Así é o outro patrimonio que se perde para sempre cos eólicos
Conta a lenda que o apóstolo Santiago trepou ós montes de Traba, ós Penedos, acompañado por unha humilde anciá que tivo por ben ser a única en darlle teito e comida na vila existía que no val. No alto do monte ambos os dous miraron cara abaixo vendo a cidade se ía asolagando polas augas do que hoxe é a lagoa. Dende aquelas penas escoitábase mentres se afundía o son das campás.
Esta é unha das lendas que se coñecen sobre a lagoa de Traba e que teñen como protagonista ós Penedos de Pasarela e Traba, nos que hoxe se está a proxectar un parque eólico. A toponimia, os usos, os contos, a tradicional explotación do monte, os percorridos, os camiños. Todos estes elementos poderían perderse para sempre, se non se protexen, con cada nova instalación eólica.
Isto é o que se nos lembra dende a asociación cultural Petón do Lobo, reparando, de feito, noutro aspecto. Ningún dos parques eólicos que se están a proxectar nesta chamada avalancha eólica recollen o patrimonio inmaterial nas súas afectacións. A maioría dos parques eólicos teñen delimitado un impacto ambiental e un impacto do patrimonio, máis ningún dos proxectos recolle este outro patrimonio.
A importancia do patrimonio inmaterial
Trátase, de feito, dun patrimonio herdado dunha excepcional importancia. Inclúese os usos do terriotorio, a toponimia, microtoponimia, as lendas, e os contos asociados ós lugares. Porque o patrimonio inmaterial “achega unha riquísima información sobre o pasado: os aproveitamentos tradicionais, a fauna, a vexetación ou os acontecementos históricos”. Un importante recurso, na maioría dos casos, pouco valorado.
Por isto, tal e como lembra Petón do Lobo “cómpre adoptar medidas urxentes para a protección deste patrimonio inmaterial e evitar ser un pobo sen memoria”. Pois o patrimonio inmaterial é tan importante como o patrimonio, arqueolóxico, moble ou construído, e deben establecerse igual que para estes, este medidas para a súa conservación, tendo en conta á súa especial fraxilidade.
A desaparición da toponimia
Un exemplo disto é precisamente, tal e como sinalan dende a asociación, a propia toponimia e microtoponimia. “Os nomes das terras, dos arroios, das fontes, das penas… son identitarios e corren un grave risco de desaparecer”. Os usos tradicionais do monte, tal como a actividades de pastoreo, están a mudar e coa conversión cara espazos de explotación industrial. “Coa muda de toda esta realidade rural o patrimonio inmaterial está en risco”.
Pois “a denominación dos lugares transcende o paso do tempo”, afirman dende a asociación. “A instalación dos parques eólicos varre por completo con este patrimonio e o lugar afectado remata por coñecerse por un só nome, o nome do parque eólico ou proxecto industrial, que incluso pode ser un nome totalmente alleo ao lugar e/ou de invención propia da mercantil promotora”.
Os dereitos da cidadanía a participar nas decisións
Porén, como nomean lei en man dende a asociación, existen unha serie de dereitos fronte a avalancha eólica. Pois a cidadanía ten dereitos recoñecidos a participar na toma de decisións que afecta ó seu medio ambiente, así como, tal e como recordan, a que se cumpra a normativa que protexe o patrimonio.
Esta participación materialízase tanto no período inicial de consultas dos proxectos como na fase da exposición pública dos mesmos e establecemento de alegacións. De feito “o Convenio de Aarhus outorga ó público, particulares e asociacións que as representan, o dereito de acceder á información e participar nas decisións adoptadas en materia de medio ambiente, así como de reclamar unha compensación se non se respectan estes dereitos”.
Tal e como recollen, as directivas da UE blindarían estes dereitos, en normas como a Directiva 2003/4/CE. “Galicia sempre foi un referente no patrimonio inmaterial. Sen embargo, este patrimonio está agora en serio risco”, afirman. O patrimonio inmaterial é un patrimonio “fortemente asociado á memoria e ó cambio de usos dunha sociedade”, e agora podería desaparecer para sempre “varrido polos usos industriais”.