fbpx
Casas do Castro de Santa María de Cervantes / Patrimonio dos Ancares

Santa María de Cervantes, o castro dende o que se explotaba unha mina de ouro

Tempo de lectura: 3 min.

Un dos tres únicos castros da provincia de Lugo que é Ben de Interese Cultural é o de Santa María de Cervantes, un castro que serviu para a explotación dunha mina de ouro. Trataríase dun dos máis singulares entre os escavados en Galicia, pois baixo os seus muros atopouse un poboado galaico de época romana (séculos I. e II d.C) dedicado, por completo, á explotación.

Castro de Santa María de Cervantes / foto PNOA CCBy Wikimedia

Trataríase dun poboado de nova planta no que case todas as vivendas foron construídas nun mesmo momento histórico e no que, ademais, a diferenza da meirande parte dos castros galegos, non se atopou ningunha construción para outro tipo de usos, tal como almacéns agrarios. Disto pódese deducir que a principal ocupación dos seus habitantes era o traballo mineiro, principalmente nas minas romanas documentadas ó seu pé  Viña da Moura e Ribadón.

O castro é por tanto un xacemento fundamental para entender as dinámicas do mundo castrexo, así como para comprender o procesos de adaptación entre os galaicos e o mundo romano. Ademais, no lugar atópase a igrexa de Santa María, así como unha necrópole medieval do século XIV, e as importantes explotacións mineiras romanas da súa contorna. Por isto foi declarado Ben de Interese Cultural o pasado mes de outubro.

Castro de Santa María de Cervantes / foto Adrián Estévez (Estevoaei) CCBy Wikimedia

Un novo futuro para o xacemento?

É por todos estes motivos polo que o castro nos útlimos meses conseguiu o chamar a atención da Xunta. Pois tras tramitar a súa declaración como BIC, solicitada, tal e como xa contamos, polo colectivo Patrimonio dos Ancares e a Anpa do CPI de Cervantes,  o executivo galego quere agora consolidalo e comezar a divulgar os seus valores.

Farao a través de novas intervencións, anunciadas este pasado venres. As obras a desenvolver serán actuacións de limpeza, conservación e consolidación do xa escavado. Os traballos permitirán a consolidar esta área co obxectivo de favorecer a súa visita e a súa divulgación. Ademais prevé instalar un panel informativo cos carácteres excepcionais do xacemento, así como desenvolver tamén accións de difusión e divulgación, tanto para a comunidade científica como para o gran público.

Igrexa sobre o castro de Santa María de Cervantes / foto Patrimonio dos Ancares

E é que, dende fai moito tempo era esta unha materia pendente do castro, pois trátase dun dos máis significativos atractivos turísticos da comarca, atopándose nun espazo paisaxístico e natural con diferentes distincións. Pola contra trataríase do único castro escavado entre os máis de 140 existentes na comarca dos Ancares. Os traballos, que comezarán na primeira semana de outubro, terán un plazo de execución de tres meses.

Pode que che interese...