fbpx
Encoro da Fervenza no Xallas / foto Jose Pais CCBy Wikimedia

Vimianzo quere recuperar a memoria do chamado ‘éxodo dos Baos’

Tempo de lectura: 2 min.

Na década de de 1960 produciuse a que probablemente fora a maior diáspora da Costa da Morte. Foi no Concello de Mazaricos coa construción do Encoro da Fervenza pola empresa Carburos Metálicos da que é herdeira Ferroatlántica. As persoas que vivían nos núcleos que hoxe ocupa a auga, víronse forzados a abandonar as súas vivendas para non volver.

Porén, agora o Concello de Vimianzo quere recuperar a memoria do coñecido como ‘Éxodo dos Baos’. Farao a través dun traballo de recollida e documentación de imaxes que tratará de poñer en valor tamén toda a riqueza da parroquia de Baíñas, en extensión, de todo o municipio.

O obxectivo é crear unha exposición fotográfica para preservar a memoria do feito, para o que se contará coa estreita colaboración de Natalia Lema, veciña deste lugar e escritora do libro Baos. Dende o Concello considérase isto como unha “nova oportunidade de contemplar o que significamos como pobo, como sociedade” e “de non deixar de coñecer quen fomos”, como apuntan.

Mapa histórico coa Terra de Soneira na exposición do Castelo de Vimianzo

Minas de rutilo, a morte dun republicano ou a emigración de fondo

Mais, a historia no se conta só baixo a imaxe dunha diáspora. Pois varios feitos acontecidos no século XX suscitan un interese especial sobre ela. As minas de rutilo, un mineral estratéxico e cuxos xacementos se extenden por Brandoñas, Baíñas e os Baos ou a morte de Daniel Antelo Fidalgo, un republicano da zona finado nun campo de concentración nazi.

Tamén o estudo do transtorno psicolóxico que causou a diáspora na xente, e a sorprendente enteireza para enfrontar a sucesión de feitos daqueles anos. Por último, a emigración, que foi nacional, transoceánica e rural. As fotografías poden axudar a construír un retrato fiel daquela sociedade, a preservar a súa memoria e a entender mellor Vimianzo.

Para a recollida, considérase unha fórmula sinxela e pouco invasiva cos documentos orixinais. Pois non sería precisa a cesión, soamente autorizar a facer unha copia con consentimento. Buscaranse fotografías costumistas, de óbitos ou de estudo, polo xeral a cargo de retratistas do momento como Caamaño ou Vidal.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...