fbpx
Paisaxe eólica / foto tdahl CC0

Dez grandes lugares patrimoniais ameazados, para entender o impacto da avalancha eólica no patrimonio

Tempo de lectura: 8 min.

Na mañá do día onte, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, unha marcha multitudinaria percorreu as rúas de Santiago de Compostela. A marcha reclamaba un novo modelo eólico para Galicia e a paralización dos proxectos en tramitación. Baixo o lema ‘Eólica Así non!’, máis de 20 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sindicatos, grupos políticos e asociacións culturais esixíronlle ó goberno galego outro modelo eólico.

Aeroxerador / foto Steppinstars CC0

Na marcha pediuse un enfoque diferente que non se basee na depredación do medio. Advertiuse do impacto sobre o territorio, con preto de 200 proxectos en tramitación, en zonas de gran valor ecolóxico e ambiental e tamén do enorme impacto no noso patrimonio.

Ó longo de toda Galicia son incontables os lugares históricos, etnográficos e paisaxísticos afectados polos novos proxectos. Mais tamén polas súas infraestruturas, como a apertura de pistas, os novos tendidos eléctricos e subestacións. Nunha longuísima nómina veranse afectados, castros, mámoas, petróglifos, xacementos romanos, restos medievais ou patrimonio etnográfico.

Mais tamén a estrutura territorial ligada a cada lugar, na que os proxectos eólicos fan tabula rasa. Entre eles o patrimonio paisaxístico e inmaterial, que non se atopa recollido en nos informes de impacto ambiental. Neste artigo recollemos algúns dos bens ameazados, máis a nómina de afectacións ó patrimonio é tan longa como a os proxectos plantexados.

 

Aeroxeradores / foto RJA1988 CC0

O Castro Valente, o lugar con maior potencial para a nosa historia

No cumio dun monte, entre os concellos de Padrón e A Estrada, como contamos noutro artigo, podería estar unha das claves para entender un dos momentos máis descoñecidos da historia de Galicia, o período entre o final do Imperio Romano e a conformación da Galicia medieval. Trátase dese excepcional momento no que se colocarían os alicerces da evolución social, política e económica da Galicia, da Idade Media e até os nosos días.

Ese xacemento é o Castro Valente, un recinto escavado por Tempos Arqueólogos SL e que apuntou interesantes conclusións. Porén, as claves históricas que podería revelar este excepcional enclave poderían estar en risco, unha vez máis, por un novo parque eólico.

Trátase do Parque de Castro Valente, de Iberdrola Renovables Galicia S.A.  O parque estaría composto por catro grandes aeroxeradores de 107 metros de buxe e 145 de diámetro de rotor, Os catro aeroxeradores proxectados para o mesmo monte estarían ó mesmo pé da zona de amortecemento da fortaleza, a tan só 59,38 metros de esta. Podes coñecer máis neste link.

O xacemento de Castro Valente en Padrón / foto obaixoullagal

A Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Chama a atención que a pesares de ser un espazo protexido, salvado de converterse en canteira tras unha gran mobilización veciñal, dous parques eólicos o ameacen. Literalmente enriba desta paisaxe monumental proxéctanse neste momento dous parques con ata 16 aeroxeradores que acadarían ata 127 m de altura, nunha das máis impresionantes da Costa da Morte.

Son os proxectos do Monte Chan e o da Pena dos Mouros. O primeiro, na zona sur do val, contempla a instalación de 9 aeroxeneradores que acadarían unha potencia global de 46,2MW, mentres o segundo, con 7 turbinas, tería un total de 35 MW de potencia. Situados entre os concellos de Laxe e Vimianzo, xunto co chamado Pena Forcada de Soesto, rodearían por completo o excepcional val de Traba. O proxecto deu lugar a unha enorme mobilización veciñal. Podes saber máis desta ameaza neste link.

Penedos de Traba / foto turismo.gal

A perda dun bosque centenario en Outeiro de Rei

Denunciado, unha vez máis, pola Asociación Salvemos as Fragas de Catasós, un dos bosques máis importantes do concello de Outeiro de Rei, podería perderse polo Parque Eólico Cordal-Ousá. Non pola instalación de aeroxeradores, senón pola liña de alta tensión de 132 kw que o proxecto contempla, xusto onde hoxe está o bosque.

