A arte rupestre da comarca de Compostela terá Plan Director e vídeo promocional antes do verán | Historia de Galicia
Parque Compostela Rupestre / foto compostelarupestre.gal

A arte rupestre da comarca de Compostela terá Plan Director e vídeo promocional antes do verán

Tempo de lectura: 2 min.

O proxecto Compostela Rupestre terá moi pronto Plan Director. Así o anunciou o Consello Director de Compostela Rupestre, reunido en Ames para facer balance do ano de xestión e avanzar nas novas iniciativas que se desenvolverán o próximo ano.

E é que, tal e como anunciou Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña, a institución dará inicio da contratación por procedemento aberto do Plan Director. Terá un orzamento de 95.565 € e agárdase que o plan estea rematado en 6 meses.

Trátase “dun documento que vai dirixir as accións futuras no proxecto, unha carta de navegación imprescindíbel para os concellos e a Deputación”, tal e como sinalaba Regueira. “Suporá un paso adiante fundamental cun traballo interno no territorio” e “que servirá para consolidar o proxecto”.

Parque Compostela Rupestre / foto compostelarupestre.gal

A licitación do Plan Director supón “o inventariado e a posta en valor das propostas de ordenación do territorio do Parque”. O obxectivo é “a elaboración dun plan que serva de guía ós concellos e Deputación en futuras actuacións que consoliden o proxecto de maneira definitiva”, como afirmaba o tenente alcalde do concello de Ames, David Santomil.

O documento incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización. O proxecto estará elaborado por un equipo técnico  multidisciplinar.

Un vídeo promocional

Na xuntanza, na que participaron representantes de todos os concellos implicados no proxecto, anunciouse tamén a contratación dun primeiro vídeo promocional do Parque Arqueolóxico. O vídeo, que comezará a gravarse en decembro, ten como obxectivo dar a coñecer a riqueza patrimonial deste territorio.

Na xuntanza aprobouse, ademais, a cesión do local de Villestro para uso das necesidades que se establezan no Plan Director de cara a converterse en centro de interpretación para distintas actividades do proxecto.

O proxecto Parque Compostela Rupestre naceu en setembro de 2018 froito da cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra. Trátase dun proxecto xestionar de maneira conxunta, este patrimonio dos seus termos municipais. No vindeiro ano Teo tomará o relevo a Ames na dirección rotatoria.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: