiago cos todopoderosos Moscoso

 O programa, denominado “Altamira brilla”, arrancou a mañá do día 12 en Ponte Maceira, Ames. Foi coa presentación das investigacións e os avances nos traballos para a elaboración do plan director das Torres de Altamira, por parte dos investigadores Juan Mario Crecente e Luís Francisco López. Presentáronse tamén roteiros e o libro “A batalla de Altamira”, das historiadoras Mercedes Vázquez e María Pilar Rodríguez.

A festa central desenvolveuse o día 13 de xuño, xusto na xornada en que se conmemoraba o 550 aniversario da batalla que se desenvolveu en 1471 nas propias Torres de Altamira. A ese tempo regresou o público asistente á conmemoración coa recreación que realizou a compañía de teatro Os Quinquilláns. Da man dos actores reviviuse a batalla que enfrontou os poderes do arcebispo de Santiago e os das liñaxes de fidalgos que emerxeran o século anterior.

O concerto, interrompido pola treboada

A festa completouse coa participación de Baiuca cunha pequena mostra do concerto previsto xa que, debido á treboada que a esa hora se produciu, houbo que interromper a actuación antes do previsto. “A seguridade impúxose e non quedou outra que parar o concerto mais conseguimos inaugurar unha festa que ten vontade de se prolongar no tempo e converterse en tradición na comarca” comentaba o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas.

“Foi un día memorable mais aínda limitado pola situación que vivimos. Mais agardamos que o vindeiro ano poda xa celebrarse en todo o seu esplendor, sen máis límite de público que o que o espazo permite e con vontade de que a comarca recupere un feito histórico de especial relevancia no país“, sinalaba Penas.

Pode que che interese...