fbpx
Josiño da Teixeira e Quique Estévez, dous dos poucos regueifeiros en activo / Duvi

Buscan regueifeiros para evitar a extinción dunha tradición milenaria

Tempo de lectura: 3 min.

Galicia só conta na actualidade con sete regueifeiros en activo. Unha tradición que pode desaparecer se non hai un recambio xeracional. Por iso, a Facultade de Filoloxía e Tradución busca entre o seu alumnado aspirantes a regueifeiros, mozas e mozos dispostos a perder a vergoña, pasalo ben e achegar a o seu gran de area para que unha das mostras máis particulares da cultura oral galega, as regueifas, non se perdan. Improvisación, desafío e oralidade son os ingredientes básicos, o demais, corre pola súa conta.

Josiño da Teixeira e Quique Estévez, dous dos poucos regueifeiros en activo en Galicia e tamén dos máis novos, puxéronlle o mel nos beizos cunha demostración práctica do que é a regueifa. Fixérono nun Obradoiro de improvisación oral impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística do centro e a Área de Normalización Lingüística da Universidade.

“A intención é espertar o interese por esta actividade e, tal vez, se o logramos, fomentar a creación dun colectivo universitario de practicantes das disciplinas de improvisación oral”, explicou o profesor Xavier Gómez Guinovart, un dos organizadores, no DUVI. “Se todo sae como agardamos, no seguinte cuadrimestre organizaríamos un concurso con premios interesantes para animar á participación”, subliñou o docente, que fixo fincapé en que a Comisión de Normalización Lingüística do centro levaba tempo dándolle voltas á idea de organizar unha actividade de dinamización lingüística que posuíse unha compoñente lúdica e afondase na expresión oral.

“Vimos que a Asociación Cultural ORAL de Galiza tiña un longo e exitoso percorrido na organización de obradoiros sobre este tema, e decidimos solicitar a súa colaboración e apostar por esta actividade, tanto na súa faciana tradicional da regueifa, como en aspectos máis recentes e urbanos como o rap e expresións similares”, recalcou Góméz Guinovart.

Integrantes da Guintervan / aregueifa.es

Integrantes da Guintervan / aregueifa.es

“Ritmo, melodía, rima e cadencia, iso é o principal”

O obxectivo do obradoiro, que continuará o vindeiro xoves, é divertir ás persoas que participan nel e, ao tempo, inicialas na aprendizaxe e práctica de aspectos importantes do uso coloquial e oral da lingua. “Comezamos cun exemplo do que é unha controversia improvisada en verso e despois damos unha visión global do que é a improvisación oral no resto do mundo, para xa logo facelos participar a eles, tratando de darlles as principais claves para que vaian rimando como facemos nós”, explicou Quique Estévez.

E cales son estas claves? “Ritmo, melodía, rima e cadencia, iso é o principal”, recalcou Estévez, ao que Josiño da Teixeira engadiu que “cada cultura ten a súa propia improvisación e nas métricas cada un márcase as súas propias normas”. Mesturando teoría e práctica, as persoas que asistiron ao obradoiro achegáronse as súas técnicas, aos recursos que empregan e, en xeral, “ao principal que fai calquera arte improvisada, pois, ao final, independentemente das normas de cada cultura, todas teñen unha raíz común”.

Rap versus regueifa

Na actualidade en Galicia só seguen en activo sete regueifeiros, o máis novo o propio Josiño da Teixeira que, con 32 anos, admite que, se seguen así as cousas, en 40 anos o tradicional en Galicia será o rap e non a regueifa. “O rap é algo que vén de hai uns anos para aquí, pero a regueifa leva en Galicia desde sempre e sería unha pena que se perdese”, subliñou. “Cada vez somos menos pero penso que as cousas xa están mellor do que estiveron, pois xa hai xente traballando niso, sobre todo a través da asociación ORAL aquí en Vigo, que ten organizado moitos obradoiros nos institutos cos que os máis novos parece que volven conectar co mundo da regueifa”, explicou Estévez, que recalcou “nós estamos encantados, cantos máis mellor”.

Pode que che interese...