fbpx
Imaxe do astro sol nunha mámoa de Friol / Patrimonio dos Ancares - Manuel Gago

Atopado un impresionante gravado nunha mámoa de hai 6.000 anos en Friol: o astro sol

Tempo de lectura: 2 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares, grazas ao compañeiro Brais Rodríguez, vimos de documentar un gravado inédito, e cremos que único en Galicia, no dolmen da mámoa número 2 da necrópole da Costa de Mera, na parroquia de Guldriz, concello de Friol. Na parte inferior da cara interna dun dos esteos que forman a cámara megalítica vense unhas catorce liñas radiais que parten dun círculo. Trátase dunha representación do astro sol.

Este dolmen, que aínda conserva sete esteos da cámara megalítica, foi descuberto polo investigador Juan F. Núñez Jato a finais dos anos oitenta do pasado século XX, e visitado a mediados dos anos noventa polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño quen documentaron na parte superior dun dos chantos tres cruces gravadas de factura moi posterior, pero non o sol.

Se ben se consideran como soliformes algunhas gravuras aparecidas nun reducidísimo número de dólmenes de Galicia, estas son moi esquemáticas e de non doada interpretación. Pola contra, a representación deste dolmen de Friol é clarísima, non admitindo dúbidas canto á figura que quixeron representar os construtores deste enterramento megalítico duns 6.000 anos de antigüidade. Ademais, dáse a circunstancia de que está orientado xusto cara o este, cara a saída do sol.

Atopan un sol nunha das antas dun dolmen de Friol / Patrimonio dos Ancares

Representacións escasas

Na Península, para ver unhas figuras tan nidias do sol insculpidas nun dolmen, aínda que tamén moi escasas, hai que trasladarse a Andalucía, Cataluña, Estremadura ou Portugal.

Na comunicación enviada a Patrimonio da Xunta de Galicia solicitamos que por posuír este excepcional gravado, o enterramento reciba a máxima protección legal e o cataloguen como Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén lle suxerimos a necesidade dunha intervención arqueolóxica para determinar se neste ou no resto de esteos poden aparecer máis gravados, traballo fundamental para poder formular as hipóteses sobre o seu posible significado.

Para rematar, cremos que a estes enterramentos do período Neolítico do concello de Friol debera prestárselles máis atención e protexelos como merecen xa que nos atopamos diante dunha das maiores concentracións tumulares de Galicia, con preto de 300 mámoas distribuídas polo seu territorio (había unhas 100 máis que foron destruídas), moitas con dolmen e cunhas medidas que superan os sesenta metros de diámetro.

Pode que che interese...