fbpx
Obradoiro dentro do grupo de investigación Liter 21 da USC sobre o proxecto ‘Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar / USC

Coñece o primeiro gran mapa da memoria veciñal de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Coñece o primeiro gran mapa da memoria veciñas de Galicia
Ciencias da Educación impulsa unha cartografía da memoria veciñal
O grupo de investigación Liter 21 expón ata este mércores 29 os resultados do proxecto ‘Contramapas. Memoria do habitar’

O grupo de investigación Liter 21 da USC impulsa o proxecto ‘Contramapas do Camiño, Memorias do Habitar’, unha proposta de acción para a recuperación e posta en valor do patrimonio natural, material e inmaterial ligado aos territorios rurais da contorna de Santiago de Compostela polos que discorren os diferentes Camiños que conforman a Rede Xacobea. Como consecuencia deste traballo de investigación, a Facultade de Ciencias da Educación no Campus Norte acolle ata este mércores 29, a mostra ‘Cartografía da Memoria Veciñal’ realizada a partir das achegas e narrativas dos diferentes colectivos implicados.

Este proxecto, que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’, impulsado pola Xunta de Galicia, formúlase dende o eido da Educación Artística facendo da comunidade e da veciñanza o principal axente activo, e abrindo paso ao desenvolvemento de diversas propostas interxeracionais que ligan memoria, espazos e identidade colectiva. Trátase de recuperar, a través de obxectos, fotografías e, sobre todo, narrativas persoais, a memoria do lugar a través de xuntanzas coa veciñanza para logo transmitir todo ese coñecemento ás novas xeracións mediante obradoiros ligados á Educación Artística e realizados nos centros educativos da contorna.

Na primeira fase que comezou en outubro e estendeuse ata decembro de 2019, traballouse en colaboración directa co persoal de diferentes concellos e asociacións culturais como A Mámoa e A Rula de Teo, Centros Socioculturais de Lavacolla e Enfesta de Santiago, Augapesada de Ames, Fonte Díaz de Touro e Luou de Teo, alumnado dos CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, CEIP Arquitecto Casas Novoa, CEIP Barouta e colectivos do Local Cultural Touro e Local Social A Mámoa. A información recollida a través de xuntanzas e diferentes propostas de actividades foi transferida aos máis novos mediante obradoiros e roteiros realizados por Estella Freire e Candela Rajal, integrantes do grupo Liter 21, co apoio dos centros educativos e culturais da contorna.

A partir destas experiencias, o grupo Liter 21 desenvolveu esta ‘Cartografía da Memoria Veciñal’ que recolle as achegas e narrativas dos diferentes colectivos implicados. Esta información configurada en diferentes paneis informativos públicos permite difundir e poñer en valor o patrimonio cotiá e a herdanza do lugar a través dos que o habitan. Este mércores 29, ás 11.00 horas, algúns representantes dos concellos participantes tomarán parte nun pequeno acto de entrega dos paneis que integran a mostra e que pasarán a expoñerse nos diferentes centros socioculturais.

Pode que che interese...