Este é o proxecto que ensina ás máis cativas a respectar o noso territorio dende vai máis de 20 anos
Unha iniciativa para educar e xerar un espírito crítico da arquitectura e a paisaxe galega nas máis cativas e cativos. Este é o obxectivo do Proxecto TERRA, un programa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) coa colaboración do goberno galego, a desenvolver dende a educación infantil ata o bacharelato. Un proxecto para educar, dar a coñecer e sementar un futuro de respecto co lugar que habitamos.
Proxecto TERRA é un proxecto que naceu da man dun grupo de profesores tanto de secundaria como universitarios, baseado na idea de que aprender e comprender a paisaxe, a arquitectura e o territorio é construír un futuro mellor para o lugar no que vivimos. Unha idea que naceu no ano 2000 e que, dende vai agora 20 anos, está a formar o espírito crítico das máis cativas e cativos.
Así, para celebralo, dende o pasado día 30 de abril e até o vindeiro 27 de xuño de 2021, pódese visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura a exposición que conmemora estes 20 anos de traxectoria do proxecto. A mostra comprende máis de 35 proxectos elaborados dende diversos centros educativos galegos ó longo de todo este tempo, pretendendo ser unha homenaxe a todo o traballo do alumnado e profesores.
Hábitat, Territorio, Arquitectura, Urbanismo e Paisaxe son os campos principais nos que se clasificaron os proxectos amosados na exposición e que se corresponden coas tres seccións que abrangue. Abórdanse tamén outras temáticas coma o medio ambiente, o dereito ó hábitat ou as intervencións nos espazos educativos.
Tamén nunha cuarta sección resumíronse as actividades complementarias ofertadas durante estes 20 anos. Entre elas, as visitas guiadas e máis os intercambios territoriais, que se representaron nun mapa do territorio galego-portugués que rematou por converterse en portada de toda a mostra.
“Animámosvos a achegarvos a botar unha ollada, para seguir recompilando e intercambiando ideas sobre como mellorar o noso hábitat, protexer o noso patrimonio e mellorar, a fin de contas, a materialización que a pegada do ser humano fai sobre a nosa paisaxe”, afirman dende o proxecto. “Agardamos que se poida achegar a máis xente posible e, así, contribuír a continuar crecendo”.