fbpx
Mámoa arraxada por maquinaria pesada no Irixo / GC

O alcalde do Irixo sobre as mámoas arrasadas: “Desde que eu goberno nunca se piden permisos para estas cousas”

Tempo de lectura: < 1 min.

Os danos causados a tres mámoas no Irixo –unha delas foi borrada directamente do mapa–, aínda están dando que falar. Logo de que o Serpona denunciara a catro veciños dunha comunidade de montes como responsables de ter arrasado un túmulo e provocado danos en dous, o rexedor da localidade, o popular Manuel Penedo, saíu na súa defensa.

En declaracións aos medios, Penedo dixo que as mámoas foron danadas para facer “cortalumes e camiños” nun monte comunal. Os danos, recoñeceu, foron feitos por un buldócer da Deputación de Ourense que o propio concello pediu para que fora utilizado por estes veciños.

Ademais, tentou xustificar os danos a estes túmulos funerarios de hai 6.000 anos, e declarados BIC,  porque “seguramente cando fixeron os traballos estaba todo cheo de maleza por todos os lados”. “Pasou o buldócer e non as viu”, insistiu.

“Apenas teñen nada”

O rexedor popular amosouse molesto con esta investigación porque suliñou que, desde que el é alcalde –hai 32 anos–, “nunca se pedía permisos para estas cousas”. Con todo, a Lei de Patrimionio Cultural do ano 1995 xa recolle a necesidade de pedir permisos en lugares protexidos.

Con todo, considerou que se tratou dun “accidente lamentable” porque “se amolou unha mámoa”. “Ninguén sabía dela”, xustificou en relación á máis danada, mentres que puntualizou que as outras dúas “apenas teñen nada”.

Tras coñecerse os feitos, a Dirección Xeral de Patrimonio anunciou que abrirá investigacións para determinar posibles sancións. Máis en Galicia Confidencial.

Pode que che interese...