fbpx
Pedro Sarmiento de Gamboa / Pintura de Guillermo Muñoz Vera.

A carta que descubre a identidade galega de Pedro Sarmiento de Gamboa

Tempo de lectura: 2 min.

Investigadores de Chile e Bolivia atopan e traducen un manuscrito orixinal en latín do navegante do século XVI no que enlaza crónicas e lendas de Galicia coa súa propia xenealoxía e que ratificaría a súa proveniencia pontevedresa.

Un texto inédito e descoñecido do navegante Pedro Sarmiento de Gamboa (1532-1592) acaba de saír á luz. Trátase dunha carta redactada en latín e dirixida a lord Burghley, primeiro ministro de Isabel I de Inglaterra, cuxo contido enlaza crónicas e lendas de España e Galicia coa propia xenealoxía deste explorador, científico e humanista. Segundo os descubridores do manuscrito, o texto resolvería a polémica da procedencia de Sarmiento —fillo de pai pontevedrés e de nai biscaíña— e confirmaría a hipótese de que a súa patria era Galicia, contradicindo a aqueles que defenden que era madrileño, natural de Alcalá de Henares.

Carta que confirmaría a identidade galega de Pedro Sarmiento de Gamboa

Carta que confirmaría a identidade galega de Pedro Sarmiento de Gamboa

O manuscrito orixinal foi achado, traducido ao castelán e publicado no último número da revista Hipogrifo polos investigadores Andrés Eichmann Oehrli, da Universidad Nuestra Señora de La Paz (Bolivia), e Joaquín Zuleta Carrandi, da Universidad de Los Andes (Chile), que participan no proxecto FONDECYT de postdoutorado ‘Estudio y edición crítica de los textos de Pedro Sarmiento de Gamboa relativos a su segundo viaje al estrecho de Magallanes (1580-1591)’.

Galicia Confidencial dá conta deste feito e suliña que a carta orixinal foi atopada en Londres, nos Arquivos Nacionais do Reino Unido (The National Arquives), e permaneceu inédita e descoñecida ata agora. Trátase do único documento de Sarmiento do que se ten noticia escrito integramente en latín, lingua coa que se comunicou oralmente cos seus captores en Inglaterra.

O manuscrito foi redactado catro días despois da liberación de Sarmiento, polo que, segundo os autores do achádego, “é moi probable que fose escrito e enviado desde Francia como un último xesto de gratitude a un dos protectores de Sarmiento durante o seu cativerio en Londres”, lord William Cecil Burghley (1520-1598), o ministro máis importante do reinado de Isabel Tudor e home clave nas finanzas do reino inglés. Máis información no GC.

Pode que che interese...