fbpx
Pedras sobre uns petróglifos catalogados que xa foron retiradas / Patrimonio dos Ancares

Reparan un petróglifo danado pero sen noticias da sanción pola destrución dunha mámoa

Tempo de lectura: 2 min.

O pasado mes de xaneiro, dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares presentamos denucia pola agresión a uns petróglifos, catalogados dende o ano 1997, do Monte das Lamas, na parroquia de Guimarei, no concello de Friol, composto por máis de 20 cazoletas unidas por trazos curvos e rectos, coviñas con semicírculos e cruciformes. Sobre a pena coas gravuras despositaran gran cantidade de pedras que, ademais de tapar os motivos, podían danalos gravemente.

No día de hoxe, dende o Servizo de Xestión Cultural da Consellería de Cultura en Lugo comunicáronnos que, atendendo a nosa denuncia, requiriron aos propietarios da parcela onde se atopan a retirada das pedras, traballo que baixo a supervisión dos servizos técnicos de arqueoloxía de Patrimonio se realizaron o pasado 13 de outubro, informándonos que despois de limpo, os petróglifos non sufriron alteracións.

Dolmen de Baleira destruído por maquinaria pesada da madeira / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Agora estamos á espera de que dende Patrimonio nos contesten á denuncia que formulamos o pasado mes de febreiro pola destrución da única mámoa con dolmen do concello de Baleira, pertencente á necrópole megalítica do Alto da Cruz, na parroquia de Córneas, arrasada durante unha talla de piñeiros. A maquinaria pesada achandou totalmente o túmulo e as pedras do dolmen foron desprazadas e esnaquizadas. Debido á gravidade dos feitos, solicitamos se aplique a máxima sanción recollida na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Este dolmen estaba catalogado dende o ano 1991.

Pode que che interese...