fbpx
Froitos no Samaín / Alexas_FotosCCO

Samaín, un exemplo didáctico de recuperación dunha festa galega?

Tempo de lectura: 3 min.

Foi exactamente vai tres décadas, no ano 1990 cando un profesor dun instituto de Cedeira, Rafael González Loureiro, comezou a falarlle ós seus alumnos de Samaín. Tratábase dunha festa diferente. Non era ó Halloween americano, nin tampouco, aínda que moi misturada con este, ó noso día de Defuntos católico. Pois no día de Samaín, na noite dos Calacús, ou das Caveiras, o que en moitas vilas e aldeas de Galicia aínda se estaba a celebrar tiña moito que ver con outro tipo de ritos e ciclos comúns con boa parte da zona atlántica europea.

Samaín / LolameCCO

A recuperación dunha celebración precristiá

Pois si, Samaín non era Halloween, aínda que se lle parecera, nin era Defuntos, aínda que polo efecto da cristianización convivira durante séculos con el. Samaín era unha festa que se remontaba á noite dos tempos e que tiña moito máis que ver co desenvolvemento dun almanaque anual labrego. Calacús, cabazas, melóns, nabos, castañas e ata patacas, os derradeiros froitos do outono, eran os protagonistas nesta época do ano, e tamén desta noite.

Cóntase que moito antes de que chegara ata nós a celebración americana, nas nosas aldeas e vilas xa se deixaban nas portas das casas, ou nos soportais, nabos, melóns, cabazas verdes ou mesmo patacas grandes, talladas con formas antropomorfas e mesmo cunha candea no seu interior. Tamén se conta que se deixaban prendidas as luces, a lareira acesa ou os restos da cea na mesa, para que nesa noite ás ánimas dos ancestros se sentiran de novo acollidas entre nós.

Cabazas / Sabrina_Ripke_FotografieCCO

Como xa contamos noutros artigos, esta noite é a noite na que semella abrirse unha porta especial entre os mundos da morte e da vida. É unha celebración que ven de moito antes da romanización e na que as culturas labregas e gandeiras do occidente europeo celebraban o cambio de ciclo anual. Era a noite que se entendía como o fin da etapa cálida do ano e o paso á estación fría. A noite na que, coas derradeiras colleitas, morre un ano e outro agarda á súa eclosión.

Avós e netos e xogos entre cabazas

Era a celebración celta do Samaín, unha festa que antes da cristianización debía estar espallada por toda Europa. Mais en Galicia ficaba so como unha lonxana lembranza. Foi dende a asociación Chirlateira da vila de Cedeira, hoxe Amigos do Samaín na que participaba Rafael López Loureiro, dende a que se recuperou. Dende ela se fixo un esforzo especial por entender o que representaba a antiga tradición propia, e recuperala.

Samaín / foto PublicDomainPicturesCC0

López Loureiro desenvolveu un estudo no que se recollían testemuñas orais e documentos desta tradición cos que traballar en diferentes colexios da zona. Máis tarde seguiríano outros docentes de lugares como O Vicedo, Narón, Santiago ou a Illa de Arousa. López Loureiro chegou a documentar as diferentes tradicións de Samaín con diferentes nomes en todas as comarcas galegas, así como a desenvolver a hipótese da orixe común coa mesma celebración celta de Irlanda.

Máis tarde a recuperación comezou a se expandir a colexios de toda a xeografía galega. O tallado de cabazas e outros froitos encantáballes ós cativos ó tempo que viron no Samaín un xeito didáctico de entender á festa internacional. Mais tamén, segundo sinalan algúns antropólogos, foron os seus avós os que lle deron unha vinculación singular, pois o que recuperaban os cativos era en moitos casos o que eles aínda lembraban dende nenos.

O éxito foi dende aquela total. Coa participación de todos deixáronse misturar tradicións recuperadas, evocacións precristiáns, lembranza dos defuntos e a celebración internacional. Mais cativos e non tan cativos o teñen claro, a nosa celebración, non debería ser unha noite terrorífica, pois os nosos espíritos son bos, pois lembran as ánimas dos nosos seres queridos. Non hai na celebración galega nin na súa recuperación nada que deba darnos medo.

Froitos no Samaín / sujuCCO

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...