fbpx
Isaac Díaz Pardo traballando nunha das xarras de Sargadelos. Fotografía cedida cortesmente por Xosé Díaz Arias de Castro

Isaac Díaz Pardo, cen anos do nacemento do artista supervivente que mudou Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

O 22 de agosto de 1920 nacía na cidade de Santiago de Compostela Isaac Díaz Pardo, fillo de Antonia Pardo Méndez e do pintor Camilo Díaz Baliño. Foi na década dos anos vinte e Galicia vivía un dos mellores momentos na promoción da cultura. Un momento de progreso artístico, cultural e económico materializado na Xeración Nós, no rexionalismo artístico e nunha excepcional vangarda.

Porén este momento de esplendor foi quebrado moi pronto polo horror da Guerra Civil e a brutal represión do Franquismo. Isaac Díaz Pardo foi daquela un supervivente. Co seu pai asasinado e obrigado a agocharse ata poder saír de Santiago de Compostela, Isaac cruzou a súa adolescencia como un rotulador anónimo na cidade da Coruña.

Isaac Díaz Pardo no seu estudio do Castro de Samoedo (Sada). 1947. Colección privada: cedida amablemente por Xosé Díaz.

Mais Isaac morrería moito despois como un dos artistas máis importantes da Galicia contemporánea. Un artista que tomou sobre as súas costas a responsabilidade de recuperar a arte e a cultura perdida na guerra. Un artista que se atreveu a reconstruír en pleno Franquismo o traballo de todos aqueles que perdemos tras o golpe de 1936.

O pintor

Fuxido do réxime durante a guerra, gañou a vida como rotulador, pois xa Díaz Pardo herdara a arte e a cultura dende a súa propia familia. Foi un excelente pintor. Entre 1939 e 1942 puido cursar estudos na Escola de Belas Artes de San Fernando en Madrid, tivo unha bolsa para facer unha viaxe de estudos a Italia e mesmo obtivo unha praza como profesor na Escola Superior de Belas Artes de Sant Jordi de Barcelona.

Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, á dereita da fotografía, cos Núñez Búa, os Sofovich e os Scheimberg en Magdalena / foto Raigame, Revista de Arte e Cultura CCF Wikimedia

Reconstruír a cultura dende unha fábrica de cerámica

Mais isto non conformou ó artista. Isaac precisaba traballar pola cultura galega, manter viva a arte de Galicia, daquela maioritariamente no exilio, e crear un instrumento dende o que dar cobertura á nosa memoria histórica. Encontrou no proxecto de Sargadelos a oportunidade para facelo.

Para isto, e coñecedor de movementos de vangarda como o Arts and Crafts, abandonou as artes plásticas para desenvolver xunto con outros socios unha pequeno negocio ó redor da cerámica. Foi, primeiro, a través de Cerámicas do Castro, en Samoedo, Sada, ampliando despois o proxecto dende a histórica fábrica de Sargadelos de Cervo.

Obradoiro de Sargadelos / foto Luis Miguel Bugallo Sánchez (Lmbuga) CCBy Wikimedia

Non só foi un proxecto rompedor para a Galicia da época, senón que dende esta institución puido desenvolver proxectos como Edicións do Castro o Instituto Galego de Información ou o primeiro museo galego de arte contemporánea, o Carlos Maside. Mais Sargadelos é tan só o cumio do iceberg do seu traballo.

Un artista comprometido coa memoria

Isaac non esqueceu xamais ser supervivente, e o seu traballo e a súa obra estivo enfocada a recuperar a cultura perdida tras a Guerra Civil. Fíxoo nun tempo no que isto podía custarlle a vida. Tivo grandes relacións co exilio poñendo en contacto dous mundos, e apostou sempre pola rexeneración e internacionalización da cultura de Galicia, cunha visión de modernidade e vangarda.

Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo no Castro de Samoedo. 1969. Foto de Eduardo Blanco-Amor.

Un artista total

Mais Isaac non foi só un pintor e deseñador ceramista. Isaac foi o que podería chamarse un artista total. Foi deseñador industrial, proxectou máquinas e mobiliario. Foi tamén editor, en Edicións do Castro, e mesmo mecenas doutros artistas. Foi escritor, deixando obras de teatro e ensaios sobre economía, historia ou arte. Tamén foi colaborador doutras iniciativas culturais e mesmo colaborador de varios xornais.

Isaac axudou tamén a recuperar, xunto con Luis Seoane, a vangarda artística galega poñendo en marcha o Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside. Mais tamén outras institucións dende as que recuperar e imaxinar unha Galicia renovada, como Instituto Galego de Información, o antigo Seminario de Estudos Galegos ou o Laboratorio de Formas de Galicia.

Monumento ós fusilados no Campo da Rata da Coruña, por Isaac Díaz Pardo foto Diego Delso CCBy Wikimedia

Recoñecementos

Aínda que nos seus últimos anos chegou a ser apartado do grupo Sargadelos, Isaac foi, non sen razón, enchido de recoñecementos. Entre eles Fillo Predilecto da cidade de Santiago, Doutor Honoris Causa polas Universidades de Santiago de Compostela e da Coruña ou Premio das Artes e das Letras de Galicia en 2003. Isaac Díaz Pardo tivo o seu pasamento ós 91 anos de idade o 5 de xaneiro de 2012, deixando tres fillos e un excepcional legado do que queda moito por aprender.

Pode que che interese...