fbpx
Casa Cornide, residencia da familia Franco na Coruña / foto panoramio.com

A Xunta protexerá finalmente ó longo deste mes a Casa Cornide incoándoa como BIC

Tempo de lectura: 2 min.

A Dirección Xeral de Patrimonio incoará este mesmo mes o expediente da declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide, na Coruña. Así o anunciaba no día de hoxe Román Rodríguez conselleiro de Cultura, Educación e Universidade nun pleno no Parlamento de Galicia.

A decisión de Patrimonio conta cos informes favorables das tres institucións consultadas na tramitación: o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e a Universidade de Santiago de Compostela. Isto garantirá a protección integral dos seus valores culturais desde ese momento e ata a aprobación definitiva, adoptando as medidas que sexan precisas para garantilo.

E é que a finais do pasado ano 2020 o Concello da Coruña solicitou á Xunta a declaración de BIC, a máxima protección do patrimonio cultural galego, para a casa do xeógrafo José Cornide. Fíxoo cun profundo informe técnico dirixido polo catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos que confirmaría a singularidade do edificio e a excepcionalidade dos seus valores.

Manifestación fronte a Casa Cornide / foto Plataforma en Defensa do Común – AVV Cidade Vella – Podemos Coruña

A vivenda, construída entre 1750 e 1760, é un pazo urbano de estilo entre barroco e rococó construído polo pai do xeógrafo, historiador e político ilustrado José Cornide. Á súa morte foi doado pola familia ó Concello da Coruña para funcionar como escola. Porén, durante a ditadura a administración local sacouna a poxa, gañándoa a familia Barrié quen cedeu a propiedade a Carmen Polo, en circunstancias discutibles.

Dende aquela o excepcional edificio é propiedade da familia do ditador e nos últimos tempos está a rodearse tamén dunha grande polémica. Pois tras a sentencia do Pazo de Meirás varios veciños da Cidade Alta e o BNG denunciaran que os Franco poderían estar a baleirar o seu interior. O edificio tamén se atopa nun proceso legal para ser recuperada pola cidade.

Pode que che interese...