A obra afectaría a máis de 350 hectáreas de bosque autóctono, no que se atopan ademais árbores de gran antigüidade, que serán cortados. Trátase dun espazo que forma parte da Rede Natura 2000 no coñecido como “Complexo Húmido da Terra Chá”. Tamén atravesará a “área recreativa Penas de Rodas, invadindo fincas con vivendas e bens de especial interese patrimonial ”, afirmaban o pasado setembro dende a asociación. Máis no link.

O Castro Lupario

Outra liña de alta tensión, asociada a un parque eólico, ameaza tamén ó Castro Lupario. Entre Brión, Rois e Teo, este castro é un dos máis enigmáticos polas súas lendas que contan que nel viviu a mítica raíña Lupa. Atópase, ademais, moi preto do mítico pazo do Faramello, da ponte de Paradela, o cruceiro medieval de Francos, e un tramo de Camiño Real, que é tamén Camiño de Santiago.

Todos eles serán afectados pola liña de alta tensión. Trátase dunha obra denunciada por un grupo de veciños de Angueira do Castro e O Sisto. A liña, que prevé construír Red Eléctrica, ameazaría estas aldeas, á ruta portuguesa e os bens culturais dos núcleos do Faramello e Francos. Recentemente o PPdG votou en contra de iniciar o procedemento para declarar BIC o enigmático castro.

 

Penaquetanxe, a rocha que esconxura tormentas e nubeiros.

Tal e como relataba o noso colaborador Carlos Solla, o desaforo eólico, ademais de pór en risco a saúde das persoas e atentar contra a integridade da paisaxe natural, vulnera o noso acervo arqueolóxico e etnográfico. Os proxectos de construción dos parques eólicos, supoñen a enésima ameaza para o patrimonio histórico e cultural, neste caso de Cerdedo e territorios adxacentes.

Aquí sería o Parque Eólico do Porto Vidros, da empresa Naturgy, entre as parroquias da Corredoira en Cotobade, e Pedre e Cerdedo no propio Cerdedo, a que afectaría e un ben de excepcional interese dende o punto de vista antropolóxico. Sobre el preténdese instalar tres aeroxeradores de 138 m de diámetro de rotor e 81/94 m de altura de buxa. A instalación dun deles (T4-01) causará un grave dano á peneda de Penaquetanxe.

Pois sobre esta pedra existía a antiga tradición de empregala para esconxurar as tormentas, os tronos e as chispas. Os seus artífices serían seres míticos coñecidos como escoleres, tronantes ou nubeiros. Así, os pastores que no alto daquel monte alindaban o gando, gorecíanse baixo o beirado rochoso e, ó tempo que batían cos seus caxatos na pedra recitando: “Tente trono, tente en ti, que Deus pode máis ca ti!”. Máis no interesante artigo do noso colaborador.

Penaquetanxe, a rocha que espanta nubeiros e trebóns. Nel quérese construír un parque eólico en Cerdedo-Cotobade / Capitán Gosende

A Torre de Teodomiro

Segundo recolle o Cronicón de Walfrido, o rei Teodomiro de Suabia mandou construír esta fortaleza militar no Monte Cato, coñecida como Castrum Feacium. “Estes dous topónimos aínda perduran localmente en forma de Monte do Gato e Feás”. A Torre de Teodomiro está catalogada como ben de interese cultural (BIC) e recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), aínda que a súa localización exacta estaba en serias dúbidas.

Foi o arqueólogo Antón Malde quen o pasado maio afirmou ter xeolocalizado a torre. Mais esta atópase xusto nun lugar no que Greenalia e Galenergy queren instalar un total de 40 aeroxeradores con ata 200 mw de potencia, distribuídos en seis parques e que afectan a catro concellos. Dende o de Aranga agardábase que este achado puidera frear en parte estes proxectos, nos que tamén se atopan en perigo varias mámoas. Pode coñecerse toda a historia neste link.

Torre de Teodomiro en 3D localizada por Antón Malde

23 petróglifos, 1 mámoa e 1 necrópole en Agolada

O parque Monte do Outeiro, proxectado pola empresa Green Capital Developme NT L, S.L., no concello de Agolada, no corazón xeográfico de Galicia e a pouco máis de dous quilómetros da capital do concello, está a ameazar a un total de 26 bens patrimoniais. Así o recollía a Asociación Ambiental e Cultural Petón do Lobo o pasado mes de febreiro. Trataríase dun parque de 33 mw de potencia, 6 aeroxeradores de 121 metros de buxe e 158 de diámetro de rotor.

