fbpx
Vista xeral do castelo e a s súa contorna / foto Castelo de Portomeiro

Así é a fortaleza que controlou o Tambre dende a Idade do Ferro ata o século X

Tempo de lectura: 3 min.

Unha fortaleza sobre o río Tambre, exercendo un enorme control visual sobre o seu val con restos de diferentes momentos da nosa historia, dende a Idade do Ferro ata o século X, pasando polo final do Imperio Romano ou o século VIII, nos momentos da “inventio” de Santiago de Compostela. Este é o xacemento excepcional que un equipo de arqueólogos estivo a estudar o pasado verán e cuxos resultados presentaron o pasado mes de decembro.

Trátase do chamado Castelo de Portomeiro, no concello de Val do Dubra. Un xacemento no cumio dun outeiro, que ata o de agora presentaba enormes interrogantes e sobre os que se trata de botar luz con esta escavación. Tratábase dun xacemento ata o de agora catalogado de forma moi xenérica, como posible castro ou fortaleza de época medieval, pero do que ata a data nunca se fixera un estudio en profundidade do mesmo.

A intervención enmárcase no grupo de investigación Sincrisis que está tratando de enfrontarse a un dos períodos máis descoñecidos da historia de Galicia, o momento entre o final do Imperio Romano e o comezo da Idade Media galega. A prospección foi promovida en xuño de 2020 polo profesor de arqueoloxía da USC e director científico do proxecto, José Carlos Sánchez Pardo, e foi realizada a través da empresa Tempos Arqueólogos baixo a dirección en campo de Mario Fernández Pereiro, autor dunha tese de doutoramento sobre este tipo de recintos.

Escavacións no Castelo de Portomeiro / foto Castelo de Portomeiro

Tres sondaxes para desvelar séculos de historia

A intervención, que contou ademais coa valiosa colaboración do concello de Val do Dubra e da asociación cultural Larada, constou de tres sondaxes. A primeira, e mais grande, situada na zona central do recinto, descubriu os restos dunha ampla habitación rectangular que aproveita os grandes penedos graníticos para asentarse.

A segunda sondaxe centrouse na porta de acceso o recinto, que chamaba a atención polo seu magnífico estado de conservación e da que se puido documentar a súa cimentación. Finalmente a terceira sondaxe fíxose na zona mais alta do Castelo, atopando os restos doutra estancia que ofreceu abundante material cerámico.

Tras os traballos desenvolvéronse datacións radiocarbónicas nun laboratorio especializado de Miami. Nelas se confirmaron as impresións dos arqueólogos durante o traballo de campo, demostrando que o xacemento tivo varias e moi diversas fases de ocupación ó longo do tempo.

Vista xeral do castelo e a s súa contorna / foto Castelo de Portomeiro

Tres momentos de excepcional importancia na nosa historia

A meirande parte dos restos actualmente visibles do Castelo, segundo as datacións e a cultura material atopada, pertencen ó período entre finais do século VIII e principios do X. Trataríase dunha fortificación que contaba con importantes estruturas interiores que seguen unha disposición ortogonal, situada nun lugar estratéxico que controla o entorno e os pasos do río Tambre nesa zona.

Porén, constatase a existencia de dúas fases previas das que apenas quedan restos en pé. Unha en torno ó século V, da que procede material para asentar o Castelo, e outra, máis antiga, en torno a finais da primeira Idade do Ferro, que coincidiría cos restos dun pequeno muro circular, quizais dunha posible vivenda deste período.

Trátase, polo tanto, dun xacemento dun enorme interese e que podería achegar valiosa información sobre o control do territorio en torno o tramo central do río Tambre en estes tres momentos de especial importancia da nosa historia: a transición entre a primeira e segunda Idade do Ferro; a final do Imperio Romano; e a integración do territorio galaico na Monarquía Asturiana nos momentos da “inventio” de Santiago de Compostela.

O pasado día 16 de decembro fíxose a presentación dos resultados da intervención. Pode verse a intervención completa neste vídeo na plataforma YouTube.

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...