A Sobreira da Peneda, que se salvou por pouco do lume, xa é árbore senlleira
Unha impoñente sobreira (quercus suber) de preto de catro séculos de antigüidade. Esta é a nova árbore da provincia de Pontevedra en entrar no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. A impoñente sobreira atópase ó pé da ermida das Neves, na cima do monte da Peneda, no límite dos concellos de Redondela e Soutomaior.
A sensacional árbore, con ó redor de catrocentos anos, chega ós dous metros de perímetro no seu tronco e acada os quince metros altura. A árbore, unha das máis espectaculares sobreiras da provincia, conservase nun lugar único ó pé da capela e nun miradoiro excepcional, con espectaculares vistas á ría de Vigo.
A sobreira foi incluída no Catálogo a petición dos comuneiros e comuneiras de montes do Viso, que levan anos pedindo a súa inclusión. Porén ata o de agora a Xunta ignorara a súa inscrición ata que, a comezos do mes de febreiro a impoñente árbore entraba, por dereito propio, nesta listaxe.

Sobreira da Peneda / foto monumentalthreescom
Unha árbore supervivente
Porén a súa imaxe sobresae por algo máis que polo seu alto porte e as súas grandes dimensións. Pois a sobreira érguese dominando o monte acompañando á silueta da capela. A sobreira destaca pola súa forma sobre o outeiro, non moi lonxe do Castelo de Soutomaior, que domina visualmente boa parte da comarca.
Pois a sobreira atópase nun lugar no que, alén doutras árbores no adro da ermida, non hai outras árbores adultas sobre a elevación e só se divisa monte baixo. Isto é pola acción dos diferentes incendios que azoutaron o lugar, primeiro na vaga de lume de 2006 e máis tarde na de 2017. Neste último o lume chegou de feito a cercar a propia ermida.
Porén a sobreira non é a única árbore senlleira desta zona. Pois moi preto dela, na anta do monte que mira ó poñente, pode verse un pequeno bosque desta mesma especie. Ademais, non moi lonxe do monte atópanse os xardíns do castelo de Soutomaior con varias árbores neste Catálogo de Senlleiras.