O proxecto afecta dun xeito moi directo a varios bens patrimoniais inventariados. Entre eles 23 petróglifos, unha mámoa e unha necrópole. Trataríase da Mámoa dos Muíños, a Necrópole da Costa, a Casa de Gallego, os petróglifos do Monte das Fontelas, os de Valga da Costa, os da Pedra do Rego da Laxosa, os do Monte da Costa, os do Coto das Fontelas e o conxunto dos do Monte do Xastre. Tres dos aeroxeradores localizaríanse no borde mesmo da área de protección dos bens e varios dos camiños de acceso os atravesarían. Mais nesta nova.

Montaxe sobre unha foto dos hábitats protexidos afectados / foto Petón do Lobo

Un dos maiores parques arqueolóxicos do Xurés

O ‘boom’ dos proxectos eólicos acada tamén a contorna do Parque Natural do Xurés. A asociación cultural, ecoloxista e de montaña Arnau presentou, vai apenas uns días, un estudo informativo sobre o impacto que cualifican como “brutal” dun parque eólico planificado sobre o Monte Grande de Bande, considerado o mellor monte forestal de Galicia, situado moi preto do Parque Natural do Xurés.

Segundo indican dende a asociación a través dun comunicado, o Parque Arqueolóxico do Monte Grande “veríase totalmente prexudicado polos polos mastros eólicos”. Estos “ ergueríanse máis de 180 metros do solo e as torres de alta tensión prolongaríanse sobre a paisaxe”.

O Parque eólico de Fonsanta crearase na área de exposición directa do Parque Arqueolóxico do Monte Grande, antesala do Gran Parque Natural do Xurés, un miradoiro privilexiado del. Un lugar “cunha gran riqueza patrimonial, forestal, paisaxística, xeolóxica e natural”. Máis neste link.

A mámoa do monte Perrol, promesas incumpridas e culto á divindade solar

O pasado agosto denunciábase unha vez máis outro atropelo eólico. Pois na Declaración de impacto ambiental relativa ó proxecto do parque eólico Silvarredonda, no concello de Cabana de Bergantiños, indicaba expresamente á afectación dunha mámoa no monte Perrol. Trátase dun proxecto promovido por Enel Unión Fenosa Renovables, S.A.

Monte Perrol / foto Petón do Lobo

“Deberá realizarse un control e seguimento arqueolóxico durante as fases de replanteo, execución de obra e restitución dos terreos”, afirmábase na declaración. Porén calquera referencia á mámoa no Plan de seguimento ambiental realizado pola empresa, limitouse a facer referencia o balizamento. Dende aquela e ata a actualidade, a mámoa continúa esquecida.

O Monte Perrol é unha elevación de máis de 400 metros sobre a ría de Laxe, en Cabana. O pico Cabeza Carneiro está situada no punto máis alto do monte Perrol, onde están localizados os muíños eólicos. Sobre el un dobre gravado e unha lenda sobre os poderosos cornos do carneiro que simbolizaban a abundancia e a vitoria na batalla. Sería un lugar culto relixioso entre ó deus Ar o Ram, o carneiro solar, que empregaba o símbolo dunha serpe con cabeza de carneiro como símbolo de renovación. A historia completa neste artigo.

Paisaxe eólica / foto distelAPPArath CC0

Toponimia, patrimonio inmaterial, lendas

Conta a lenda que o apóstolo Santiago trepou ós montes de Traba, ós Penedos, acompañado por unha humilde anciá que tivo por ben ser a única en darlle teito e comida na vila que existía que no val. No alto do monte ambos os dous mirando cara a antiga vila viron como se ía asolagando polas augas da lagoa que hoxe se atopa sobre o lugar. Dende aquelas penas escoitábase mentres se afundía o son das campás.

Esta é unha das lendas que se coñecen sobre a lagoa de Traba e que teñen como protagonista ós Penedos. Os mesmos sobre os que hoxe estase a proxectar un parque eólico. A asociación Petón do Lobo púñanos de aviso sobre o feito. A toponimia, os usos, os contos, a tradicional explotación do monte, os percorridos ou os camiños. Todos estes elementos poderían perderse para sempre, con cada nova instalación eólica, se non se protexen. Mais tal e como comprobaron, non se recollen en ningunha declaración ambiental.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar. Non esquezas deixar o teu email se queres que o autor/a che dea unha resposta

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: